Mangüi Martín: “A Agra do Orzán é un barrio con moitísima tradición na música”

MICROHISTORIAS   O músico Manuel Martín, máis coñecido como Mangüi Martín, acompañou a Xurxo Souto na súa primeira Barriografía a bordo do bus da liña 7. Mangüi, guitarra en man, cantou con Xurxo e Ángel Campos varias cancións ante a mirada dos pasaxeiros-ouvintes. Non é a primeira vez que este músico acompaña a Xurxo nestas aventuras. “Só nos falta facelo en globo”, asegura Mangüi, que durante moitos anos formou parte da mítica banda Os Diplomáticos de Monte Alto. Antes de entrar neste histórico grupo en 1990, Mangüi xa tocara en Luar na Lubre e fora fundador doutras como Zócalo Rock. As súas orixes, tanto musicais como vitais, áchanse no barrio da Agra do Orzán, onde comezou a pegar os primeiros acordes e a formar parte de diversas bandas.

Como che resultou realizar un programa de radio xunto a Xurxo Souto dentro dun autobús urbano?

Pois mira, realmente é facilísimo. Con Xurxo Souto traballei máis que bastante e xa fixemos loucuras deste tipo en tren e en barco. Agora, tamén nun bus urbano. Só nos falta o globo.

Estando e tocando dende moi novo no barrio, verías nacer moitísimos grupos musicais da Agra, non?

Pois mira, cóntoche. Nos primeiros tempos, Zócalo Rock montámolo xente do instituto e despois con máis persoas de todo o barrio. Pero podemos falar doutros moitos grupos, que se me veñan á cabeza agora. Dígoche, por exemplo, Delirium Tremens ou Relájate, que facíamos música rock sureña, de tipo ianqui. Despois eu xa cheguei a entrar en Luar na Lubre e, máis tarde, nos Diplomáticos.

É un barrio de tradición musical a Agra?

Claro. É un barrio con moitísima tradición na música. Había moitísimas cousas naquela época. Eu non participaba en todas, loxicamente, como por exemplo nos rollos de coros. Pero si que vías os seus carteis, vías o movemento que tiñan. As asociacións de veciños contaban cos seus coros. Houbo sempre onde elixir.

Que locais de ensaio lembras?

Está o da Rúa Ramón María Aller, que segue a funcionar. Despois na Rúa Mosteiro de Moraime, continúan existindo uns bos locais tamén. Están insonorizados, cuns horarios estritos para non molestar os veciños… Vaia, todo moi ben pensado. Despois, xusto diante do instituto, tamén había varios locais de ensaio, moi ben montados. Pero claro, alí comezaron a chantar escolas, academias e todo o rollo… E acabaron por botalos fóra. Seica non aguantaban o ruído. E iso que estabamos nós primeiro! Home, e tamén lembro que o instituto nos cedía unha aula para os músicos.

Como foron os teus primeiros pasos na música?

Pois eu, aos trece anos, facía teatro. Un día vin a Pablo Bicho na mesma escola na que estudaba eu. Era unha desas funcións das Letras Galegas. Eu facía teatro e el saíu cantar coa guitarra española. “Eu quero iso”, dixen para min ao velo. A partir de aí, centreime na música, pouco a pouco deixei o teatro, aínda que fixen algo no instituto. Despois, xa me dediquei 100% á música.

Aí comezou todo?

Si, con trece aniños collín a guitarra. E tiven sorte de ter un veciño meu, José Ángel Piñeiro, que montou varias bandas como Colorado, a máis famosa. Coincidiu un día que eu ía, aos trece ou catorce anos, coa guitarra baixo o brazo e preguntoume: “Andas a aprender?”. Eu respondille que si e el convidoume a tocar á súa casa. Deume unha guitarra eléctrica, un amplificador e díxome que fose por alí tocar cando quixese, que falase coa súa nai e que ensaiase na súa casa.

E que papel xogou Gastón Rodríguez nos teus comezos?

Mira, eu coñecino no instituto aos 16 ou 17 anos. Eu levaba dende os trece tocando, sabía catro cousas e cando coñecín a Gastón, peguei o salto. Pasei de cero a cen en tres segundos. Porque Gastón é fillo dun señor músico, de Roberto R. Oriolo. Imos ver, a seu pai trouxérono dende a Arxentina para dirixir a banda da Orquesta Mondragón. Estivo unha etapa nese traballo até que o deixou. Despois, enganchou cun traballo na orquesta Los Satélites. Viviron en San Andrés, el entrou no instituto de aquí e fixemos amizade moi rápido. Eu aprendín todo o que sei con Gastón e seu pai.

Que opinas desta iniciativa, Música en Branco, que recupera a memoria sonora dun barrio coma este?

Penso que é marabilloso e espero que isto vaia medrando polos barrios. É unha marabilla. A pena é que se faga agora e non hai vinte anos. Daquela, había moito máis que agora. Os coros, as cancións, os grupos… A xente vai morrendo, vaise xubilando… En calquera caso, o importante é facelo. Aínda queda xente, aínda quedan os fillos, os netos… Hai fotos e gravacións. Pódese furar, porque aínda hai memoria.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Gravatar
Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. ( Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. ( Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. ( Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. ( Sair / Cambiar )

Cancelar

Conectando a %s