Pasear polas costuras da cidade

Sendo fieis ao propósito dos Paseos polo Barrio, que non é outro que camiñar a cidade polas súas costuras, polos límites entre a masa urbanizada e as fendas de espazos verdes, hai dous xeitos de percorrer a ruta do Ventorrillo á praia de Riazor, coa que inauguramos o pasado domingo 9 de xuño as camiñadas desta actividade. Unha, continua, enlaza o traxecto polos prados coas brañas, e logo de deixar atrás as casas dos pescadores de Río, pasa por debaixo de San Pedro de Visma, colle a Costa de Visma, desvíase a Entrecasas e baixa cara á praia de San Roque polo barrio do Carme. A outra, entrando e saíndo deste itinerario para acceder aos espazos libres e os servizos que existen nos puntos de contacto coa cidade urbanizada, foi a que escollemos o outro día. Esta de aquí.

Ás dez da mañá atopámonos, puntuais, no centro de saúde do Ventorrillo. Eramos algo máis de quince persoas, entre o equipo de Música en Branco: memoria da Agra do Orzán, no que incluímos o experto convidado, o biólogo César López, e a coordinadora dos paseos, Cristina Anllo, e as persoas que se inscribiron para participar na camiñada. Primeira sorpresa: os veciños do barrio eran minoría no grupo. E aínda así, de todas e de todos fóronse tirando historias e saberes ao longo das catro horas de percorrido até as praias da Coruña.

Unha boa maneira de resumir a xornada pódela atopar neste medio cento de fotografías que fomos tirando a medida que avanzabamos. Foron, ao cabo, tres etapas. Primeiro, dende o punto de encontro, beireando A Silva, atravesando os prados desa zona alta e chegando ao centro Ágora pola Fonte dos Frailes e o camiño de Visma á Gramela, segundo a toponimia oficial. Alí, no exterior do centro, primeira parada para coller folgos e compartir impresións. A seguir, visita ás brañas a carón dos Mariñeiros e segunda pausa para un café. A partir de aí, seguimos camiño até chegar finalmente ás praias, onde o biólogo César López, que fora identificando especies animais e vexetais durante toda a xornada, puido por fin dedicarse a unha das súas especialidades: as algas.

O biólogo César López amosa algunhas das especies de algas da beiramar coruñesa

O biólogo César López amosa algunhas das especies de algas da beiramar coruñesa

As dúas opcións representan dous xeitos de entender o diálogo entre o dentro e o fóra da cidade. Unha, saíndo do Ventorrillo, na Avenida de Fisterra, e percorrendo a rede de corredoiras e camiños que nos leva de maneira máis directa pola súa estrutura máis rural cara á costa. A outra, intercalando esa retícula cos equipamentos, servizos e zonas comerciais que se atopan no bordo da área urbanizada, en contacto coas vías principais.

O itinerario tiña que servir tamén para xerar historias e ligalas ao territorio. Para xeolocalizar relatos. Fernando Silva, o técnico de son de Música en Branco, armado de pértiga e gravadora, foi perseguindo as voces ao longo do camiño. As máis das veces a de César López, que a cada paso ía explicando o que se vía e o que non se vía: a contorna “a vista de rato”, en paralelo ao chan. As especies animais e vexetais que nos arrodean, o “parque natural” que temos a carón da casa. As especies e os seus usos. As súas propiedades, a dose xusta, as lendas asociadas ás plantas. As ortigas, o trevo, o sabugueiro, o fiuncho, o alimento dos paxaros, o por que de cada cor no camiño.

O biólogo César López amosa ao grupo un pintafontes

O biólogo César López amosa ao grupo un pintafontes

E ligados ás especies, os sons, e entre todos os sons, tamén aqueles que se organizan en forma de palabras. A toponimia, a deturpada e mais a outra. Os nomes das flores e as árbores. Os animais e os lugares, como o pintafontes, un tritón que César López deu collido nas augas claras da Fonte dos Frailes, a carón do Ágora, de onde antigamente partía unha desas “viaxes da auga” que daba de beber á cidade. Nesta outra especie de relatos houbo máis voces. Case todas as persoas que participaron na camiñada contribuíron coa súa memoria.

A ruta queda marcada. Ao longo do percorrido, Cristina Anllo, de Microprojets, coordinadora desta actividade enmarcada en Música en Branco: memoria da Agra do Orzán, foi sinalizando o itinerario a cada pouco con materiais efémeros. En realidade, só é unha fase da construción do camiño. O que comezou o pasado 25 de maio cun obradoiro colaborativo e segue agora con catro camiñadas, rematará a finais deste ano coa creación do mapa sonoro do barrio e unhas audioguías para transitalo con auriculares coma se fose un museo intelixente.

Cristina Anllo, coordinadora da actividade, sinaliza a ruta

Cristina Anllo, coordinadora da actividade, sinaliza a ruta

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s