Unha Feira Artesá para decubrir a que soan os oficios

Entender, compartir, rexistrar e difundir o ambiente xerado ao redor das relacións comerciais coma un ben patrimonial dos nosos barrios. Con estes obxectivos en mente, o colectivo TANKollectif, xunto con NIQUELARTE, abrirá este sábado no Mercado das Conchiñas unha Feira Artesá desenvolvida para Música en Branco. Trátase dun encontro no que compartirán espazo tanto a cidadanía coma unha serie de oficios tradicionais. “Haberá tapiceiros, palilleiras, reloxeiros, xoieiros… Todos eles ocuparán os postos baleiros do mercado das Conchiñas para amosar o seu traballo”, sinala María Ríos, integrante xunto a Fátima Ruiz de TANKcollectif.

A meta desta iniciativa é poñer en valor todos estes oficios e establecer unha conexión máis directa coa cidadanía. “É dicir, acadar unha maior visibilidade e achegarlle ao público estas actividades artesanais”, resume Ríos. Esa posta en valor do coñemento ao redor destas actividades conséguese a partir de tres liñas principais:

1. RELACIÓN: O comercio entendido dende as relacións persoas, as sinerxias e os intercambios que se producen ao seu redor. As relacións entre iguais, interxeneracionais e interculturais pódense producir no intercambio comercial

2. SON: Os oficios, como a vida mesma, conta cunha serie de sons característicos, dunha identidade sonora nacida a partir dos seus movementos, das conversas que xorden no proceso creativo. Todo ese conxunto sonoro conforma unha natureza propia e indivisble de cada unha das actividades que se poderán ver nas Conchiñas.

3. TRANSFORMACIÓN ESPACIAL: En cada oficio prodúcese unha transformación temporal e efémera que, días tras días, prodúcese nos obradoiros e que desta volta se producirá, ao seu modo, nas Conchiñas. 

DINAMIZADOR E RECOLECTOR

Ese terceiro aspecto tomará corpo o próximo sábado, ao transformar por un día a natureza habitual deste mercado da Agra. Os postos baleiros serán ocupados polos diferentes artesáns e alí desenvolverán o seu traballo. Darase así unha transformación e tamén  unha dinamización do espazo público. Dese xeito, facilitantaranse relacións que non se dan no día a día, ou que sexa reflexo nalgúns casos de inquedanzas de transformación ou relación latentes.

O proxecto da Feira Artesá, ademais de dinamizar dun xeito diferente o Mercado, enténdese tamén como unha sorte de recolector. Grazas ós mecanismos de gravación audiovisual que se incorporarán en cada un dos postos da “feira artesá” poderase coñecer, compartir, analizar e localizar as vivencias de cada un dos comercios.

SESIÓN VERMÚ E MÚSICA

A Feira Artesá desenvolverase ao longo deste sábado, 23 de novembro, no Mercado das Conchiñas. Os artesáns ocuparán os seus postos e antenderán o público a partir das once da mañá e até as 17.30 horas, aproximadamente. Ás 13.30 horas celebrarase unha singular sesión vermú, na que Ricardo Seixo e outros cantareiros do barrio particiarán nunha mostra musical das cancións propias do barrio, que serán tamén gravadas para o conxunto do material recollido nesta Feira Artesá.

QUEN É TANKollectif?

TANKollectif é un colectivo que ten como obxecto aproxima-la transformación e a xestión da cidade e o territorio ás necesidades, inquedanzas, formas de vida e proxectos da cidadanía. Coa posta en acción do “urbanismo in-situ” TANKollectif promove accións en contacto coa veciñanza, asociacións e colectivos involucrados na vida da súa cidade/barrio/lugar có fin de localizar iniciativas existentes ou latentes e ofrecendo o apoio técnico para desenrolarse e evolucionar, de modo que o deseño da cidade/barrio/lugar responda ás necesidades dos que os ocupan e habitan e lle dan identidade.

TANKolectif fundase en marzal do 2012 por María Ríos e Fátima Ruiz. Arquitectas urbanistas de formación e investigadoras-activistas urbanas na práctica. Ate o momento teñen colaborado con diversos creadores e artistas como ‘Elisa González García’ (Elienígena), asociacións ‘Entremos na Panificadora’, ‘A barlovento’ o
‘Megaloportrait’, Tecnoloxías apropiadas, Aprendiendo en la Tribu e laboratorios de arte dixital e creación como ‘Alg-a Lab’.

