MICROHISTORIAS O músico Manuel Martín, máis coñecido como Mangüi Martín, acompañou a Xurxo Souto na súa primeira Barriografía a bordo do bus da liña 7. Mangüi, guitarra en man, cantou con Xurxo e Ángel Campos varias cancións ante a mirada dos pasaxeiros-ouvintes. Non é a primeira vez que este músico acompaña a Xurxo nestas aventuras. “Só nos falta facelo en globo”, asegura Mangüi, que durante moitos anos formou parte da mítica banda Os Diplomáticos de Monte Alto. Antes de entrar neste histórico grupo en 1990, Mangüi xa tocara en Luar na Lubre e fora fundador doutras como Zócalo Rock. As súas orixes, tanto musicais como vitais, áchanse no barrio da Agra do Orzán, onde comezou a pegar os primeiros acordes e a formar parte de diversas bandas.
Como che resultou realizar un programa de radio xunto a Xurxo Souto dentro dun autobús urbano?
Pois mira, realmente é facilísimo. Con Xurxo Souto traballei máis que bastante e xa fixemos loucuras deste tipo en tren e en barco. Agora, tamén nun bus urbano. Só nos falta o globo.
Estando e tocando dende moi novo no barrio, verías nacer moitísimos grupos musicais da Agra, non?
Pois mira, cóntoche. Nos primeiros tempos, Zócalo Rock montámolo xente do instituto e despois con máis persoas de todo o barrio. Pero podemos falar doutros moitos grupos, que se me veñan á cabeza agora. Dígoche, por exemplo, Delirium Tremens ou Relájate, que facíamos música rock sureña, de tipo ianqui. Despois eu xa cheguei a entrar en Luar na Lubre e, máis tarde, nos Diplomáticos.
É un barrio de tradición musical a Agra?
Claro. É un barrio con moitísima tradición na música. Había moitísimas cousas naquela época. Eu non participaba en todas, loxicamente, como por exemplo nos rollos de coros. Pero si que vías os seus carteis, vías o movemento que tiñan. As asociacións de veciños contaban cos seus coros. Houbo sempre onde elixir.