A penúltima Barriografía de Xurxo Souto proclama: “Neno, eu son de Katanga”

final katangaACTIVIDADES | BARRIOGRAFÍAS   China, Xapón, Corea, Labañou / Canto se canta na casa / cando en Nadal abrimos a ventá / neno, eu son de Katanga“. Con este retrouso, unha canción escrita para a ocasión ecoou en Katanga, entre as voces dos veciños do grupo de casas construídas hai xa cincuenta anos baixo o mandato do gobernador civil Evaristo Martín Freire. E con ese retrouso soando ás costas da estatua de Pucho Boedo, as Barriografías de Xurxo Souto botaron o peche até á volta do verán. Atrás queda xa, na memoria do barrio Agra do Orzán e recollido na nosa web www.musicaenbranco.org, os programas de radio no Centro Cívico da Silva, na Adega A Grade, no mercado das Conchiñas, no Club de Chave dos Mariñeiros, no Observatorio ou nun autobús da liña 7. As Barriografías chegaron a súa penúltima a cita –a última será no Centro Ágora no outono, e pode que haxa tamén algunha sorpresa– no barrio de Katanga. No barrio dentro do barrio.

E alí, onde o mundo comezou hai 50 anos, Xurxo Souto comezou o seu programa lembrando as orixes do barrio. Mais antes, que pasou antes? Pois antes de nada zoou no aire a sintonía habitual deste programa itinerante: Ai, Agra do Orzán, furada no ceo, como os aparcamentos da Rolda de Outeiro / Ai, Agra do Orzán, Rúa Barcelona, Hong Kong galego, damos a vida por un palmo de terreo / Ai, Agra do Orzán, das rúas cativas, os mozos non morden nin en dobre fila / polo si, polo non, especulación / Ai, Agra do Ozán”. E a partir de aí, seguiu un programa cargado de memorias. Aquí podes escoitar completa a gravación:

http://www.ivoox.com/barriografia-8-katanga-29-xuno_md_2179527_1.mp3″ Ir a descargar

AS ORIXES DO BARRIO

De entrada, un pequeno “grupo de sabios” do barrio tomou a palabra para lembrar como aló, por 1963, os primeiros bloques de vivendas andaban a ser construídos nas antigas leiras da Agra vella. Brandariz, Lolita e Manuel Patiño teceron teorías sobre o singular nome do barrio. “O nome podería vir pola liberación do Congo belga. Alí hai unha zona chamada Katanga e a señora Carme, da tenda nova, bautizounos así. Outra posibilidade sería pola película Xerónimo, onde os apaches tamén loitaban co sétimo de cabalería ao berro de ‘Katanga!”, explicou Manuel Patiño.

Brandariz foi un pouco máis alá e apuntou o seu propio pai como o responsábel do alcume urbanístico. “No ano 64, no día de Reis, saïamos meu pai e mais eu de Rubín, fronte os cines Riazor. Alí botaban Último tren a Katanga. E meu pai dixérame, para explicarme que marchabamos para alí, o seguinte: “Neno, deixamos o centro para ir a Katanga”.

Deste xeito, pescudouse na etimoloxía do nome dun barrio que, como afirmou Xurxo Souto, atópase ás portas do seu cincuenta aniversario. “Esta Barriografía é o comezo oficioso das celebracións”, explicou o condutor do noso programa, antes de lembrar que as primeiras casas do barrio abriran as súas portas a comezos de 1964, momento en que Brandariz e seu pai chegaron a estas vivendas. Eles, como outros moitos, deixaron outros lugares, para ir vivir a Katanga. Mais non todos procedían do centro, outros viñan de zonas máis humildes. “Eu cheguei en 1966. Viña dunha chaboliña. Nunca crin até ese momento en ter unha casa. Estou moi agradecida a Deus e a Katanga”, confesou a señora Elvira, que saíu de entre o público para compartir cos ouvintes a experiencia de moitas mulleres de Katanga, de moitas “compañeiras de mareas”.

A mesa de sabias e sabios de Katanga

A mesa de sabias e sabios de Katanga

Lolita, pola súa banda, lembrou que o barrio, nos seus primeiros pasos, erguíase no medio do nada. “Todo isto eran leiras. Non había outra cousa. Bueno, si. Leiras e había moitos fillos, porque non había televisión”, explicou entre risos, antes de lembrar personaxes históricos do barrio. “Marina, a pinchadora, que era a nosa practicante, o párroco don José, que ergueu a igrexa que temos acó, Leo, que montou a primeira leira, os Gemelos, que eran moi bos e axudábanos a todos”, recitou Lolita.

Naqueles tempos, coa chegada do Nadal, os veciños abrían as súas fiestras para cantar panxoliñas ou, tamén, para crear sobre os pantagramas clásicos as súas propias composicións. “San José es falangista, María socialista y el niño Jesús era comunista. Ande, ande, que hoy es Nochebuena”, cantou Manuel Patiño para explicar que, alí no barrio –ademais de bo humor– sempre “houbo de todo”.

