Unha Barriografía dende o “Maracaná da Chave”

BARRIOGRAFÍA MARIÑEIROS 2
Estamos no Maracaná da Chave, na pista prodioxiosa co repenicar dos grandes tiradores. As cores son o branco e o azul deportivista, mais tamén agroman os elementos náuticos por todos os recantos. Estamos nas casas dos Mariñeiros, das familias que viñeron de Bens, do Portiño, de Faleperra, do Perú, é dicir, o Peruleiro. Estamos na Zoca, no orgullo da Coruña, que xa estaba aquí moito antes de que se erguese a Agra do Orzán.” Con estas palabras e o son da gaita de fondo, arrincou o pasado venres a sexta Barriografía de Xurxo Souto, nun lugar de encontro dos Mariñeiros: o seu Club de Chave. Un auténtico “Maracaná” que arrecendeu o venres a música, a memoria, a radio, a mar e, por suposto, a xurelos e sardiñas. Na más culinaria de todas as Barriografías, os mariñeiros agasalláronos co seu savoir faire sobre as brasas. E tamén, a súa memoria colectiva dun barrio que, a finais dos anos cincuenta, naceu para acoller as familias de mariñeiros e pescantinas da Coruña. “Un barrio propio, autárquico”, lembrou Xurxo Souto ao longo do programa. AQUÍ PODEDES ESCOITAR O AUDIO COMPLETO:

http://www.ivoox.com/sexta-barriografia-nos-marineiros_md_2141369_1.mp3″ Ir a descargar
A CHAVE E OS PRIMEIROS PASOS DO BARRIO

E despois dunha bautismal actuación do gaiteiro Bugliot, de Juan do Bombo e do pandereteiro Eduardo Sixto, chegaron as lembranzas dos Mariñeiros e mais o orgullo do seu xogo por excelencia: a Chave. Os veciños Alfredo, Gelín e Jorge rememoraron os comezos dun barrio autárquico, onde non o trolebus pegaba a volta e os taxis nunca entraban. “Sempre foi un barrio sano, unha isla no medio na Coruña”, quixo destacar Gelín, antes de se centrar nas regras da Chave.  “É un xogo que vai por puntuación e por equipos. Hai unha liga, coma en todos os deportes, coa súa División de Honra. Cada unha das partidas conta con 12 tiradas e con seis xogadores e quen gaña leva dous puntos. Así funciona a liga, que organiza a Federación Galega de Chave”, ilustrou Gelín.

No Club de Chave dos Mariñeiros, as paredes están cubertas coas fotos de grandes tiradores deste deporte . “Miguel o Cubano, Jorge, Germán”, foi recitando Gelín. E, entre todas esas fotos, hai unha que os veciños que se reúnen neste Club de Chave gardan con gran agarimo. É unha foto da escola dos Mariñeiros, onde moitos dos que hoxe seguen a vivir ou regresan ao barrio, aparecen retratados coa faciana, como afirmou Souto, tinguida de cores “rebuldeiras”. “Esta era a escola de primaria que tiñamos aquí, cun mestre que se chamaba don Germán e que foi coma un pai para moitos de nós”, explicou Alfredo antes de recitar os alcumes de moitos dos que estaban nesa foto doutrora e nesa Barriografía de hoxe: Kiko Percebe, Moncho Churro, Pepus, Antonio Pata, Gelín… “Todos tiñamos alcumes, todos estabamos bautizados dúas veces”, rematou Alfredo, alias Maragato

BARRIOGRAFÍA MARIÑEIROS

Jorge, pola súa banda, lembrou a infancia, cando nas leiras que había ao redor dos mariñeiros, os rapaces se dedicaban “á caza”. “Que perigo! Maior ou menor?”, preguntou Souto. “Tiñamos de todo, coellos, paxaros”, lembraba Jorge, quen tamén destacou os cortellos que había pola zona e que os rapaces, de cando en vez, saqueaban. “O mellor era o Gran Chaparral, tiña porcos dentro e xurelos fóra!”, sentenciou neste programa radiofónico que se insire no proxecto Música en Branco.

O OFICIO DO MAR 

A música de Los Españoles marcou o cambio de quenda e, tras a súa canción, comezaron as lembranzas de Lecho, o Churro, un mariñeiro histórico que falou do mar e do seu oficio. E descubriur as orixes dun dos nomes polo que se coñeceu ao longo dos anos a este barrio dos Mariñeiros. “Chamábanlle a Zoca, porque os vellos ían antes todos coas zocas”, sinalou. Lecho, coa súa familia, chegou aos Mariñeiros dende Bens, pero moitos outros viñeron de Falperra, da Torre ou de San Pedro. “E pagabas 25 euros por vir acó, que custaba daquela pagalas.” E todos arrivaban a estas casas para traballar no mar. Ou nos mares, xa que había moitas partes da costa que recibían nomes diferentes, creando unha sorte de toponimia marítima diferente e propia. “Estaban o mar das Barbas, porque sempre había alí un tipo con barbas, tamén o Cubeiro, a Marola, o Carpacho… Tiñamos moitos ao redor da costa, porque nós eramos de baixura e iamos pegados á costa. Despois estaban os de altura, que ían ao Gran Sol e polo mundo adiante”, salientou o vello mariñeiro.

