NÓS O proxecto Música en Branco participará este venres en Tod@s somos a Agra! Apúntaste a construír o teu barrio?, un encontro organizado pola Asociación Sociocultural Abraio e cuxo propóstito pasa por crear vencellos de comunidade entre os diversos colectivos da zona. Con ese obxectivo, T@dos somos Agra tomará a rúa Barcelona dende primeira hora da mañá. Ás 10 abriran todos os postos informativos de cada unha das asociacións participantes e o muro das suxestións, no que se recollerán propostas e observacións de toda a veciñanza que se achegue ao encontro.
Ás 11.30 horas comezarán as actividades coa presentación ao público, precisamente, de Música en Branco. Este proxecto, desenvolvido por Sinsalaudio para o Concello da Coruña, será o o primeiro en pasar á palestra para se dar a coñecer. Unha hora máis tarde, será a quenda dos organizadores, que a partir das 12.30 explicarán en que consiste Tod@os somos Agra! e, acto seguido, lanzarán a súa iniciativa de Banco de Tempo Comunitario.
Xa pola tarde, a partir das 16.30, desenvolverase unha xuntanza cos veciños e veciñas do barrio. Será unha sesión aberta na que se falará do presente e o futuro do barrio, mais tamén do pasado a través da memoria e as lembranzas. Xa ás 18.00 horas, o protagonismo recaerá en Cuac FM, a radio comunitaria que explicará na Agra o seu funcionamento e obxectivos. Unha hora despois, o colectivo Ecos do Sur presentará Agra Activa como peche das palestras. Finalmente, terán lugar unha serie de cantares polo barrio para poñerlle o colofón a un día no que, ademais, haberá un feixe de actividades paralelas destinadas ao público infantil.
Vémonos o venres, vémonos na Agra.