Advertisements

Os Paseos polo barrio rematan cunha camiñada ideada para “salvar obstáculos”

ACTIVIDADES | PASEOS POLO BARRIO Con case once quilómetros por diante, cun grupo de camiñantes xa familiar e co encoro de Meicende diante. Así comezou o pasado domingo a cuarta e última camiñada de Paseos polo barrio, a iniciativa de sandeirismo urbano dirixido por Cristina Anllo dentro da programación de Música en Branco. Foi ao cuarto itinerario cando o sol decidiu acompañarnos nestes itinerarios, precisamente na ruta máis esixente das catro que se eleaboraron de forma colaborativa mediante o obradoiro aberto que se celebrara o pasado 25 de maio no Centro Ágora.

Con esa intensidade no horizonte, comezou a marcha polo paseo do encoro de Meicende. Alí, o especialista convidado nesta ocasión, o xeomorfólogo Juan López Bedoya, realizou unha primeira parada para abrir unha clase maxistral ao redor da formación dos solos, dos tipos de asentamentos humanos, das calidades das pedras e da moficación da contorna. E, de entrada, advertiu como as modificacións do terreo poden facer que “a paisaxe se volva en contra da xente”. Para iso, tomou como exemplo a identidade de Meicende. “Nesta zona tiñamos unha conca hidrolóxica natural que foi modificada. O río desembocaba no peirao de San Diego. Non obstante, esa conca desapareceu e creouse un encoro para abastecer de auga ás dúas industrias principais da zona: a refinaría e a fábrica de aliminios. Cortouse así a drenaxe natural”, comezou a explicar Juan López Bedoya.

OS OBSTÁCULOS DO SISTEMA VIARIO

Esa modificación da conca natural transformou a natureza de Meicende, como tamén o fixeron as construcións das vías de transporte de alta capacidade, creando un espazo asfixiado polo asfalto, pensado só para o transporte de vehículos e esquecéndose da mobilidade da cidadanía. “Nos anos oitenta abríronse esas vías de gran capacidade, creando un sistema radial para unir os diversos polígonos da cidade. Todo iso volveuse en contra da xente, creáronse atrancos de mobilidade e agora, para camiñar, hai que salvar obstáculos moi complicados”, sinalou Bedoya dun lugar que durante séculos foi un cruzamento de camiños. “Por aquí pasaba a liña XX do itinerario Antonino, que unía Braga con Lugo pola zona costeira. Posteriormente, os visigodos crearon tamén vías de circulación que se foron usando ao longo dos séculos. Xa nos anos trinta do século XX, cambiou a visión da comunicación por terra e creouse unha lexislación diferente á hora de planificar estradas, pensando principalmente no transporte de motor. A partir de aí e co paso das décadas, creouse un plan radial de transporte, moi propio do desarrollismo”, destacou Bedoya.

Todas estas circunstancias provocaron un tipo de asentamentos na zona, condicionadas polas infraestruturas que se ergueron ao longo dos séculos. “Agora podemos distinguir catro tipos de asentamentos na zona. O primeiro, a Pastoriza. Este zona resulta moi antigua e medrou ao lado da vía. Ao seu redor, estableceronse as súas agras. O segundo tipo de asentamento, son o conxunto de aldeas pequenas que aproveitaron a conectividade das vías. Non obstante, carecían de agras e son asentamentos terciarios. O terceiro sería o de Nostián, que ocupou a parte media das ladeiras. Por último, serían as aldeas antigas que, finalmente, foron fagocitadas pola Coruña no seu crecemento. Nelle, Outeiro ou Peruleiro son algúns exemplos”, rematou a súa primeira intervención.

Despois dese contexto histórico trazado por Bedoya, a marcha continuou rodeando o encoro, cruzando Meicende e dirixindo a marcha cara á refinaría. A ruta transcorreu ao seu redor  e realizouse unha volta completa á instalación. As súas torres e o seu ruído perpetuo acompañaron os camiñantes deste Paseo polo Barrio ao longo de toda a mañá.

