ACTIVIDADES | PASEOS POLO BARRIO “A realidade das cousas nunha cidade hai que ir atopala aos barrios”. Con estas palabras, La Opinión de A Coruña titulaba unha entrevista a Xurxo Souto, o responsable das Barriografías, os programas de radio itinerante que se desenvolven dentro de Música en Branco. A realidade da cidade, polo tanto, hai que saír buscala, apalpala nós mesmos para descubrir que se agocha detrás de cada esquina, ao outro lado da beirarrúa, ao longo dunha avenida. A cidade, como dicía Fernández Paz e lembrou hai pouco o propio Souto, é un libro que se le camiñando. E, a diferenza de calquera novela, este tipo de lectura pódese realizar na compaña de moitos. É unha lectura compartida e, partindo desta idea, o pasado sábado unha vintena de persoas comezaron a escribir as liñas dun libro urbano chamado Paseos polo barrio.
O Centro Ágora acolleu a primeira fase desta nova actuación de Música en Branco. Trátase dunha actividade de sendeirismo urbano, dirixida por Cristina Anllo e que se materializará en catro rutas diferentes para conectar o barrio con distintos puntos da cidade. A Agra do Orzán, pola súa situación e natureza, resulta un eixe vertebrador da cidade para o tránsito urbano que, ademais, conta con grandes posibilidades para se converter en canle de circulación peoníl. Paseos polo barrio, atendendo a esta particular natureza, pretende trazar unha serie de itinerarios que faciliten a conexión a pé entre a Agra e lugares determinados da urbe. E para iso, o sábado, convocouse un obradoiro colaborativo no que unha vintena de persoas debateron as mellores posibilidades para as camiñadas, partillaron lembranzas e trazaron eles mesmos os itinerarios que se levarán a cabo.
Cristina Anllo, a directora da actividade e experta en paixasismo urbano do grupo Microprojets, serviu de canalizador. Simplemente foi a faísca necesaria para que prendese a colaboración entre veciños “de toda a vida” do barrio, novos habitantes da Agra, coruñeses chegados doutros barrios e persoas que, como Sergio, quixeron unirse ao proxecto para “aprender”. Os participantes formaron grupos de traballo e responderon ao convite de Anllo, quen ofrecía a cada grupo unha das catro proposta de traxecto que ela mesma elaborara.
OS GRUPOS DE TRABALLO
A primeira delas resultaba “a máis histórica” e partía do parque de Santa Margarita ao Portiño, lugar onde puido establecerse “un antigo porto romano”. Este traxecto espertou unha serie de lembranzas entre os veciños. Carlos lembrou ao comezo do obradoiro que os muíños que se atopan nese parque, chamado noutrora Joaquín Costa, foran trasladados até alí dende un lugar polo que agora pasa a Rolda de Nelle. Tamén houbo quen destacou que o parque, noutros tempos, carecía realmente dun nome fixo, que a xente simplemente o coñecía como “O Monte”. “Eu ía xogar ao monte cando era pequena. Non se chamaba Santa Margarita, para nós era o monte”, lembrou Begoña durante o obradoiro. Os membros deste grupo mesmo lle acabaron poñendo un nome á ruta, “Do Monte ao Portiño facendo camiño”, e amosaron o seu interese pola historia dos nomes e as características sociais do barrio. “Preguntámonos pola toponimia e tamén pola súa natureza emigrante. Falando entre nós, saíu moitísima riqueza patrimonial. Todo iso está neste barrio“, sinalou Marlene Anaya, veciña colombiana que leva preto de 16 anos vivindo na Coruña.
A segunda ruta proposta por Anllo pretendía “coser todos os barrios vinculados á Agra”. É dicir, conectar a pé a Estación de Autobuses ao miradoiro de San Pedro, pasando polos Mallos, Vioño, a propia Agra, San Pedro de Visma, A Silva ou Os Rosais. Neste punto, lembrouse a relevancia do movemento anarquista da Silva. “Durante a República, estivo moi vencellado ás sensibilidades anarquistas e obreiras. Moitos foron criminalmente fusilados pola opresión”, lembrou Carlos, quen tamén destacou que neste barrio pasou a súa infancia Pucho Boedo, cuxo pai fora precisamente vítima da represión.
