Xa podes escoitar a primeira Barriografía ao completo

ACTIVIDADES | BARRIOGRAFÍAS   Este vídeo só é un aperitivo do que aconteceu o luns 20 de maio a bordo dun dos autobuses urbanos que percorren en círculo a liña 7 e conectan cada día Monte Alto coa Agra do Orzán. Alí gravamos a primeira Barriografía, un programa itinerante de Xurxo Souto que parará, como os buses, noutros oito recantos do barrio nos meses vindeiros.

Aquí podes escoitar o programa completo, gravado ao vivo e sobre rodas:

http://www.ivoox.com/barriografia-1-lina-7-do-bus_md_2062086_1.mp3″ Ir a descargar

Xa estamos en marcha!

Barriografía na liña 7 do autobús urbano

ACTIVIDADES | BARRIOGRAFÍAS | NÓS  Os barrios, as cidades, os autobuses arrecenden, case todas as semanas, a rutina. As mesmas caras, os mesmos traxectos, os mesmos horarios. Todo tende a seguir unha cadencia monótona neses días tinxidos de luns. Todos os días adoitan, na voráxine dunha cidade rutineira, a se parecer demasiado. Non obstante, de cando en vez ábrese camiño unha raiola de cambio, de ruptura no medio de tanta semellanza. E este 20 de maio, o barrio coruñés da Agra do Orzán respirou un aire diferente coa meta de se preparar para o lote de actividades que se desenvolverán no barrio nos próximos meses da man de Música en Branco: memoria da Agra do Orzán, un proxecto de investigación ao redor da memoria sonora e musical do barrio.

A música e o son coáronse nun autobús da liña 7 grazas ao músico e comunicador Xurxo Souto. O eterno Diplomático, acompañado do intérprete Manuel Martín Mangüi e Ángel Campos, memoria viva do barrio, improvisaron un estudio radiofónico sobre rodas. Os usuarios do transporte público atopáronse, sen agardalo, cunha singular mudanza no medio da repetición cotiá. A breve viaxe no bus, entre o Campo da Leña e a Rolda de Outeiro, transformouse nun programa de radio cuns trazos particulares baixo o nome de Barriografías.

Seguir lendo