O domingo botamos a andar do Ventorrillo á praia de Riazor

Ruta do Ventorrillo á praia de Riazor

ACTIVIDADES | PASEOS POLO BARRIO   Os Paseos polo Barrio comezan, literalmente, este domingo 9 de xuño. Aínda que o pasado 25 de maio xa nos vimos nunha das aulas do centro Ágora para confeccionar, de modo colaborativo, as catro rutas propostas pola coordinadora desta actividade, Cristina Anllo, agora é cando toca facer os camiño a pé, acabalos e fialos coa memoria. E como por algún sitio hai que empezar, farémolo cun itinerario entre O Ventorrillo e a praia de Riazor.

Este primeiro paseo ten en total 3,35 quilómetros, así que non botaremos máis de 4 horas a camiñar. Participar é moi sinxelo. Abonda con inscribirse enviando un correo a [email protected] e presentarse puntualmente o domingo ás 10 da mañá na entrada principal do Centro de Saúde do Ventorrillo, até onde podes desprazarte coas liñas 6, 6A e 7 do autobús urbano. Non esquezas de que vai isto e trae un calzado axeitado –pisaremos máis dun charco, con certeza–, protección contra o sol para a pel e a cabeza e algunha bebida para hidratarse.

COMO VAI SER A XORNADA?

Sairemos puntuais do Centro de Saúde do Ventorrillo acompañados polo equipo de Música en Branco, a coordinadora destes Paseos polo Barrio, Cristina Anllo, e o experto convidado para interpretar dun xeito novo a paisaxe, o biólogo César López, licenciado cunha tese sobre as macroalgas Laminaria hyperborea e Laminaria ochroleuca nesta parte da península ibérica. Ademais de camiñar, ao longo do traxecto faremos paradas para escoitar e documentar as historias dos veciños e a información que o experto nos vaia dando sobre as especies da flora e da fauna da contorna.

Vista da Coruña dende os prados da contorna da Silva

Vista da Coruña dende os prados da contorna da Silva

A ruta parte dun edificio ben coñecido por toda a cidade, situado nesa zona que antigamente, moito antes de que a Agra do Orzán se convertese no que hoxe é, moitos chamaban “as pistas”. Eran en realidade as parcelas xa urbanizadas pero aínda baleiras do que logo sería O Ventorrillo, unha área que entón servía para múltiples usos, entre eles o deporte e a música.

Esta zona correspóndese co desenvolvemento urbanístico do barrio en pequenos grupos de vivendas, con zonas dedicadas a servizos e espazos libres, e onde se atopan a maioría das vivendas sociais. Está situada no lado oeste da Rolda de Outeiro, ao igual que as chamadas Casas de Franco ou Katanga e o conxunto dos Mariñeiros, e orientada ao sueste. É actualmente a fachada da cidade ao espazo natural e á estrutura agrícola do municipio.

É unha zona fértil situada na cota máis baixa deste límite urbano de difícil acceso á costa, xa que está separada por unha fronte rochosa –onde esta construída a depuradora– que a protexe dos ventos do oeste. É unha área en lixeira pendente con orientación nordés que descende cara ao barrio de Labañou, con doado acceso á praia de Riazor a través da denominada Zona Escolar polo antigo barrio de pescadores de San Roque.

Percorreremos a parte alta do barrio da Silva, no que aínda se perciben as estruturas de parcelas agrícolas, e descenderemos cara ao centro Ágora, percorrendo as brañas que rodean a antiga fonte da Gramela. Logo arrodearemos a custa de Visma que sobe a San Pedro atravesando de novo as antigas parcelas agrícolas e atravesaremos o barrio da Virxe do Carme para chegar á praia de San Roque. Finalmente achegarémonos ás rochas da praia de Riazor, onde poderemos coñecer a vexetación da costa e os tipos de algas que arriban á praia.

Escoitaremos as historias que nos conten os veciños sobre barrio da Silva. Coñeceremos en que consiste a tradición musical das tabernas, os sons dos xogos de bar como a ra e a chave, así como os hábitos da pesca no Barrio das Zocas, chamado así polo son do calzado que usaban os seus habitantes. Saberemos que supuxo a chegada da radio como acompañamento nos labores do mar en terra e lembraremos o son dos grilos dos lindes e bordos dos camiños, das ras das brañas, os xogos infantís xunto á fonte da Gramela.

Descubriremos como chegaron os novos estilos musicais ao barrio e percorreremos as rutas que dende San Pedro de Visma levaban os pescadores no inverno a pescar á praia de San Roque, onde aínda agora é posible ver as lanchas de pesca. E finalmente, remataremos a ruta nas rochas detrás do Playa Club –antigo Clangor e casa de baños– e MOOM 57 –antiga discoteca Ola Green–.

COMO SE CONFECCIONOU ESTA RUTA?

Despois do taller participativo para o deseño do percorrido dos catro Paseos polo Barrio, onde os veciños e participantes elixiron as traxectorias, pásouselle o percorrido ao convidado á ruta. Este, dende a perspectiva da súa especialidade para a interpretación do territorio, percorre a ruta e introduce novos elementos –puntos de interese– ao percorrido do paseo. A seguinte actividade, este domingo 9 de xuño, é o percorrido da ruta narrada polos coñecedores do barrio –veciños e traballadores– así como polo convidado, especialista na interpretación dunha determinada área de análise da paisaxe así como de veciños doutros barrios da cidade interesados no coñecemento dese espazo da periferia urbana.

Pasamos da elección dunha traxectoria feita polos vecinos, baseada nos seus roteiros coñecidos para o desprazamento entre o barrio e a periferia, na que se conxugan os intereses e coñecementos persoais á hora de elixir un roteiro coa actitude de actuar como representante –coñecedor– da memoria do barrio, a realizar despois unha interpretación dende a perspectiva do especialista e contrastala agora coa percepción dese espazo. Un exercicio que reflicte a realidade de imaxe paisaxística da periferia urbana como espazo de intercambio, dinamismo e diversidade de contidos e que ficará exposto ao novo visitante a través de unha sinaléctica efémera que se colocará durante o percorrido.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Gravatar
Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. ( Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. ( Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. ( Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. ( Sair / Cambiar )

Cancelar

Conectando a %s