AS FESTAS E O BOXEO

Á hora de falar das festas, unha veciña, Manola, colleu o micro e contoulle a Souto como eran as celebracións nos Mariñeiros. “Eran as mellores da Coruña. Comezabamos a pedir en xaneiro e até xullo. Os domingos estabamos sempre ocupado, subiamos a Divina Pastora e baixamos a Ronda para pedir e poder facer as festas”, explicou Manola. Así se conseguían facer catro días de festa, cunha única orquestra. “E tamén tiñamos a procesión ao Portiño, a alborada e todo o demais. E traíamos tamén a banda de Infantería”, explicou Manola, quen asegurou que “non era das tolas que namoraban dos artistas”, pero que a ela sempre lle gustara moito “o Juan Pardo”.

Nas festas, o boxeo tamén tiñan o seu espazo e, nese momento, Luis Mantiñán, boxeador nos seus tempos, lembrou o furor que  se vivía nos Mariñeiros por esta disciplina. “Había moitos boxeadores por acó, estaba o Feito, estaba os Barrientos… E a min, ás veces, púñanme a pelexar co máis pequerrecho”, lembrou. Ese “pequerrecho” era unha personaxe moi lembrada na historia do barrio: Paquiño de Amaro, quen deu pé a unha canción emblemática. “E foi invención súa, creouna el”, dixo Mantiñan.

A MÚSICA DOS MARIÑEIROS

Acto seguido, chegou a quenda dun músico do barrio. Paco dos Mariñeiros, artista pioneiro na Coruña co grupo Sétima Arte. “Precisamente, acababan comigo porque era un fóra de serie, estaba dun lado ao outro”, explicou entre risos Paco, quen lembrou que a súa primeira guitarra fixéralla o seu avó cunha lata “de xamón york, así tipo bandurria”. Un autántico luthier o seu avó, o mariñeiro Paco Marquín, quen lle foi transmitindo ao neto as inquietudes musicais. Un neto que mesmo chegou a crear unha guitarra eléctrica.

paco mariñeiros

Co paso do tempo, Paco foi medrando e comezou crear unha serie de grupos musicais con compañeiros do barrio. “Primeiro xunteime con Juan Carlos, o Vasco, e mais adiante con outros de San Roque. Ensaiamos moito tempo no Calvo Sotelo, pero como non arrincaba o asunto, marchei á Silva e alí formamos outro grupo: Os Silvers. Estivemos un tempo e despois, xa apareceu o grupo Sétima Arte, que durou once anos”, subliñou Paco Mariñeiros antes de recoñecer, ante Souto, que un dos seus alcumes era Rita Pavonne. “Por esa voz italiana, resgada”, concluíu Souto antes de darlle paso para que tocose varias pezas. Unha delas foi La Falsa moneda, e por suposta, a outra soaba na lingua de Pavonne.

RETORNOS

Nesta sexta Barriografía tamén houbo espazo para os retornados, esa xeración que saíu do barrio e que se dedicou a outros traballos lonxe dos Mariñeiros. Ese é o caso de Fernando Souto, “o fillo da señora Victoria”, quen leva gravado o barrio na súa alma identitaria. “Os Mariñeiros é o meu documento de indentidade. No currículo sempre poño que son dos Mariñeiros. É un sentimento, difícil de explicar, de que pertences acó”. Fernando, ademais, destacou a importancia das mulleres nos Mariñeiros. “Sen elas, sen a súa forza, este barrio non sería barrio e moitos dos homes que viven acó non estarían vivindo nestas casas”, explicou Fernando.

Nas súas lembranzas, o boxeo estaba moi presente. O seu irmán, Richard, fora un dos boxeadores máis coñecidos da contorna e, a Fernando, non se lle esqueceron nunca os curiosos combates entre Martiñán e Paquiño de Amaro. “O Madison Square Garden, en comparación coa Praciña dos Mariñeiros, é unha merda”, chegou a proclamar a ceo aberto e entre risos.

Juan do Bombo e o Coro dos Mariñeiros

Xa no tramo final desta sexta Barriografía, volveu tocar Juan do Bombo, nacido neste barrio e que xirou por todo o mundo con Xacarandaina e co Ballet Rey de Viana. Xunto a el, tocaron Bugliot e Eduardo Sixto, e lembrou as súas actuacións na Franxa de Gaza, onde en palabras de Xurxo Souto levou “a paz”… Polo menos, durante os seus concertos, coa música galega como bandeira.

MARIÑEIROS3

E para rematar, o Coro dos Chaveiros tomou definitivamente o micro para cantar varias cancións ao unísono. E así soaron A canción das regatas e, por suposto, Paquiño de Amaro. E todo aderezado cos contos e as letras que se animou a partillar Martiñán, o boxeador que loitara en tantas ocasións co histórico Paquiño. E con esa cantar no bico e o arrecendo a xurelada, a sexta Barriografía botou o peche pensando xa na próxima cita. Será o sábado, contra ás 11.00 horas, cando o equipo de Música en Branco: memoria da Agra do Orzán abra para a veciñanza o Parque do Observatorio e volva soar a sintonía do programa: ” Ai, Agra do Orzán, furada no ceo, como os aparcamentos da Rolda de Outeiro/ Ai, Agra do Orzán, Rúa Barcelona Hong Kong galego, damos a vida por un palmo de terreo/ Ai, Agra do Orzán, das rúas cativas, os mozos non morden nin en dobre fila/ polo si, polo non, especulación/ Ai, Agra do Ozán”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s