ACTIVIDADES | BARRIOGRAFÍAS A segunda parada da caravana das Barriografías era obrigada. No CEIP San Pedro de Visma, á beira da Rolda de Outeiro, non había moito que inventar: as alumnas e os alumnos xa fan radio todos os días, durante o recreo. “Radio libre”, insiste Rocío, a profesora responsábel de manter o fío na pequena emisora, cada vez que lle preguntan. Tan libre que ten polo menos tres nomes, segundo lle cadre a quen fala dela: Radio SPV, Radio Patio ou Radio Tuku Taka, en honor á canción favorita do equipo de locutoras e locutores e seica tamén da audiencia: o Tuku Taka de Centollito.
Xurxo Souto desprazouse co equipo das Barriografías o mércores 22 de maio ao centro para recoller toda esa música e todo ese talento miúdo nunha hora de radio ao vivo, coas rapazas e os rapaces arrodeando o estudio improvisado nun recanto do patio e participando de todas as maneiras posíbeis na confección do programa.
Bárbara encargouse das cancións dedicadas, fose o popularísimo Tuku Taka do Centollito, fose El bombero con la manguera, outro hit das mañás de Radio SPV. Ao seu carón, Aitor falou das bondades do deporte e aproveitou a hora do recreo para retransmitir, en exclusiva, o partido entre 6º A e 6º B que se disputaba na cancha descuberta do centro.
A música en directo puxérona os Rumberos do Portiño: Donovan (guitarra), Melody (percusión), Abigail e Jennifer (voces) e Samuel e Álex (palmas). Entrevistados por Xurxo Souto, interpretaron tamén o Ali Ali Ooo e mais Kimbala, de Canelita, a primeira con algún arranxo orixinal dos rapaces, e unha de Niña Pastori, Y para qué. Ao baile sumáronse espontaneamente Naima e Juncal e ás opinións, Mauricio e Abel, do club de fans dos Rumberos.