ACTIVIDADES | PASEOS POLO BARRIO O domingo 9 de xuño comezamos a segunda fase dos Paseos polo Barrio, ou o que é o mesmo, os percorridos a pé das catro rutas previamente trazadas no obradoiro colaborativo do pasado 25 de maio. Unhas quince persoas –ademais da coordinadora da actividade, Cristina Anllo, xunto co biólogo César López e parte do equipo de Música en Branco: memoria da Agra do Orzán– camiñaron durante catro horas dende O Ventorrillo até a praia de Riazor.
Na metade da ruta, ao chegar ao centro Ágora polo verde –pisando pouco asfalto nos 3,3 km do itinerario, por fortuna–, fixemos unha parada para descansar e poñer en común impresións.