Unha segunda camiñada para remexer nas pedras da memoria

SAMSUNGComo lembraba Xurxo Souto ao comezo de Música en Branco: memoria da Agra do Orzán, o escritor Agustín Fernández Paz asegurou nalgunha ocasión que “as cidades son libros que se len camiñando”. Con ese espírito e, sabendo que as urbes teñen moito tamén de álbumes que debemos escoitar a pé, os Paseos polo Barrio arrincaron fai xa unha semana coa súa primeira camiñada e, este domingo, calzamos de novo o uniforme de camiñante e puxémonos coa segunda ruta. Entre o Parque de Santa Margarita e o Portiño, máis de vinte persoas decidiron facer camiño. Xunto a eles, o equipo de Música en Branco, a coorinadora dos Paseos polo Barrio, Cristina Anllo e Marco Antonio Rivas, arqueólogo municipal da Coruña. Este último foi o especialista da xornada e quen se encargou de furar na historia da cidade.

Cara ás dez da mañá e cun ceo atoldado, que volvía ameazar chuvias, a camiñada, sen saír aínda do parque de Santa Margarita, fixo a súa primeira parada aos pés dun muíño de vento. Alí, o arquéologo detallou o singular desta construción. “Os muíños xeneralizáronse no século XVII, pero en Galicia non son habituais os de vento. Nunca o foron. Aquí empregáronse sempre os de auga”, sinalou Marco Antonio Rivas, quen tamén destacou que este inmoble foi trasladado do seu lugar orixinal ao parque. “E este tipo de traslado converte os elementos arquitectónicos en simples ananos de xardín. Os edificios teñen que estar na súa contorna orixinal. Fóra dela, perden o seu sentido, o seu significado”, engadiu.

O MOSTEIRO DE SAN FRANCISCO

Despois de descender a Avenida de Fisterra e lembrar os desaparecidos cines Rex e a hisórica imprenta Roel, a seguinte parada da ruta foi o Mosteiro de San Francisco, edificio histórico que, como outro “anano de xardín”, está fora do seu contexto. O inmoble orixinal situábase na Maestranza e, nos anos sesenta, realizouse o traslado. E o mosteiro quedou dividio e desnaturalizado. A reconstrución da Igrexa levouse a cabo nas inmediacións da Avenida Fisterra, na outro lado da cidade, mentres que os alicerces seguen na Maestranza e varias pezas se diseminaron por diferentes museos.SAMSUNG

O Mosterio de San Francisco, por outra banda, agocha entre as súas pedras removidas parte da historia da Monarquía dos Austria. “Carlos I convocou a cortes neste lugar antes de viaxar a Alemaña e converterse tamén en Carlos V. É dicir, aquí déronse os primeiros pasos para que España fose Imperio. Despois, Felipe II visitou San Francisco até en dúas ocasións e unha delas foi antes de marchar a Gran Bretaña para casar con María Tudor”, lembrou o arquéologo, quen sinalou que os franciscanos deberon chegar á cidade moito antes de que isto que chamamos España existe como tal, aló por 1210-1220.

OS CAMIÑOS DA AUGA E OS ESPAZOS DE DESEXO

A seguinte parada chegou á altura do Paseo das Pontes. Alí, os camiñantes escoitaron de que xeito esta construción foi ideada para abastecer a cidadanía de auga. Manuel Antonio Rivas adiantou que, na actualidade, hai un proxecto para a limpeza dos antigos sistemas de canalización. Ese proceso serviría, no futuro, para estabelecer unha diagnose e un plan de conservación.

A partir de aí, a camiñada perseguiu os restos históricos do antigo acueducto da Coruña, que deixou de funcionar aló por 1902. A gran parte do mesmo xa desapareceu, mais nalgúns lugares adivíñase perfectamente entre a vexetación. Un deses puntos é nas leiras que se achan aos pés do Parque do Observatorio e ao redor da rúa Almirante Mourelle. E foi, precisamente alí, ao abeiro do antigo acueducto, onde os participantes comezaron a falar da necesidade de recuperar e conservar o acueducto, si, mais tamén da apertura dun espazo moi desexado pola veciñanza: o Parque do Observatorio.

