Xa estamos en marcha!

Barriografía na liña 7 do autobús urbano

ACTIVIDADES | BARRIOGRAFÍAS | NÓS  Os barrios, as cidades, os autobuses arrecenden, case todas as semanas, a rutina. As mesmas caras, os mesmos traxectos, os mesmos horarios. Todo tende a seguir unha cadencia monótona neses días tinxidos de luns. Todos os días adoitan, na voráxine dunha cidade rutineira, a se parecer demasiado. Non obstante, de cando en vez ábrese camiño unha raiola de cambio, de ruptura no medio de tanta semellanza. E este 20 de maio, o barrio coruñés da Agra do Orzán respirou un aire diferente coa meta de se preparar para o lote de actividades que se desenvolverán no barrio nos próximos meses da man de Música en Branco: memoria da Agra do Orzán, un proxecto de investigación ao redor da memoria sonora e musical do barrio.

A música e o son coáronse nun autobús da liña 7 grazas ao músico e comunicador Xurxo Souto. O eterno Diplomático, acompañado do intérprete Manuel Martín Mangüi e Ángel Campos, memoria viva do barrio, improvisaron un estudio radiofónico sobre rodas. Os usuarios do transporte público atopáronse, sen agardalo, cunha singular mudanza no medio da repetición cotiá. A breve viaxe no bus, entre o Campo da Leña e a Rolda de Outeiro, transformouse nun programa de radio cuns trazos particulares baixo o nome de Barriografías.

O obxectivo era compartir cos usuarios as microhistorias sonoras e musicais do barrio, nun primeiro contacto con este formato radiofónico que contará con outras oito citas en diferentes puntos da Agra do Orzán. Os viaxeiros escoitaron no traxecto as cancións populares interpretadas polo trío radiofónico e abriron un animado debate ao redor dos nomes de zonas como a dos Mariñeiros. Unha veciña aseguraba que esta parte do barrio tamén se coñecía como As Zocas, polo son que facían ao camiñar con este calzado o gran número de mariñeiros que o habitan dende a súa creación.

As paradas foron marchando polo retrovisor dun autobús con destino á Rolda de Outeiro. En Panaderas, na Praza de Pontevedra ou en San Andrés incorporáronse novos viaxeiros-oíntes que se animaban, entre a sorpresa e o abraio, a compartir as súas voces en diversos cánticos populares do barrio. Esta experiencia repetirase este mesmo mércores nunha Barriografía na que participarán os alumnos do CEIP San Pedro de Visma, que desenvolven dende hai tempo un programa de radio nos recreos. A viaxe sonora continuará a escorregar polo barrio, aínda que xa non será sobre rodas.

Esta primeira intervención sonora encabezada por Xurxo Souto no autobús iniciou a programación do proxecto Música en Branco: memoria da Agra do Orzán, que se presentou pola mañá no Centro Ágora ante os medios nun acto institucional coa concelleira de Cultura, Ana Fernández; un dos coordinadores da iniciativa, Julio Gómez; e o propio Xurxo. Os tres detallaron polo miúdo as actividades que, a través da participación cidadá, racharán a rutina do barrio ao redor do seu patrimonio musical. Obradoiros colaborativos, roteiros urbanos, debates colectivos ou microproxectos de intervención cultural poñerán en valor, entre outras accións, a memoria sonora do barrio máis denso da Coruña.

Música en Branco comezou o seu periplo sobre as rodas cotiás dun autobús e o seu percorrido polo barrio non rematará até outubro, cando o Centro Ágora acolla unha exposición na que se amosarán as conclusións e as producións sonoras deste proxecto de investigación colaborativa e innovación social. Serán entón cando se cree unha serie de audioguías gratuítas que calquera cidadán poderá descargar no seu teléfono e perderse polo barrio na compaña da súa banda sonora.

Como lembrou Xurxo Souto na presentación –citando a Agustín Fernández Paz–, “as cidades son libros que se len ao camiñar”. Música en Branco, ademais, demostra que unha cidade ou un barrio tamén son un álbum musical que só se pode escoitar virando a ollada –e o oído– ao pasado para proxectalo cara ao futuro. Xa estamos en marcha, comezou a soar a Música en Branco. Queden a escoitar. E falén. E canten. E lembren. Todo para formar parte deste coro de voces e memorias compartidas.

Aquí tes a gravación:

http://www.ivoox.com/barriografia-1-lina-7-do-bus_md_2062086_1.mp3″ Ir a descargar

Descarga a nota de prensa, as fotos da presentación ou o folleto con toda a programación.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s