DE CATÁSTROFES…

Na Barriografía de Katanga, houbo tempo para lembrar como lle afectaran ao barrio as mareas negras que enchouparon as costas coruñesas. A primeira catástrofe en agromar dende a memoria foi o Urquiola, o petroleiro de Sestao que o 12 de maio de 1976 afundiu na costa coruñesa. Comezara daquela un movemento de protesta e unhas reivindicacións económicas que en Katanga se viviron a flor de pel. “Daquela nós xa tiñamos a nosa asociación de veciños e as mariscadoras do barrio, gremio moi presente, pedírannos que fixeramos unhas faixas reivindicativas para cando chegase o rei. Elas pedíronos que puxeramos “Queremos os nosos cartos”. Despois, tamén querían que se lera “Viva o Rei”. Nós eramos republicanos e iso non nos facía moita graza. Ao final, fixémolo. Convencéronos”, lembrou Patiño, que tamén viviu moi de preto a visita negra do Mar Egeo.

Xurxo Souto e un dos convidados

Xurxo Souto e un dos convidados

Cando o petroleiro grego afundiu en 1992, Patiño achegouse até o lugar onde estaban as autoridades en pleno recoñecemento da catástrofe. El entrara cun carné que puña “Chemical Bureau” e puido ver, de preto, como andaban os cargos públicos por alí. “Fun cheo de rabia. Aquilo pareceume San Xoán, pero sen sardiñas”, rememorou. A súa carraxe esbourou. “Un cargo policial dixera que o mar da Coruña era moi perigoso e que por iso pasaban esas cousas. Eu dixen que non tiña nin idea, que os mares do norte son máis perigosos e que nunca tal cousa lles pasara. E detivéronme, aplicáronme a lei Corcuera. Metéronme na comisaría“, subliñou Patiño que, como afirmou Xurxo Souto, convertérase no “único detido civil” da catástrofe. “Eu estaba nunha cela e, na do lado, imaxino que o capitán Stavridis”, afirmou. Ao final, a súa visita ao caldeiro rematou cun acordo coas autoridades. Eles dixeron que se non denunciaba a policía por excesos, eles non presentarían cargos.

… E DE AMORES

A seguinte convidada do programa foi Rosa Pereira, unha veciña que chegou a Katanga por amor dende un dos barrios ricos da Coruña. “Era unha rapaza de sociedade, de Santa Margarita. Por pertencer á miña familia só podía ir ao Playa Club. Alí vía como todos os sábados, varios rapaces de Katanga se pelexaban con outros. Repetíase cada sábado. E, ao final, namorei dun. Deixeino todo e fun para Katanga“, explicou Rosa, antes de proclamar que no barrio recibira toda a axuda que precisara. “Se precisas algo, sempre o atopas desinteresadamente de alguén.”

O programa foi chegando ao seu final e aínda houbo tempo para lembrar os músicos tradicionais do barrio. Así se homenaxeou o gaiteiro Luis Santiso Carril que, xunto a outros veciños, conformara o grupo Os Trabadelos. E outra banda, dun estilo ben diferente, encargouse de animar o público ao longo do programa. Era Calle Rumba, formado por Miguel Ladrón de Guevara e Pulpiño Viascón que, entre outras cancións, interpretaron unha versión moi singular do clásico A Santiago voy, a tan só uns poucos metros da estatua de Pucho Boedo.

Pulpiño Viascón, Xurxo Souto e Miguel Ladrón, ensaiando

Pulpiño Viascón, Xurxo Souto e Miguel Ladrón, ensaiando

E a música puxo o punto final a este penúltimo programa de Xurxo Souto en Música en Branco. As voces de Katanga colleron o micro e, formando un coro natural, pecharon a tempada das Barriografías deste proxecto da Concellería de Cultura ao ritmo do retrouso: “China, Xapón, Corea, Labañou / Canto se canta na casa / cando en Nadal abrimos a ventá / neno, eu son de Katanga”E o resto da canción? Como era o resto? Pois a continuación podedes ler a letra completa deste tema titulado O sol de Katanga:

O SOL DE KATANGA

China, Xapón, Corea Labañou

Canto se canta na casa

Cada Nadal, abrimos a ventá:

Neno, eu son de Katanga !

E o palco nuns bidóns, escapou a comisión

A primeira festa en Katanga

Pili no escenario con moito arroallo

Cantou Juanita Banana !

Coidaba dos nenos, coidaba dos cans

Lolita toda ela era un centro social

Non daba feito co boom maternal:

Vouvos esterilizar !

E Rosa dos Mallos deixou o palacio

De Santa Margarida a Mosteiro de Sobrado

Aquel baile no Playa cambioulle toda a historia:

En Katanga ! estou na gloria !!

Contra a humidade chegou o desquite

Fixemos dos grupos Uralita City

Búnker de calor contra as sombras que atacan

Nós somos o Sol de Katanga !

Todos somos de Katanga

Os que estamos, os que nos deixaron

Compañeiriños que marchastes tan axiña

Para vós vai este canto !

No outono máis. No outono, a despedida definitiva destas Barriografías.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s