Os Paseos polo barrio rematan cunha camiñada ideada para “salvar obstáculos”

ACTIVIDADES | PASEOS POLO BARRIO Con case once quilómetros por diante, cun grupo de camiñantes xa familiar e co encoro de Meicende diante. Así comezou o pasado domingo a cuarta e última camiñada de Paseos polo barrio, a iniciativa de sandeirismo urbano dirixido por Cristina Anllo dentro da programación de Música en Branco. Foi ao cuarto itinerario cando o sol decidiu acompañarnos nestes itinerarios, precisamente na ruta máis esixente das catro que se eleaboraron de forma colaborativa mediante o obradoiro aberto que se celebrara o pasado 25 de maio no Centro Ágora.

Con esa intensidade no horizonte, comezou a marcha polo paseo do encoro de Meicende. Alí, o especialista convidado nesta ocasión, o xeomorfólogo Juan López Bedoya, realizou unha primeira parada para abrir unha clase maxistral ao redor da formación dos solos, dos tipos de asentamentos humanos, das calidades das pedras e da moficación da contorna. E, de entrada, advertiu como as modificacións do terreo poden facer que “a paisaxe se volva en contra da xente”. Para iso, tomou como exemplo a identidade de Meicende. “Nesta zona tiñamos unha conca hidrolóxica natural que foi modificada. O río desembocaba no peirao de San Diego. Non obstante, esa conca desapareceu e creouse un encoro para abastecer de auga ás dúas industrias principais da zona: a refinaría e a fábrica de aliminios. Cortouse así a drenaxe natural”, comezou a explicar Juan López Bedoya.

OS OBSTÁCULOS DO SISTEMA VIARIO

Esa modificación da conca natural transformou a natureza de Meicende, como tamén o fixeron as construcións das vías de transporte de alta capacidade, creando un espazo asfixiado polo asfalto, pensado só para o transporte de vehículos e esquecéndose da mobilidade da cidadanía. “Nos anos oitenta abríronse esas vías de gran capacidade, creando un sistema radial para unir os diversos polígonos da cidade. Todo iso volveuse en contra da xente, creáronse atrancos de mobilidade e agora, para camiñar, hai que salvar obstáculos moi complicados”, sinalou Bedoya dun lugar que durante séculos foi un cruzamento de camiños. “Por aquí pasaba a liña XX do itinerario Antonino, que unía Braga con Lugo pola zona costeira. Posteriormente, os visigodos crearon tamén vías de circulación que se foron usando ao longo dos séculos. Xa nos anos trinta do século XX, cambiou a visión da comunicación por terra e creouse unha lexislación diferente á hora de planificar estradas, pensando principalmente no transporte de motor. A partir de aí e co paso das décadas, creouse un plan radial de transporte, moi propio do desarrollismo”, destacou Bedoya.

Todas estas circunstancias provocaron un tipo de asentamentos na zona, condicionadas polas infraestruturas que se ergueron ao longo dos séculos. “Agora podemos distinguir catro tipos de asentamentos na zona. O primeiro, a Pastoriza. Este zona resulta moi antigua e medrou ao lado da vía. Ao seu redor, estableceronse as súas agras. O segundo tipo de asentamento, son o conxunto de aldeas pequenas que aproveitaron a conectividade das vías. Non obstante, carecían de agras e son asentamentos terciarios. O terceiro sería o de Nostián, que ocupou a parte media das ladeiras. Por último, serían as aldeas antigas que, finalmente, foron fagocitadas pola Coruña no seu crecemento. Nelle, Outeiro ou Peruleiro son algúns exemplos”, rematou a súa primeira intervención.

Despois dese contexto histórico trazado por Bedoya, a marcha continuou rodeando o encoro, cruzando Meicende e dirixindo a marcha cara á refinaría. A ruta transcorreu ao seu redor  e realizouse unha volta completa á instalación. As súas torres e o seu ruído perpetuo acompañaron os camiñantes deste Paseo polo Barrio ao longo de toda a mañá.

CREANDO CONTORNAS

Á sombra das chemineas, Bedoya realizou unha segunda parada. Nela, os oíntes viaxaron millóns de anos atrás para coñecer a formación da contorna da cidade herculina. “A historia xeolóxica é a orixe da paisaxe. Hai 360 millóns de anos, houbo un gran choque de continentes e naceu Panxea. Posteriormente produciuse a oroxénea, unha familia de eventos sísmicos que se repetiron durante 70 anos. A partir de aí, erguéronse as grandes montañas e unha serie de fluxos internos que foron conformando o granito que hoxe coñecemos. Despois, chegaron as fracturacións do terreo, cunha dirección suroeste-noroeste. E millóns de anos despois, producíronse ao revés, dirección noroeste-suroeste. Nese momento, tivo lugar a separación da península da Coruña e foise perfilando a contorna. Finalmente, chegamos ao neoxéneo, un proceso de hai 50 millóns de anos que retoma as fracturas . Todo o que vemos hoxe, toda a contorna está condicionada por ese proceso”, rematou López Bedoya o seu periplo de millóns de anos pola formación da paisaxe.

