NOS MEDIOS Cun autobús en marcha, arrodeado de viaxeiros e coa rutina abafante devecendo por chegar, non se presenta complicado realizar un programa de radio. Tampouco resulta fácil nesas circunstancias tirar fotografías, tomar notas ou gravar audio para escribir unha crónica. Ten as súas dificultades, mais o luns Xurxo Souto conseguiu o primeiro e os compañeiros xornalistas encargáronse do segundo. Dende ese día no que botou a andar no bus da liña 7 Música en Branco: memoria da Agra do Orzán, os medios miraron cara á Agra para contar como un barrio pode coñecer a súa historia a través da súa memoria musical e sonora.
No dixital Praza Pública, o xornalista Miguel Pardo publicou unha crónica baixo o título “A memoria musical do barrio máis ‘denso”. “Música en branco leva meses traballando. Primeiro na recolleita de información sobre a contorna, os veciños e a súa relación coa música entre o que se inclúe a consulta de fontes documentais e bibliográficas ou a realización de 60 entrevistas persoais. Agora, chega o momento de envorcar toda esa información en oito liñas de actuación que inclúen estas Barriografías de Xurxo Souto, un obradoiro de sendeirismo urbano ou as audioguías elaboradas polo colectivo Escoitar.org que permitirán percorrer o barrio ao son da súa memoria musical”, sinalaba o xornalista na súa información. O portal estatal eldiario.es tamén se fixo eco da iniciativa dende Madrid e publicou a noticia elaborada por Pardo.
Pola súa banda, Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio de Xornalistas de Galicia, tamén se animou a subir ao autobús para escribir sobre a memoria sonora da Agra do Orzán no diario El País. Na súa edición dixital, Pereiro proclamaba que “En la ciudad no todo es ruido“. Na súa crónica, acompañada por fotos de Gabriel Tizón, o xornalista contaba: “Memoria en branco: memoria da Agra do Orzán, a iniciativa que se presentou onte na Coruña, é unha intervención urbana que pretende investigar, documentar e explorar o patrimonio e a memoria musical deste denso barrio coruñés (un metro de espazo público por cada tres habitantes), o barrio emigrante por excelencia”. Pereiro, ademais, subliñou a relevancia dos sons e das músicas para a identidade histórica dunha comunidade. “Se, como citou Souto a Agustín Fernández Paz, “a cidade é un libro que se le camiñando”, Agra do Orzán será un barrio que se coñecerá escoitando”.
Seguir lendo