Tag Archives: ágora
Compartindo o camiño (2): rolda de opinións
ACTIVIDADES | PASEOS POLO BARRIO O domingo 9 de xuño comezamos a segunda fase dos Paseos polo Barrio, ou o que é o mesmo, os percorridos a pé das catro rutas previamente trazadas no obradoiro colaborativo do pasado 25 de maio. Unhas quince persoas –ademais da coordinadora da actividade, Cristina Anllo, xunto co biólogo César López e parte do equipo de Música en Branco: memoria da Agra do Orzán– camiñaron durante catro horas dende O Ventorrillo até a praia de Riazor.
Na metade da ruta, ao chegar ao centro Ágora polo verde –pisando pouco asfalto nos 3,3 km do itinerario, por fortuna–, fixemos unha parada para descansar e poñer en común impresións.
Paseos polo barrio: catro rutas colaborativas para “ler unha cidade camiñando”
ACTIVIDADES | PASEOS POLO BARRIO “A realidade das cousas nunha cidade hai que ir atopala aos barrios”. Con estas palabras, La Opinión de A Coruña titulaba unha entrevista a Xurxo Souto, o responsable das Barriografías, os programas de radio itinerante que se desenvolven dentro de Música en Branco. A realidade da cidade, polo tanto, hai que saír buscala, apalpala nós mesmos para descubrir que se agocha detrás de cada esquina, ao outro lado da beirarrúa, ao longo dunha avenida. A cidade, como dicía Fernández Paz e lembrou hai pouco o propio Souto, é un libro que se le camiñando. E, a diferenza de calquera novela, este tipo de lectura pódese realizar na compaña de moitos. É unha lectura compartida e, partindo desta idea, o pasado sábado unha vintena de persoas comezaron a escribir as liñas dun libro urbano chamado Paseos polo barrio.
O Centro Ágora acolleu a primeira fase desta nova actuación de Música en Branco. Trátase dunha actividade de sendeirismo urbano, dirixida por Cristina Anllo e que se materializará en catro rutas diferentes para conectar o barrio con distintos puntos da cidade. A Agra do Orzán, pola súa situación e natureza, resulta un eixe vertebrador da cidade para o tránsito urbano que, ademais, conta con grandes posibilidades para se converter en canle de circulación peoníl. Paseos polo barrio, atendendo a esta particular natureza, pretende trazar unha serie de itinerarios que faciliten a conexión a pé entre a Agra e lugares determinados da urbe. E para iso, o sábado, convocouse un obradoiro colaborativo no que unha vintena de persoas debateron as mellores posibilidades para as camiñadas, partillaron lembranzas e trazaron eles mesmos os itinerarios que se levarán a cabo.
Cristina Anllo, a directora da actividade e experta en paixasismo urbano do grupo Microprojets, serviu de canalizador. Simplemente foi a faísca necesaria para que prendese a colaboración entre veciños “de toda a vida” do barrio, novos habitantes da Agra, coruñeses chegados doutros barrios e persoas que, como Sergio, quixeron unirse ao proxecto para “aprender”. Os participantes formaron grupos de traballo e responderon ao convite de Anllo, quen ofrecía a cada grupo unha das catro proposta de traxecto que ela mesma elaborara.
Queres participar nos Paseos polo Barrio?
Xa estamos en marcha!
ACTIVIDADES | BARRIOGRAFÍAS | NÓS Os barrios, as cidades, os autobuses arrecenden, case todas as semanas, a rutina. As mesmas caras, os mesmos traxectos, os mesmos horarios. Todo tende a seguir unha cadencia monótona neses días tinxidos de luns. Todos os días adoitan, na voráxine dunha cidade rutineira, a se parecer demasiado. Non obstante, de cando en vez ábrese camiño unha raiola de cambio, de ruptura no medio de tanta semellanza. E este 20 de maio, o barrio coruñés da Agra do Orzán respirou un aire diferente coa meta de se preparar para o lote de actividades que se desenvolverán no barrio nos próximos meses da man de Música en Branco: memoria da Agra do Orzán, un proxecto de investigación ao redor da memoria sonora e musical do barrio.
A música e o son coáronse nun autobús da liña 7 grazas ao músico e comunicador Xurxo Souto. O eterno Diplomático, acompañado do intérprete Manuel Martín Mangüi e Ángel Campos, memoria viva do barrio, improvisaron un estudio radiofónico sobre rodas. Os usuarios do transporte público atopáronse, sen agardalo, cunha singular mudanza no medio da repetición cotiá. A breve viaxe no bus, entre o Campo da Leña e a Rolda de Outeiro, transformouse nun programa de radio cuns trazos particulares baixo o nome de Barriografías.