CREANDO CONTORNAS

Á sombra das chemineas, Bedoya realizou unha segunda parada. Nela, os oíntes viaxaron millóns de anos atrás para coñecer a formación da contorna da cidade herculina. “A historia xeolóxica é a orixe da paisaxe. Hai 360 millóns de anos, houbo un gran choque de continentes e naceu Panxea. Posteriormente produciuse a oroxénea, unha familia de eventos sísmicos que se repetiron durante 70 anos. A partir de aí, erguéronse as grandes montañas e unha serie de fluxos internos que foron conformando o granito que hoxe coñecemos. Despois, chegaron as fracturacións do terreo, cunha dirección suroeste-noroeste. E millóns de anos despois, producíronse ao revés, dirección noroeste-suroeste. Nese momento, tivo lugar a separación da península da Coruña e foise perfilando a contorna. Finalmente, chegamos ao neoxéneo, un proceso de hai 50 millóns de anos que retoma as fracturas . Todo o que vemos hoxe, toda a contorna está condicionada por ese proceso”, rematou López Bedoya o seu periplo de millóns de anos pola formación da paisaxe.

RACHANDO MITOS

E despois do terreo, o experto quixo furar na vexetación para rachar un mito instalado no imaxinario colectivo. “Hai sesenta anos había moi poucas árbores en Galicia. Realmente, agora Galicia está máis arbolada”, sentenciou o experto, que insistiu na idea ao afirmar que “iso de que un esquío podía atravesar Galicia de póla en póla sen tocar o chan sempre foi mentira”.

A partir dese momento, Juan realizou un novo percorrido histórico ao redor da evolución dos bosques e das árbores ao longo de séculos de eternidade. “Os bosques comezaron tras a última glaciación hai 50.000 anos. Despois, plantámonos na época romana e establécese un sistema xeral de rozamentos, nun momento que podemos considerar o período cálido romano, cando as temperaturas eran superiores ás da actualidade. Séculos, despois chegamos a época dos mosteiros. Ao redor do 1300, Galicia vive o seu momento máis arbolado“, sinalou o experto.

Dende ese momento, a superficia de ábores no país mirrou e seguiu mirrando. Os bosques van minguando co paso dos séculos e a mediados do XIX a superficie redúcese a niveis mínimos. “Prodúcese a minirrevolución industrial que tivemos acó e emprégase para diversas industrias e manufacturas a madeira. Realmente, nunca houbo tantos bosques como poderiamos pensar“, concluíu.

ENTRE PENAMOA E BENS

Tras esta fonda explicación, a marcha continuou rodeando a refinería até chegar á estrada de Bens. A partir de aí, a agresividade do asfalto dificultou a mobilidade e atrevesamos zonas límites nas que, en todos os recantos, agroma o deterioro. Atravesamos a estrada, penetramos por San José e bordeamos os polígonos industrias antes de seguir pola Silva e chegar a Penamoa.

A hora de xantar botóusenos enriba e, fóra xa do horario, establecémonos entre Penamoa e o Parque de Bens, onde se faría a derradeira parada destes Paseos polo Barrio. Co formigón da Agra do Orzán “furando no ceo”, como reza a sintonía das Barriografías, López Bedoya fixouse polo miúdo na paisaxe. Pasaixe de contraste, nacido da confrontación entre o formigón urbano e as leiras aínda sen urbanizar, entre os límites do barrio e a Terceira Rolda. “Esta zona dedicouse durante anos ao cultivo. Non obstante, nas últimos décadas abandonouse a plantación e produciuse a recolonización vexetal“, explicou antes de teorizar sobre os tipos de vexetación existirían se se mantivese a monte durante moito tempo. “Se os seres humanos non actuasen sobre o terreo nunca máis, seguramente todo isto sería unha gran carballeira”, explicou Bedoya.

RECUPERAR A AGRA PERIURBANA

Posteriormente reflexionou -como en Meicende- sobre as modificacións das concas naturais. “A primeira das consecuencias é que as fontes naturais desapareceron, como tamén a vexetación de ribeira. A segunda, ten que ver coas praias. É dicir, os ríos son os que levan o alimento areoso ás praias a través da erosión. Se modificamos as concas, o alimento areoso non chega á praia e temos problemas coas areais. Iso pasa en gran parte da costa galega. E en Riazor tamén pasa, aínda que hai outros moitos factores que inflúen”, rematou Bedoya.

Por último, o experto describiu unha posibilidade de futuro para esta zona que, noutrora, ocuparon os cultivos. “A proposta  sería a recuperación desta agra periurbana, recuperar a cultura agrícola tradicional da zona, creando un espazo de traballo novo na cidade e  de intercambio xeracional de coñecementos sobre o campo que se está perdendo e, quizais, crear un Agromuseo. Toda esta zona poderíase revestir dun halo cultural, un halo cultural que é real, que existe, existiu e debería seguir existinto”, concluíu.

