Barriografía de “cidadáns escarranchados” cos Papaqueixos e Galu Teranga

ACTIVIDADES | BARRIOGRAFÍAS  “Somos cidadáns escarranchados: cun pé na cidade e outro no rural”. Con estas palabras, o músico Xurxo Souto definía a esencia da cidadanía galega actual na súa quinta Barriografía, o seu programa de radio itinerante. O equipo radiofónico de Música en Branco: memoria da Agra do Orzán, con Souto á cabeza, desprazouse o sábado pasado á rúa Barcelona. O ceo, atoldado e revirado, ameazaba chuvia e, aínda que finalmente nos respectou, a Barriografía trasladouse aos soportais traseiros do Mercado das Conchiñas.

E alí, co mercado ás costas e a praza diante, comezou a soar a sintonía das Barriografías: “Ai, Agra do Orzán, furada no ceo, como os aparcamentos da Rolda de Outeiro/ Ai, Agra do Orzán, Rúa Barcelona Hong Kong galego, damos a vida por un palmo de terreo/ Ai, Agra do Orzán, das rúas cativas, os mozos non morden nin en dobre fila/ polo si, polo non, especulación/ Ai, Agra do Ozán”. Aquí podedes escoitar a gravación completa:

http://www.ivoox.com/barriografia-5-mercado-das-conchinas-8_md_2122220_1.mp3″ Ir a descargar

O radio portáil instalouse nos soportais do mercado das Conchiñas

O radio portáil instalouse nos soportais do mercado das Conchiñas

Coas voces do público, guiado por Souto, comezou unha Barriografía que, durante dúas horas e media, encheu de música e lembranzas as inmediacións da rúa Barcelona. Os primeiros en mallar no pentagrama foron os membros da histórica banda Os Papaqueixos, que se reuniron especialmente para a ocasión. Non eran todos os que estaban nin estaban todos os que son, mais compareceron en versión redux para lembrar a relación da Agra con este grupo emblemático do rock bravú. “Un dos nosos primeiros locais de ensaio estaba na rúa Entrepeñas”, comezou a furar na memoria Antón Díaz que, xunto a Fran Amil, Xan Xove e Ricardo Casás, formaba parte destes Papaqueixos barriografados. Antón tamén destacou a satisfacción de tocar na Agra unha vez máis, xa que dende o seu punto de vista “os barrios obreiros son os máis educados”. “Por iso, tocar na rúa Barcelona era un pracer. Ti tocabas e, se cadra a xente non tiña moitos cartiños, pero sempre che pagaba con sorrisos e aplausos”, explicou.

Pola súa banda, o gaiteiro Xan Xove tamén quixo destacar, na súa conversa con Souto, a natureza hospitalaria deste barrio e a súa tradición inmigrante. “Aquí sempre houbo un convivir moi bonito. Se cadra non había servizos, pero había solidariedade. Iso é moito máis cós servizos que deben dar, e moitas veces non dan, as administracións”, sinalou Xove quen, como gran parte da veciñanza procede do exterior da Coruña. “Pero todos vimos aquí a facer a Coruña”, proclamou Xove, membro tamén da histórica O fJarbanzo Negro, cuxa música tamén se escoitou nas Conchiñas.

“Somos cidades plurais”

Como exclamou Xove, todos chegaron á Agra “para facer A Coruña”. Non obstante, había algúns que xa a estaban a facer barrio dende antes, dende a súa infancia entre montes e pistas sen asfaltar. É o caso de Emilio Grandío, profesor de Historia Contemporánea da USC e, en palabras de Souto, “un  auténtico aborixe” do barrio. “Eu lembro que antes, esta praza era unha gran poza. Non había nada aquí. É relativamente nova, debe ter uns vinte anos”, comezou a rememorar Grandío, antes de destacar a importancia dos barrios na sociedade galega actual. “Dende os anos oitenta, Galicia pasa de ser maioritariamente rural a maioritariamente urbana. Nese paso, os barrios son fundamentais e, francamente, a historia urbana de Galicia está por descubrir, por estudar”, reflexionou o historiador.

Souto e o historiador Emilio Grandío

Souto e o historiador Emilio Grandío

Grandío quixo destacar, na súa conversa con Souto, o papel que xogan os barrios na identidade da cidadanía actual. “Porque a cidade non é só o centro, a cidade de verdade está nos barrios, a xente procede deles e a esa xente hai que explicarlle que a súa identidade non é etérea. Ten que saber de onde vén, que somos cidadáns e cidades plurais. E que somos cidades pluriculturais“.

Hospitalidade na Agra-Senegal

Precisamente esa natureza pluriculural, propia do barrio, quedou plasmada na música compartida entre Os Papaqueixos e Galu Teranga, unha banda senegalesa. O músico Papa Meissa Fall explicou que o nome deste grupo significaba “a hospitalidade no barco”. Papa sinalou a importancia da hospitalidade en Senegal e que o grupo nacera en 2006, con varios músicos que acababan de chegar. Ao tempo, tamén Souto sinalou que “preto de 800 senegaleses” se instalaran nos últimos anos neste barrio. Galu Teranga interpretou varias pezas propias ao longo do programa e, finalmente, fusionaron os seus sons cos dos Papaqueixos nun dos momentos máis destacados desta Barriografía que ollou moito, en palabras de Souto, á “Agra-Senegal” que existe dentro da propia Agra.

Galu Teranga e Os Papaqueixos, ao vivo

Galu Teranga e Os Papaqueixos, ao vivo

Os Tamara e Los Satélites

Outro dos convidados por Souto neste Barriografía foi Jesús Iglesias, coñecido como Suso Jeima, coleccionista e restaurador de música. El foi o encargado de ir picando ao longo do programa a música gravada de  bandas históricas, vencelladas ao orixe musical da Agra do Orzán. Deste xeito e grazas a Suso, escoitouse polas Conchiñas a voz de Pucho Boedo interpretando Sahara, a música de Los Satélites –cos que tocou precisamente Ricardo Casás– ou a de orquestras como Los Españoles, dos que se escoitou o tema La Española. Suso Jeima, sobre esta formación, adiantou que hai tan só dos semanas atopou, no seu afán de colección, un par de discos no Xapón. “E todo, a carátula, as palabras, todo, estaba en xaponés”, explicou Jeima, ampliando a influencia musical do barrio até latitudes nipoas.

Así transcorreu a quinta Barriografía de Música en Branco: memoria da Agra do Orzán. A sexta xa está chamando ás nosas portas. Será este venres pola tarde no Club de Chave dos Mariñeiros.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Gravatar
Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. ( Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. ( Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. ( Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. ( Sair / Cambiar )

Cancelar

Conectando a %s