Escoita a Barriografía do CEIP San Pedro de Visma

ACTIVIDADES | BARRIOGRAFÍAS   A segunda parada da caravana das Barriografías era obrigada. No CEIP San Pedro de Visma, á beira da Rolda de Outeiro, non había moito que inventar: as alumnas e os alumnos xa fan radio todos os días, durante o recreo. “Radio libre”, insiste Rocío, a profesora responsábel de manter o fío na pequena emisora, cada vez que lle preguntan. Tan libre que ten polo menos tres nomes, segundo lle cadre a quen fala dela: Radio SPV, Radio Patio ou Radio Tuku Taka, en honor á canción favorita do equipo de locutoras e locutores e seica tamén da audiencia: o Tuku Taka de Centollito.

Xurxo Souto desprazouse co equipo das Barriografías o mércores 22 de maio ao centro para recoller toda esa música e todo ese talento miúdo nunha hora de radio ao vivo, coas rapazas e os rapaces arrodeando o estudio improvisado nun recanto do patio e participando de todas as maneiras posíbeis na confección do programa.

Bárbara encargouse das cancións dedicadas, fose o popularísimo Tuku Taka do Centollito, fose El bombero con la manguera, outro hit das mañás de Radio SPV. Ao seu carón, Aitor falou das bondades do deporte e aproveitou a hora do recreo para retransmitir, en exclusiva, o partido entre 6º A e 6º B que se disputaba na cancha descuberta do centro.

A música en directo puxérona os Rumberos do Portiño: Donovan (guitarra), Melody (percusión), Abigail e Jennifer (voces) e Samuel e Álex (palmas). Entrevistados por Xurxo Souto, interpretaron tamén o Ali Ali Ooo e mais Kimbala, de Canelita, a primeira con algún arranxo orixinal dos rapaces, e unha de Niña Pastori, Y para qué. Ao baile sumáronse espontaneamente Naima e Juncal e ás opinións, Mauricio e Abel, do club de fans dos Rumberos.

Xurxo Souto entrevista os Rumberos do Portiño

Xurxo Souto entrevista os Rumberos do Portiño

Tamén os máis cativos puxeron o seu gran de area: Hugo, Claudia, Violeta, Inés, Pablo, Candela, Amelia e Iago, en grupiños de dous, lembraron algunhas das cancións que prepararan para o último Entroido.

Nas Cousas de Nicolás, o cativo que lle pon nome á sección, un fan de Fangoria que cantou a capela Dramas y comedias de Fangoria, entrevistou o seu amigo Daniel tratando de indagar nos seus gustos musicais, como ese Señorita, de Abraham Mateo, que tanto lle presta. Xuntos cantaron tamén El pollito pío.

O único adulto con permiso para entrar ao vivo en Radio Tuku Taka, amais do propio Xurxo Souto, foi Manuel Anvite, tamborileiro e fillo de Enrique Anvite, o mítico gaiteiro de San Pedro de Visma, quen lles falou aos rapaces da antiga toponimia da contorna e de seu pai, nado no Peruleiro. Para rematar, todas e todos escoitaron pola megafonía do centro unha das pezas recollidas polo pai de Anvite hai setenta anos, a Alborada da Cruña.

O vídeo, no que Naima e Juncal bailan ao ritmo dos Rumberos do Portiño, non é máis ca un aperitivo. No podcast do programa podes escoitar a gravación completa da segunda Barriografía de Música en Branco:

http://www.ivoox.com/barriografia-2-ceip-san-pedro-visma_md_2070561_1.mp3″ Ir a descargar

O equipo de locutores e locutoras de Radio Tuku Taka arrodea a Xurxo Souto

O equipo de locutores e locutoras de Radio Tuku Taka arrodea a Xurxo Souto

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s