Tag Archives: xurxo souto
Unha Barriografía no horizonte do barrio, “onde a Agra é máis Orzán”
Unha Barriografía dende o “Maracaná da Chave”
Barriografía de “cidadáns escarranchados” cos Papaqueixos e Galu Teranga
Escoita a Barriografía da taberna A Grade
ACTIVIDADES | BARRIOGRAFÍAS “Si canta mal, no cante. Si canta bien, cante fuera”. Así foi como a “hostalaría de formica” dos anos setenta expulsou a canción dos bares e así foi como comezou Xurxo Souto a súa cuarta Barriografía para Música en Branco o pasado venres 31 de maio, contra as oito da tarde, alí onde “o talento popular insiste e resiste”. Na taberna A Grade, na rúa Andrés Gaos, no corazón da Agra do Orzán, co local ateigado e as gorxas dispostas para unha maratón vocal de hora e media.
Á beira de Xurxo, un dos protagonistas do serán: Ricardo Seixo, voz abenzoada, veciño do barrio, aínda que nado en Curtis, e porfiado animador do grupo de canto popular da Asociación de Veciños Agra do Orzán. A parroquia coñéceo precisamente por iso, pero esta Barriografía tamén serviu para rescatar grazas ao tocadiscos a súa traxectoria musical. Comezando por Regueifa (1979), un dos temas aos que lle poñía voz en Verbas Xeitosas –un grupo que nacera na Escola de Maxisterio da Coruña na primeira Transición e que chegaría a gravar dous LP–, e seguindo con Romance de cego: in memoriam de Federico García Lorca, colaboración con Suso Vaamonde para ¡Abolición!, disco colectivo contra a pena de morte.
Seguir lendo
Xa podes escoitar a Barriografía da Silva
ACTIVIDADES | BARRIOGRAFÍAS Estreamos as Barriografías a bordo dun autobús, na liña 7, no traxecto de Monte Alto a Rolda de Outeiro, entre a pasaxe habitual e os medios de comunicación que viñeron descubrir con nós esta viaxe comandada por Xurxo Souto polos sons, as músicas e as memorias da xente da Agra do Orzán. Desprazámonos logo ao colexio de San Pedro de Visma para recoller, non había nada que inventar, todo o talento que cada mañá no tempo do recreo enche a grella de Radio SPV, a radio libre das alumnas e os alumnos, que eles chaman tamén Radio Patio e Radio Tuku-Taka.
Para a terceira etapa, o equipo da radio itinerante subiu barrio arriba até o antigo couto da Coruña, A Silva, onde se daban, dicía Xurxo Souto con fachenda, coma se fose mesmo da zona, os mellores repolos, o mellor trigo e o mellor millo da volta, o cereal que logo ía dereito aos antigos muíños da Agra do Orzán. Máis de medio cento de persoas responderon a chamada das Barriografías nos exteriores do Centro Cívico da Silva. Ambientazo.
Seguir lendo
Escoita a Barriografía do CEIP San Pedro de Visma
ACTIVIDADES | BARRIOGRAFÍAS A segunda parada da caravana das Barriografías era obrigada. No CEIP San Pedro de Visma, á beira da Rolda de Outeiro, non había moito que inventar: as alumnas e os alumnos xa fan radio todos os días, durante o recreo. “Radio libre”, insiste Rocío, a profesora responsábel de manter o fío na pequena emisora, cada vez que lle preguntan. Tan libre que ten polo menos tres nomes, segundo lle cadre a quen fala dela: Radio SPV, Radio Patio ou Radio Tuku Taka, en honor á canción favorita do equipo de locutoras e locutores e seica tamén da audiencia: o Tuku Taka de Centollito.
Xurxo Souto desprazouse co equipo das Barriografías o mércores 22 de maio ao centro para recoller toda esa música e todo ese talento miúdo nunha hora de radio ao vivo, coas rapazas e os rapaces arrodeando o estudio improvisado nun recanto do patio e participando de todas as maneiras posíbeis na confección do programa.
Bárbara encargouse das cancións dedicadas, fose o popularísimo Tuku Taka do Centollito, fose El bombero con la manguera, outro hit das mañás de Radio SPV. Ao seu carón, Aitor falou das bondades do deporte e aproveitou a hora do recreo para retransmitir, en exclusiva, o partido entre 6º A e 6º B que se disputaba na cancha descuberta do centro.
A música en directo puxérona os Rumberos do Portiño: Donovan (guitarra), Melody (percusión), Abigail e Jennifer (voces) e Samuel e Álex (palmas). Entrevistados por Xurxo Souto, interpretaron tamén o Ali Ali Ooo e mais Kimbala, de Canelita, a primeira con algún arranxo orixinal dos rapaces, e unha de Niña Pastori, Y para qué. Ao baile sumáronse espontaneamente Naima e Juncal e ás opinións, Mauricio e Abel, do club de fans dos Rumberos.