‘Non te cortes coa ópera’ achega a lírica á veciñanza da man de Mónica de Nut

Monica de Nut

A ópera a pé de rúa, en medio da rutina, polo barrio adiante. Así se podería resumir Non te cortes na ópera, a iniciativa desenvolvida por Mónica de Nut e Pista Catro para Música en Branco. Este proxecto, un dos escollidos no concurso aberto que lanzamos na primavera pasada, estase a celebrar na Agra do Orzán con catro apartados diferentes ao longo deste mes de novembro. O primeiro deles tivo lugar o pasado xoves nunha praza de aparcadoiro nas proximidades do Centro Ágora. Nese lugar, a cantante Mónica de Nut iniciou a súa serie de performances ao redor da ópera coa colaboración dos viandantes. Aqueles que aceptaron o convite da cantante tiveron a oportunidade de escoitar ópera na súa voz e aquelar o seu peiteado, grazas ao talento musical e coas tesoiras de Mónica de Nut. “Trátase dunha provocación, no bo sentido da palabra. Buscamos sorprender, que a xente se atope no seu barrio algo inesperado como un encontro casual coa ópera”, explica a propia De Nut.

Non é a primeira vez que a artista ocupa unha praza de aparcadoiro para abraiar, coa música, os cidadáns. Este tipo de intervención xa as desenvolveu noutras ocasións en cidades como Compostela ou Barcelona. “A idea inicial xurdiu o ano pasado, o 21 de setembro. Ese día celébrase o Parking Day, unha celebración que xoga coa idea de facerse con espazos urbanos habitualmente ocupados por vehículos para desenvolver actividades abertas para os veciños. Busca xogar co concepto do espazo público recuperado para os cidadáns”, sinala de Nut. Esa primeira actuación en Santiago o ano pasado acabou por derivar nun proxecto máis ambicioso, elaborado en colaboración con Pista Catro para Música en Branco.

Así naceu Non te cortes coa ópera, que  xa está a sorprender os veciños da Agra. Dividido en catro intervencións, a actividade desenvolverase en diferentes puntos do barrio para achegar “un xénero musical supostamente serio” como é a ópera aos veciños nos momentos máis inesperados.

1. Ocupación dunha praza de aparcadoiro. O pasado xoves, Mónica de Nut, vestida como a personaxe de calquera ópera clásica, colleu os pentagramas, as tesoiras e unha cadeira para situarse no medio e medio dun oco para o estacionamento. Dende alí, convidou os veciños a participar na performance consistente en recibir un pequeno corte de cabelo mentres escoitaban fragmentos de ópera. “Ao principio custou, a xente sorprendíase e mesmo desconfiaba do asunto”, recoñece De Nut, quen para tranquilizar os participantes, lembra que ten “práctica” en pequenos arranxos no cabelo.

2. Chamadas aos interfonos da Agra. O segundo movemento do proxecto celebrase nas rúas do barrio este domingo ás 12.00 horas. A partir desa hora, a soprano timbrará nos interfonos para cantarlle os habitantes da Agra. “A idea é que se a xente non vai aos teatros nin aos concertos, o teatro e a música vaian á xente”, sintetiza De Nut. Trátase de establecer un diálogo sorprende e directo coa veciñanza, de xeito que a participación vaia máis aló da simple audición. “Queremos que a xente, ademais de escoitar, decida a baixar a rúa e a falar con nós. Que nos conten que é a música que escoita, que canten con nós, que lembren historias do barrio. A ver se o conseguimos”, sinala a artista,

3. Ópera na perruquería. A terceira intervención, prevista para o sábado 23 de novembro, consistirá en levar a ópera á perruquería. Mónica de Nut cantará ás portas dun salón de beleza, mentres os e as profesionais dos peiteados traballan. Deste xeito, crearase un ambiente diferente nun espazo tan rutineiro como son as perruquerías deste barrio. A intención neste apartado tamén é establecer conversas de memoria musical cos clientes e perruqueiros.

4. Microópera da formiga e do formigón. O domingo 24, contra ás 12.00 horas, nas inmediacións do Centro Ágora concluirase Non te cortes coa ópera cunha intervención musical cooperativa. “Será unha intervención coral, na que haberá figuración e coros. A xente achegada do barrio poderá participar, aceptaranse voluntartios”, sinala De Nut. Para a ocasión, o polifacético artista Carlos Santiago elaborou unha serie de cancións e letras baixo o título Microópera da formiga e do formigón, cuxo letimotiv se centra nesa fronteira entre o urbano e o rural que resulta máis visible na contorna do Ágora.  Os veciños que participen poderán facelo coa súa propia voz ou con obxectos domésticos para formar parte do singular coro deste apartado final do proxecto.

One thought on “‘Non te cortes coa ópera’ achega a lírica á veciñanza da man de Mónica de Nut

  1. Pingback: FERIA DEL ARTESANO en el Mercado das Conchiñas | TANKblog

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s