ACTIVIDADES | PASEOS POLO BARRIO Este domingo, 30 de xuño, tes a última oportunidade para participar nos Paseos polo Barrio que Cristina Anllo, de Microprojets, coordina dentro de Música en Branco: memoria da Agra do Orzán. Anímate e vén facer con nós a cuarta e última das camiñadas polas costuras da cidade, a máis longa, 10,7 km, dende Meicende até o estadio de Riazor pasando polo encoro de Meicende, a estrada de Bens, a Terceira Rolda e Penamoa.
Sairemos puntuais das escaleiras de entrada ao paseo do encoro ás 11.15 horas e remataremos, previa parada para xantar no medio do camiño, contra as 17 horas. Participar é moi sinxelo. Abonda con inscribirse enviando un correo a [email protected]. Non esquezas de que vai isto e trae un calzado axeitado, protección contra o sol para a pel e a cabeza, algunha bebida para hidratarse e, cousa importante, algo para xantar na parada que faremos ao pé dos depósitos de Penamoa ás 15.00 horas.
Como é habitual nos Paseos polo Barrio, ademais do equipo de Música en Branco camiñará con nós o experto convidado, neste caso Juan López Bedoya, especializado en xeografía física e xeomorfoloxía costeira. Traballa en ordenación do territorio, paisaxe e medio ambiente, engadindo coñecementos que abranguen outros campos do saber como a valoración do patrimonio, a ecoloxía da paisaxe, a toponimia e a xeoacústica.
Nesta excursión, López Bedoya tratará de explicar a lóxica territorial e os caracteres identificativos do periurbán sudoeste da Coruña. Partiremos dos factores xenéticos da paisaxe e a configuración dun territorio sobre a base dun modelo socioeconómico tradicional condicionado por un eixe viario de importancia. Valoraremos a transformación da paisaxe imposta polo desarrollismo e a intensa ocupación industrial, sen esquecer ofrecer propostas para a autoidentificación dos habitantes da contorna e a mellora da habitabilidade do espazo.
COMO VAI SER A XORNADA E COMO SE CONFECCIONOU A RUTA?
Coma o resto dos itinerarios destes Paseos polo Barrio, a ruta entre Meicende e o estadio de Riazor responde a varias cuestións. Dunha banda, trata de dar cumprimento aos propios obxectivos da actividade, ligada á mobilidade do barrio, as zonas límite, os antigos camiños e as costuras da cidade. Da outra, recolle o proceso de investigación inicial de Música en Branco, onde se recompilaron microhistorias da música e, a través dunhas 60 entrevistas persoais, se fixo unha diagnose do barrio, os seus activos, as súas necesidades e os seus espazos de desexo. E por último, o trazado é froito do obradoiro colaborativo co que se iniciou este programa no centro Ágora.
No último obradoiro afastarémonos do barrio para coñecer a súa importancia e influencia dentro da área metropolitana. Por iso nos desprazamos a Meicende. Partiremos do encoro que dá servizo á refinaría, punto de confluencia de mananciais e regatos de todo o val da Pastoriza, e avanzaremos atravesando os núcleos rurais que beirean as infraestruturas da refinaría e a fábrica de aluminio, construídas na cota máis baixa do val, para entrar logo no barrio na cota máis alta beireando a Terceira Rolda e baixando até chegar a Riazor.