A terceira ruta partía do Ventorrillo até chegar á praia de Riazor. A intención deste itinerario era conseguir crear un camiño agradable entre estes dous puntos, tentando evitar o máis posible a Rolda de Outeiro. “Hai que facelo o máis humano, o máis afastado posible do tráfico”, explicouse no grupo de traballo. A intención pasaba, polo tanto, por crear unha alternativa ao circuito máis habitual evitando, dese xeito, o trafego de ruído e de coches que un cruza cada día na Rolda de Outeiro.
Por último, o cuarto camiño discutido de forma colaborativa nacía de Meicende e circulaba até o Estadio do Deportivo. “O obxectivo desta camiñada é unir un lugar como o de Meicende á cidade, xa que está illado por mor da refinería”, explicou de entrada a propia Cristina. Neste equipo, contouse cun veciño de Meicende, que definiu o seu espazo urbano e s súas características. “É un lugar deteriorado, cun urbanismo salvaxe e as casas arrodeaban o embalse. Ademais, é unha zona atrapada pola refinería”, sinalou Sergio Lago, antes de engadir que “en Meicende tamén se respira unha sensación de comunidade, de pertenza a un barrio”.
O deseño das rutas finalizou nesta primeira parte despois de tres horas de intercambio de opinións, posibilidades, lembranzas e propostas. Cada un dos catro grupos, ademais, perfilou cadanseu itinerarios e quixo destacar informacións ao redor de diversos puntos de interese e edificios históricos. Creouse deste xeito un tecido de memoria que ao longo do mes de xuño, en cada unha das camiñadas previstas, se vai ir estendendo paso a paso, facendo camiño. Por outra banda, cada unha das rutas está aberta aínda para que tanto Cristina Anllo como os membros de cada equipo vaian modificando algúns detalles ou mellorando os traxectos definidos neste obradoiro inicial. Farano a distancia e a través da aplicación Google Earth, que serviu como soporte para o trazado das rutas.
CALENDARIO
Finalmente, as rutas quedaron establecidas nun programa determinado, que se desenvolverá no mes de xuño. As rutas propostas iniciais sufriron algunhas modificacións ao longo do obradoiro e enriquecéronse coas achegas de todos os participantes. Cada unha delas quedou fixada para unha data concreta e vun punto de saída xa establecido. Ademais, en todas elas contarase coa presenza de diversos expertos, que afondarán en aspectos especializados durante os itinerarios. O calendario previsto para as rutas é o seguinte.
– Ruta dende O Ventorrillo até a praia de Riazor. 9 de xuño de 10 a 14 horas. Punto de encontro: centro de saúde do Ventorrillo. Convidado: César López Varela, biólogo e experto en algas.
– Ruta dende o Parque de Santa Margarita até O Portiño. 16 de xuño, de 10 a 14h. Punto de encontro: entrada do parque polas oficinas do Museo da Ciencia. Convidado: Marco Antonio Rivas Nodas, aqueólogo municipal.
– Ruta dende a Estación de Autobuses até o Monte de San Pedro. 23 de xuño de 10 a 14h. Punto de encontro: entrada da estación. Convidado: Carlos Iglesias, técnico en industrias alimentarias e análise de solos.
– Ruta dende Meicende até o Estadio do Deportivo. 30 de xuño, de 11.15 a 17h con parada para comer. Punto de encontro: escaleiras de entrada ao paseo do encoro, a carón do centro de saúde. Convidado: Juan López Bedoya, xeomorfólogo, do equipo redactor do Plan de Ordenación do Litoral.
Estas rutas seguen abertas aos participantes que se queiran unir a esta iniciativa para ler, como diría Fernández Paz, a súa cidade a pé. Todos os interesantes nas camiñadas poden inscribirse enviando un mail a [email protected]. Simplemente, con escribir un correo electrónico comezará unha viaxe de sendeirismo pola cidade. Unha viaxe que, grazas a Ricardo Seixo, conta cunha particular banda sonora. Este veciño da Agra, mestre retirado, participou no Obradoiro e quixo realizar unha pequena composición musical no que se resume as esencias do seu barrio. As cidades pódense ler camiñando como unha gran novela histórica, mais tamén se poden escoitar como un álbum de grandes éxitos de toda unha vida.
http://www.ivoox.com/cancion-ricardo-seixo-para-o-obradoiro-colectivo_md_2077472_1.mp3″ Ir a descargar