Coñezamos un pouco máis Radio SPV

MICROHISTORIAS   Se as Barriografías de Xurxo Souto para Música en Branco pasaron polo CEIP San Pedro de Visma foi, entre outras moitas razóns de peso, porque existe Radio SPV. É a radio libre das alumnas e os alumnos deste colexio situado á beira da Rolda de Outeiro, que eles chaman tamén Radio Patio ou Radio Tuku-Taka, en homenaxe a un dos artistas máis populares entre a súa audiencia, Centollito. Cancións dedicadas, entrevistas, parabéns de aniversario ao máis puro estilo Xabarín Club, retransmisións deportivas ao vivo ou mesmo reflexións en voz alta das cativas. Un mundo.

Rocío Cuñarro é a profesora que se encarga de coordinar e animar Radio SPV todas as mañás á hora do recreo. Nunca colle o micro. O seu é o traballo na sombra. Neste pequeno vídeo que gravamos aproveitando o furacán radiofónico do pasado 22 de maio explícanos algo máis desta experiencia e outras anteriores, tamén no campo da radio escolar.

Aquí podes escoitar completa a Barriografía protagonizada polo alumnado do CEIP San Pedro de Visma:

http://www.ivoox.com/barriografia-2-ceip-san-pedro-visma_md_2070561_1.mp3″ Ir a descargar

Advertisements

Mangüi Martín: “A Agra do Orzán é un barrio con moitísima tradición na música”

MICROHISTORIAS   O músico Manuel Martín, máis coñecido como Mangüi Martín, acompañou a Xurxo Souto na súa primeira Barriografía a bordo do bus da liña 7. Mangüi, guitarra en man, cantou con Xurxo e Ángel Campos varias cancións ante a mirada dos pasaxeiros-ouvintes. Non é a primeira vez que este músico acompaña a Xurxo nestas aventuras. “Só nos falta facelo en globo”, asegura Mangüi, que durante moitos anos formou parte da mítica banda Os Diplomáticos de Monte Alto. Antes de entrar neste histórico grupo en 1990, Mangüi xa tocara en Luar na Lubre e fora fundador doutras como Zócalo Rock. As súas orixes, tanto musicais como vitais, áchanse no barrio da Agra do Orzán, onde comezou a pegar os primeiros acordes e a formar parte de diversas bandas.

Como che resultou realizar un programa de radio xunto a Xurxo Souto dentro dun autobús urbano?

Pois mira, realmente é facilísimo. Con Xurxo Souto traballei máis que bastante e xa fixemos loucuras deste tipo en tren e en barco. Agora, tamén nun bus urbano. Só nos falta o globo.

Estando e tocando dende moi novo no barrio, verías nacer moitísimos grupos musicais da Agra, non?

Pois mira, cóntoche. Nos primeiros tempos, Zócalo Rock montámolo xente do instituto e despois con máis persoas de todo o barrio. Pero podemos falar doutros moitos grupos, que se me veñan á cabeza agora. Dígoche, por exemplo, Delirium Tremens ou Relájate, que facíamos música rock sureña, de tipo ianqui. Despois eu xa cheguei a entrar en Luar na Lubre e, máis tarde, nos Diplomáticos.

É un barrio de tradición musical a Agra?

Claro. É un barrio con moitísima tradición na música. Había moitísimas cousas naquela época. Eu non participaba en todas, loxicamente, como por exemplo nos rollos de coros. Pero si que vías os seus carteis, vías o movemento que tiñan. As asociacións de veciños contaban cos seus coros. Houbo sempre onde elixir.

Seguir lendo