Contedor de feminismos

O Contedor de Feminismos é un proxecto de arquivo móbil deseñado para o espazo público que xurde a partir dunha idea de Uqui Permui. Ten como obxectivo recuperar, documentar e mostrar as historias das mulleres, o feminismo e as loitas de liberación sexual dos últimos trinta anos en Galicia. Foi creado para recoller o material, para amosalo e difundilo dunha maneira non xerárquica e con desexo de crear redes.

O dispositivo de exhibición foi deseñado por Carme Nogueira e producido para as xornadas Contra vento e marea. Verbas e pegadas dos feminismos, organizadas por Anxela Caramés na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán da Coruña, en setembro de 2009.

O contedor e a docu-acción están pensados para poder adaptarse tanto ao contexto, neste caso o barrio da Agra do Orzán, como ao relato a documentar, neste caso a memoria sonora e musical das mulleres migrantes do barrio, grazas aos andeis e a táboa que se desprega no interior e a través da pizarra do exterior.

A través desta proposta as tres artistas queren falar sobre o lugar intermedio entre o público e o privado, recuperando as persoas que están detrás dos procesos colectivos, para rescatar esoutra memoria.

Despois de ter percorrido espazos e historias en Vilaxoán (2009), A Coruña (2009) e León (2013), para o proxecto Música en Branco propoñemos traballar coas memorias musicais e sonoras das mulleres migrantes, tanto galegas como estranxeiras, que foron chegando ao barrio da Agra do Orzán desde os anos sesenta.

Recollendo o contedor na Coruña

Recollendo o contedor na Coruña

COMO PARTICIPAR

As persoas que desexen participar neste proxecto poden inscribirse a través do correo electrónico musicaenbranco@gmail.com. As formas de participación son dúas: por un lado pódese participar na fase de investigación que será desenvolvida entre o mes de maio e o 25 de xuño, tempo no que as artistas entrevistaránse e falaran coas persoas participantes dun xeito interno. Ou ben pódese participar directamente achegándose ao Contedor de Feminismos o día 3 de xullo, día no que o artecfacto estará instalado no espazo público frente ao Ágora.

O perfil das persoas para participar é o seguinte: mulleres migrantes tanto galegas como doutros países chegadas ao barrio da Agra do Orzán dende os anos 60. Ou ben mulleres que poidan informar sobre a memoria musical e sonora do barrio.

Un intre da recollida de testemuños na Coruña

Un intre da recollida de testemuños na Coruña

Advertisements