RACHANDO MITOS

E despois do terreo, o experto quixo furar na vexetación para rachar un mito instalado no imaxinario colectivo. “Hai sesenta anos había moi poucas árbores en Galicia. Realmente, agora Galicia está máis arbolada”, sentenciou o experto, que insistiu na idea ao afirmar que “iso de que un esquío podía atravesar Galicia de póla en póla sen tocar o chan sempre foi mentira”.

A partir dese momento, Juan realizou un novo percorrido histórico ao redor da evolución dos bosques e das árbores ao longo de séculos de eternidade. “Os bosques comezaron tras a última glaciación hai 50.000 anos. Despois, plantámonos na época romana e establécese un sistema xeral de rozamentos, nun momento que podemos considerar o período cálido romano, cando as temperaturas eran superiores ás da actualidade. Séculos, despois chegamos a época dos mosteiros. Ao redor do 1300, Galicia vive o seu momento máis arbolado“, sinalou o experto.

Dende ese momento, a superficia de ábores no país mirrou e seguiu mirrando. Os bosques van minguando co paso dos séculos e a mediados do XIX a superficie redúcese a niveis mínimos. “Prodúcese a minirrevolución industrial que tivemos acó e emprégase para diversas industrias e manufacturas a madeira. Realmente, nunca houbo tantos bosques como poderiamos pensar“, concluíu.

ENTRE PENAMOA E BENS

Tras esta fonda explicación, a marcha continuou rodeando a refinería até chegar á estrada de Bens. A partir de aí, a agresividade do asfalto dificultou a mobilidade e atrevesamos zonas límites nas que, en todos os recantos, agroma o deterioro. Atravesamos a estrada, penetramos por San José e bordeamos os polígonos industrias antes de seguir pola Silva e chegar a Penamoa.

A hora de xantar botóusenos enriba e, fóra xa do horario, establecémonos entre Penamoa e o Parque de Bens, onde se faría a derradeira parada destes Paseos polo Barrio. Co formigón da Agra do Orzán “furando no ceo”, como reza a sintonía das Barriografías, López Bedoya fixouse polo miúdo na paisaxe. Pasaixe de contraste, nacido da confrontación entre o formigón urbano e as leiras aínda sen urbanizar, entre os límites do barrio e a Terceira Rolda. “Esta zona dedicouse durante anos ao cultivo. Non obstante, nas últimos décadas abandonouse a plantación e produciuse a recolonización vexetal“, explicou antes de teorizar sobre os tipos de vexetación existirían se se mantivese a monte durante moito tempo. “Se os seres humanos non actuasen sobre o terreo nunca máis, seguramente todo isto sería unha gran carballeira”, explicou Bedoya.

RECUPERAR A AGRA PERIURBANA

Posteriormente reflexionou -como en Meicende- sobre as modificacións das concas naturais. “A primeira das consecuencias é que as fontes naturais desapareceron, como tamén a vexetación de ribeira. A segunda, ten que ver coas praias. É dicir, os ríos son os que levan o alimento areoso ás praias a través da erosión. Se modificamos as concas, o alimento areoso non chega á praia e temos problemas coas areais. Iso pasa en gran parte da costa galega. E en Riazor tamén pasa, aínda que hai outros moitos factores que inflúen”, rematou Bedoya.

Por último, o experto describiu unha posibilidade de futuro para esta zona que, noutrora, ocuparon os cultivos. “A proposta  sería a recuperación desta agra periurbana, recuperar a cultura agrícola tradicional da zona, creando un espazo de traballo novo na cidade e  de intercambio xeracional de coñecementos sobre o campo que se está perdendo e, quizais, crear un Agromuseo. Toda esta zona poderíase revestir dun halo cultural, un halo cultural que é real, que existe, existiu e debería seguir existinto”, concluíu.

Despois, os camiñantes afrontaron o último treito deste intenso Paseo polo Barrio. Descendeuse até o barrio dos Mariñeiros, bordeuse a Rolda de Outeiro e concluíu a marcha nas proximidades do Estadio de Riazor. O sol seguía batendo con forza contra ás seis e media da tarde, momento en que as camiñadas de Música en Branco chegaron, tras catro domingos de percorrer a cidade polas costuras, chegou ao seu derradeiro destino. Agora, en outono, o ciclo de actividades de sendeirimos urbano concluirá cun Obradoiro de bombas de sementes conducido por Cristina Anllo. Vémonos en outono. Daquela, todos nós teremos xa percorrido outros moitos camiños.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s