Compartindo o camiño (1): Ricardo Seixo

ACTIVIDADES | PASEOS POLO BARRIO   O domingo 9 de xuño comezamos a segunda fase dos Paseos polo Barrio, ou o que é o mesmo, os percorridos a pé das catro rutas previamente trazadas no obradoiro colaborativo do pasado 25 de maio. Unhas quince persoas –ademais da coordinadora da actividade, Cristina Anllo, xunto co biólogo César López e parte do equipo de Música en Branco: memoria da Agra do Orzán– camiñaron durante catro horas dende O Ventorrillo até a praia de Riazor.

Ricardo Seixo olla para o pintafontes na man do biólogo César López

Ricardo Seixo olla para o pintafontes na man do biólogo César López

Como aos demais participantes, propuxémoslle a Ricardo Seixo, veciño do barrio que xa foi protagonista nunha das Barriografías de Xurxo Souto para este proxecto, que compartise con nós as súas impresións sobre a xornada. Como fixera xa noutra oportunidade, escribiu unha particular crónica sobre o percorrido e a constancia dos asistentes:

BARRIO DA AGRA: PERCORRIDO I

Dez e cuarto da mañá,
diante do Centro de Saúde,
poida que hoxe nos mollemos,
non sendo que o día mude.

Imos camiñar o barrio,
non iremos entre o millo,
desde o Centro de Saúde
do barrio do Ventorrillo.

E, por dar información
cómpre, por certo, dicir,
que atención xinecolóxica
rematan de a suprimir.

Cristina, César, Norberto,
Marlén, Cecilia, Dolores,
Jorge, Barca e Expósito,
algúns dos camiñadores.

Pilar, Lorena, Iago e Mónica
tamén do routeiro son,
eu ando tomando notas,
Fernando a gravar o son.

Camiñando cara o Oeste
imos seguindo un carreiro:
fiunchos, fentos e malvas
conversan con sabugueiros.

Estamos a vivenciar
o que nos queda da Agra,
onde houbo arboreda
hai pradeira aterrazada.

Vacas e cabalos deixaron
por aquí a súa pegada,
cántannos pegas e pombos,
óllanos ao lonxe o Ágora.

Na súa cuberta vexetal
“sedum” de múltiples cores.
A auga da Fonte dos Frades
chegaba ao Paseo das Pontes.

Cento cincuenta anos atrás
era unha realidade
que daquí saía auga
pra abastecer a cidade.

Comprobamos que aínda ten
unha auga moi, moi sana,
díxonolo un animaliño
que limpafontes se chama.

Achegámonos ao Ágora,
da cultura un macrocentro,
agardamos non remate
de monumento ao cemento.

Mais agora que está aquí
a súa presenza estimula
pra ver de darlle máis pulo
e vida á nosa cultura.

Facemos unha parada
dediante da instalación,
do routeiro imos facendo
un a un valoración.

Cara San Pedro de Visma
pasamos por Mariñeiros,
e vemos algunha leira
que nos informa:hai labregos!

Nesta zona, non hai tanto,
puiden ver plantas do liño.
Co amigo Anxo Núñez
non hei andar máis camiño.

Este barrio é unha illa
abeirando a cidade,
poida que sexa dos poucos
que aínda ten identidade.

Aquí atopamos nomes
regalía pras orellas:
Figueiras e Eira Vella,
Pardiñas e máis Pedreiras.

No percorrido a San Roque
unha zona de asadura,
perto dalí unha moreira
con moita mora madura.

Deixamos atrás “Katanga”
e bordeamos “Korea”,
xa demos a volta ao mundo,
unha torre nos observa.

Ollando ao Norte verémola
como faro orientador,
de Hércules leva o nome,
de Roma o seu construtor.

Pouco a pouco fomos indo
achegándonos ao mar,
aquí os pasos de peóns
están pra se respectar.

A capela de San Roque,
outra cousiña das raras,
estragárona hai anos
pra construír as Escravas.

Os restos que descansaban
no cimeterio que había,
atoparon o repouso
no de San Pedro de Visma.

Descendimos pola rampla
que comunica coa area,
por ela baixan as lanchas
cando saen á marea.

Poñen proa cara a Torre
e, ollando a estribor,
teñen un gran mar de area:
a Praia de Riazor.

Rematamos xa por hoxe
un fermoso percorrido,
moito máis ricaz con vós
polo que teño aprendido.

Ricardo Seixo, 9 de xuño de 2013.

One thought on “Compartindo o camiño (1): Ricardo Seixo

  1. Que iniciativa tan boa!
    É interesantísimo coñecer a historia dos barrios, como foron medrando, que había antes… que personaxes viviron.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s