Despois, os camiñantes afrontaron o último treito deste intenso Paseo polo Barrio. Descendeuse até o barrio dos Mariñeiros, bordeuse a Rolda de Outeiro e concluíu a marcha nas proximidades do Estadio de Riazor. O sol seguía batendo con forza contra ás seis e media da tarde, momento en que as camiñadas de Música en Branco chegaron, tras catro domingos de percorrer a cidade polas costuras, chegou ao seu derradeiro destino. Agora, en outono, o ciclo de actividades de sendeirimos urbano concluirá cun Obradoiro de bombas de sementes conducido por Cristina Anllo. Vémonos en outono. Daquela, todos nós teremos xa percorrido outros moitos camiños.

“A música tradicional fala da vida mesma”

O primeiro ciclo de actividades de Música en Branco: memoria da Agra do Orzán chegou ao seu final o pasado mércores co Contedor de Feminismos, un proxecto de arquivo móbil deseñado para o espazo público que xurde a partir dunha idea de Uqui Permui. Ten como obxectivo recuperar, documentar e mostrar as historias das mulleres, o feminismo e as loitas de liberación sexual dos últimos trinta anos en Galicia. Foi creado para recoller o material, para amosalo e difundilo dunha maneira non xerárquica e con desexo de crear redes.

O dispositivo de exhibición foi deseñado por Carme Nogueira e producido para as xornadas Contra vento e marea. Verbas e pegadas dos feminismos, organizadas por Anxela Caramés na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán da Coruña, en setembro de 2009. E o pasado mércores, este Contedor de Feminismos adaptouse ás singularidades de Música en Branco para furar na memoria musical das mulleres de barrios. Unha ducia de persoas acudiron ao convite e lembraron, entre melodías e memoria, as letras de cancións propias e colectivas.

O punto de partida foi a música tradicional, a música de dous pobos. Por unha banda, o galego. Pola outra, o senegalés. “Todo pobo ten a súa música, ten as súas cantigas e todo entra dentro da cultura propia”, explicou Noa Seixo, que insistiu ao longo da conversa na necesidade de conservar a tradición musical. Necesidade que tamén reivindicou Elizabeth, veciña da Agra procedente de Senegal. “Nós tamén temos música tradicional, música senegalesa, que temos que conservar”, explicou Elizabeth, antes de destacar que  “as mullerers son as que compoñen, as que canten” no seu país. “As mulleres seguen a manter as cancións populares”, sinalou.

A MÚSICA TRADICIONAL NO ENSINO

Un dos primeiros debates que xurdiu xirou ao redor do ensino e os seus vencellos coa educación. “No colexio ninguén nos ensina cancións populares nin música tradicional nin danza. Todo iso pérdese. Eu, cando era cativa, ía a danza e a música tradicional porque me educaron no amor ao tradicional. Era das únicas. Hai un problema coa música nosa: tes que ir buscala ti, non se achega a ti. Iso hai que mudala dende o ensino”, lamentou Noa. Non obstante, Rosa Pereira amosou unha experiencia diferente, botando a vista atrás na súa propia vida. “En Rolda de Nelle, onde estudei eu, dábannos clase de música, de danza. En Santa Margarita facíanse mostra tradicionais na romaría que se facía. E cantabamos moitas cancións populares que nos ensinaban. Iso era así e tamén faciamos teatro en galego, o cal era moitísimo máis raro naquela época”, rememorou.

Outra das participantes tamén quixo destacar a importancia de conservar a música de noso dende as súas orixes. Ramona, do Coro da Silva, mallou nese sentido. “Interésanos as raíces da música galega. Buscamos cada día cancións que xa non se escoitan”, sinalou.

“A MÚSICA POPULAR É A VIDA MESMA”

De que fala a música popular? A que olla para crear as súas letras? Que significan para un pobo? “A música tradicional é a vida mesma. Nela está o que a xente vivía na súa vida”, sentenciou Ramona. Como a vida mesma. Nin máis nin menos. Talvez, esa foi a idea máis repetida e apoiada por todas ao longo da conversa. Tanto dende o punto de vista de acó, como o de máis aló. “As cancións tradicionais son sobre cousas que pasaron, que vivimos. No meu país, sobre todo, falan do que lles aconteceu ás mulleres que loitaron moito. Porque no meu pais, a música sempre cantaba moito á xente. Á xente que fixo cousas, que había que lembrar. Agora, quizais, cántase só a xente que ten cartos”, concluíu Elizabeth.

