Tag Archives: los satélites
Xa podes escoitar a Barriografía da Silva
ACTIVIDADES | BARRIOGRAFÍAS Estreamos as Barriografías a bordo dun autobús, na liña 7, no traxecto de Monte Alto a Rolda de Outeiro, entre a pasaxe habitual e os medios de comunicación que viñeron descubrir con nós esta viaxe comandada por Xurxo Souto polos sons, as músicas e as memorias da xente da Agra do Orzán. Desprazámonos logo ao colexio de San Pedro de Visma para recoller, non había nada que inventar, todo o talento que cada mañá no tempo do recreo enche a grella de Radio SPV, a radio libre das alumnas e os alumnos, que eles chaman tamén Radio Patio e Radio Tuku-Taka.
Para a terceira etapa, o equipo da radio itinerante subiu barrio arriba até o antigo couto da Coruña, A Silva, onde se daban, dicía Xurxo Souto con fachenda, coma se fose mesmo da zona, os mellores repolos, o mellor trigo e o mellor millo da volta, o cereal que logo ía dereito aos antigos muíños da Agra do Orzán. Máis de medio cento de persoas responderon a chamada das Barriografías nos exteriores do Centro Cívico da Silva. Ambientazo.
Seguir lendo
Mangüi Martín: “A Agra do Orzán é un barrio con moitísima tradición na música”
MICROHISTORIAS O músico Manuel Martín, máis coñecido como Mangüi Martín, acompañou a Xurxo Souto na súa primeira Barriografía a bordo do bus da liña 7. Mangüi, guitarra en man, cantou con Xurxo e Ángel Campos varias cancións ante a mirada dos pasaxeiros-ouvintes. Non é a primeira vez que este músico acompaña a Xurxo nestas aventuras. “Só nos falta facelo en globo”, asegura Mangüi, que durante moitos anos formou parte da mítica banda Os Diplomáticos de Monte Alto. Antes de entrar neste histórico grupo en 1990, Mangüi xa tocara en Luar na Lubre e fora fundador doutras como Zócalo Rock. As súas orixes, tanto musicais como vitais, áchanse no barrio da Agra do Orzán, onde comezou a pegar os primeiros acordes e a formar parte de diversas bandas.
Como che resultou realizar un programa de radio xunto a Xurxo Souto dentro dun autobús urbano?
Pois mira, realmente é facilísimo. Con Xurxo Souto traballei máis que bastante e xa fixemos loucuras deste tipo en tren e en barco. Agora, tamén nun bus urbano. Só nos falta o globo.
Estando e tocando dende moi novo no barrio, verías nacer moitísimos grupos musicais da Agra, non?
Pois mira, cóntoche. Nos primeiros tempos, Zócalo Rock montámolo xente do instituto e despois con máis persoas de todo o barrio. Pero podemos falar doutros moitos grupos, que se me veñan á cabeza agora. Dígoche, por exemplo, Delirium Tremens ou Relájate, que facíamos música rock sureña, de tipo ianqui. Despois eu xa cheguei a entrar en Luar na Lubre e, máis tarde, nos Diplomáticos.
É un barrio de tradición musical a Agra?
Claro. É un barrio con moitísima tradición na música. Había moitísimas cousas naquela época. Eu non participaba en todas, loxicamente, como por exemplo nos rollos de coros. Pero si que vías os seus carteis, vías o movemento que tiñan. As asociacións de veciños contaban cos seus coros. Houbo sempre onde elixir.