SAMSUNG

Estas instalacións, pertecentes ao Ministerio de Medio Ambiente, son habitualmente reclamadas pola comunidade como un espazo que abrir ao público. Con esa actuación, solucionaríase unha das principais eivas do barrio: a falta de espazos verdes e públicos. “Sobre todo cando perdamos a zona verde nas Conchiñas, onde queren facer un aparcadoiro . Temos que abrir xa o parque do observatorio, pero xa. Tiña que estar aberto xa antes de que comezasen as obras. Porque é necesario e porque sería recuperar orgullo de barrio”, sinalou Marisol, unha das veciñas da Agra que participou na camiñada. Nese mesmo sentido, tamén insistiu Carlos, presidente da Asociación de Veciños do Barrio, que se amosou moi activo á hora de compartir a historia e as necesidades do barrio dende o comezo da marcha. Nese sentido, Carlos lembrou o papel relevante que xoga esta asociación na dinamización social e na conservación do patrimonio da Agra. “Esta parte do acueducto [a que é visible en Almirante Mourelle] segue existindo pola Asociación de Veciños da Agra do Orzán. A asociación fixo posible que se conservara, xa que no plan de urbanismo non se contemplaba mantelo”, explicou Carlos, quen tamén reivindicou a a necesidade de abrir o parque do Observatorio. Lugar que, por certo, abrirá o próximo sábado para acoller a sétima Barriografía de Xurxo Souto.

ZONAS DE ALIVIO, ESPAZOS DESEXADOS

A seguinte parada realizouse nas inmediacións do Centro Ágora, na zona non urbanizada que rodea tamén Os Mariñeiros. Camiñando por estes clareiros, Cristina Anllo asegurou que ese espazo aberto é “unha zona de alivio” para a densa construción da Agra e que debe ser usada polos veciños. Pola súa banda, Carlos lembrou que hai un plan para construír “3.500 vivendas” nuns terreos que historicamente se empregaban para o cultivo dos veciños.SAMSUNG

Acto seguido, os participantes neste Paseo polo Barrio continuaron a súa camiñada até o Portiño. Atravesando San Pedro de Visma, a compañía comezou a dexergar o mar dende a distancia. Tras catro horas de traxecto, o Portiño xurdiu no horizonte. E alí, antes de rematar o itinerario, Marco Antonio Rivas Nodas furou nos xacementos e na historia arqueolóxica da cidade. “Brigantium naceu coma un porto, probablemente no século I e coa intención de abastecer as tropas romanas que se lanzaron á invasión de Britania”, sinlou o arquéologo, quen tamén quixo destacar a importancia do comercio de Brigantium co norte de África. Ademais, amosou unha hipótese pola cal os portos na Coruña, en tempos do romano, eran varios e que se repartían pola costa. O obxectivo deste reparto era evitar que, pola xeografía da zona (unha península) resultase moi fácil bloquear por mar e por terra os accesos á cidade e aos peiraos. “E por iso atopáronse restos romanos na Solana, en Oza e aquí, no Portiño”, concluíu Rivas.

E tras este apuntamento histórico, a camiñada rematou cunhas últimas explicacións de Carlos, o presidente da Asociación de Veciños da Agra do Orzán, sobre a historia recente do Portiño. E despois, de volta á casa. Co ceo, despois de respectarnos toda a mañá, chovendo e coa mente posta xa no seguinte Paseo polo Barrio, que se celebrará o próximo domingo entre a Estación de Autobuses e o Monte de San Pedro. Xa sabedes, para apuntarse a esta terceira camiñada, simplemente debedes inscribirvos enviando un mail a [email protected].

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Gravatar
Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. ( Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. ( Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. ( Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. ( Sair / Cambiar )

Cancelar

Conectando a %s