Cántase, polo tanto, á vida mesmo. E os acontecementos que vive a xente. E alí, ás portas do Ágora, Araceli e a súa nai, Sara, lembraron unha época familiar cargada de cancións. Cancións que acaban lembrando cada pouco tempo e cantando nas súas xuntanzas familiares. “Temos unha canción que escribira meu avó, o pai da miña nai que era anarquista, que é coma un himno para nós”, explicou Araceli antes de entoar, xunto a Sara, a letra desta canción titulada Anarquía redentora. “Anarquía redentora, sublime bello ideal / Con su influjo, el capital /vive su última hora. Viva la Fai y su hermana CNT, otra no hay que luche con tanta fe“, comezaron a cantar Araceli e Sara.

As dúas lembraron outras cancións vidas do pasado. Unha delas pertencía a Miguel Sobrado, o fillo menor dos donos do vello comercio Tejidos Barcelona. “El non a vivira , pero fixera cancións sobre a Guerra Civil”, explicou Araceli antes de cantar, outra vez coa nai, unha letra sobre a historia dunha persoa que, con conciencia, nunca quixo matar. “E contan, amiguiño, a historia que xa ninguén pode contar/ Foi naquel tempo do que xa ninguén que falar/ Pepe araba, dichoso, na súa terra/ viñeron a por el para que aprendese matar / Teño ollos para ver /mar para falae, teño razón para saber/ díxolles aos que lle viñeron buscar

OS OFICIOS DA MULLER NAS CANCIÓNS

“As cancións servían para comunicarse. As mulleres, cando andaban a traballar, cantaban para comunicarse entre eles”, explicou Noa, antes de coller a letra dunha canción na que se amosaba o traballo feminino na época: “Manuela, miña Manuela / manoxillo de nabizas/ Aínda que naciches na Grela esa gracia que tes ao pisar/ non a ten ninguén na terra”, cantou Noa, quen reivindicou unha vez máis a importancia de conservar todas estas cancións populares, de realizar un rexistro serio para a súa conservación, cousa que moitos xa están a facer. “Se non fose por xente como Quique Peón e outros moitos e outras moitas que as están a recoller, eu non podería cantalas nin sabelas”, reivindicou Noa.

A partir de aí, a conversa entrou no papel da muller como sustento da familia e da sociedade. Unha constante, tanto nunha parte do mundo como da outra. “As cousas da familia eran da nai. Nós, estando fóra, cando mandabamos cartos á familia a Senegal, sempre os mandabamos á nai. Miña nai encargábase de distribuir os recursos. A muller é o máis importante da familia. No meu país e en todos, o pai pode ser pai de moitos, a nai é só túa”, explicou Elizabeth entre risos das participantes. Pola súa banda, Rosa insistiu nesa mesma idea de que “as mulleres levan o peso da casa”. E tamén, durante xeracións, a memoria das familias, conservando as tradicións e a música tradicional. “Por exemplo, as cancións infantís, esas que lles cantamos aos rapaces para durmir, foron de xeración en xeración mediante as mulleres. Cantábanas as nais”, explicou antes de concluír cun rotundo “sempre nos educaron para coidar dos demais”.

“DARLLE VOLTA ÁS LETRAS” 

E da educación e a vida familiar, regresouse a música a través, primeiro das cancións infantís, e despois coas voces de grandes divas. A primeira en xurdir foi Sara Montiel, que, segundo Araceli era moi “folclórica, pero chapó para ela”. Referíase as letras que cantaba, entre últimos cuplés, e que daban unha visión diferente das mulleres en tempos nas que as mulleres case nin podían ver. Con esa idea como pano de fondo, cantaron Agua que no has de beber. “No se porque andas diciendo que soy mala/ Que el alma tengo negra muy negra /Que soy interesada y pretenciosa /Que de orgullosa no cabe más/ No te ocupes de mí /No he de ser para ti / No te canses déjame ya / Agua que no has de beber déjala correr / Déjala, déjala“. E de Sara Montiel, pasaron a lembrar a outra cantante, neste caso mexicana. Paquita la del Barrio. “Dáballe a volta ás cancións, cambiaba o masculino do feminino nos corridos mexicanso, dáballe outra dimensións as cancións”, lembrou Uqui Permui.

E despois das divas, volveuse á musica tradicional e a importancia da súa conservacións. “A música tradicional fala de nós, da vida mesma. Por iso hai que conservala, por iso debemos facer un arquivo, oficialiazala e visibilizala”, sentenciou Noa aputando os últimos momentos dun Contedor que xa estaba a piques de pechar. Con esa idea no caletre de todas, remataba o tempo dunha conversa que viaxou polos pentagramas da memoria.