ACTIVIDADES | PASEOS POLO BARRIO O domingo 9 de xuño comezamos a segunda fase dos Paseos polo Barrio, ou o que é o mesmo, os percorridos a pé das catro rutas previamente trazadas no obradoiro colaborativo do pasado 25 de maio. Unhas quince persoas –ademais da coordinadora da actividade, Cristina Anllo, xunto co biólogo César López e parte do equipo de Música en Branco: memoria da Agra do Orzán– camiñaron durante catro horas dende O Ventorrillo até a praia de Riazor.
Como aos demais participantes, propuxémoslle a Ricardo Seixo, veciño do barrio que xa foi protagonista nunha das Barriografías de Xurxo Souto para este proxecto, que compartise con nós as súas impresións sobre a xornada. Como fixera xa noutra oportunidade, escribiu unha particular crónica sobre o percorrido e a constancia dos asistentes:
BARRIO DA AGRA: PERCORRIDO I
Dez e cuarto da mañá,
diante do Centro de Saúde,
poida que hoxe nos mollemos,
non sendo que o día mude.
Imos camiñar o barrio,
non iremos entre o millo,
desde o Centro de Saúde
do barrio do Ventorrillo.
E, por dar información
cómpre, por certo, dicir,
que atención xinecolóxica
rematan de a suprimir.
Cristina, César, Norberto,
Marlén, Cecilia, Dolores,
Jorge, Barca e Expósito,
algúns dos camiñadores.
Pilar, Lorena, Iago e Mónica
tamén do routeiro son,
eu ando tomando notas,
Fernando a gravar o son.