Música en branco: memoria da Agra do Orzán é unha intervención urbana que investiga, documenta, difunde e pon en valor a memoria musical e sonora deste barrio da Coruña, converténdoa nunha ferramenta para a participación e a innovación social. O proxecto, desenvolvido por Sinsalaudio para a Concellería de Cultura da cidade herculina, lévase a cabo no marco de Urbana-C, o Programa Integral de Rexeneración Urbana financiado pola Unión Europea e o Concello nesta área de gran densidade poboacional. Música en branco explora o patrimonio inmaterial e subliña o valor comunicativo da música e a súa capacidade para xerar un tecido común.
Esta iniciativa sostense con tres piares básicos: a investigación, a participación activa da cidadanía e a programación de actividades arredor da memoria sonora deste barrio da Coruña. No seu desenvolvemento distínguense dúas fases diferenciadas, mais englobadas nun mesmo proceso de traballo. Nunha primeira etapa, o equipo de Música en Branco centrouse na recolleita de información sobre a contorna, a comunidade e a súa relación coa música a través da consulta de fontes documentais e bibliográficas e a realización de 60 entrevistas persoais. Na segunda etapa, a información recabada e analizada serve de base para oito liñas de actuación.
Un programa de radio itinerante dirixido por Xurxo Souto, as Barriografías. Un obradoiro de construción colaborativa de rutas de sendeirismo urbano con Cristina Anllo. Un xeito de converter o barrio nun museo intelixente a través das audioguías NoTours, ao cargo do colectivo Escoitar.org. Unha convocatoria pública para financiar e dar soporte a microproxectos de intervención cultural. A implicación das escolas e institutos da contorna na representación plástica do son e a recolleita da testemuños orais dos maiores. A documentación da memoria das mulleres no Contedor de Feminismos de Carme Nogueira, Anxela Caramés e Uqui Permui. A elaboración dun mapa sonoro do barrio a partir das microhistorias da música recollidas polo equipo de Música en Branco. E por último, unha exposición no centro Ágora para dar sentido a un proceso de traballo que comezou en decembro de 2012 e rematará o vindeiro mes de outubro.
A MÚSICA QUE TODO O ATRAVESA
A popularización das tecnoloxías de gravación e difusión masiva inscribiron a música de xeito irreversible na experiencia humana nesta parte do mundo. A nosa afectividade, a maneira de nos relacionar e organizar, a nosa memoria, todo está atravesado pola música nas súas diversas manifestacións. A sintonía dun programa de radio ou de televisión, a nosa canción favorita, unha melodía descoñecida, un xeito de tocar e bailar ou a sonoridade dun espazo documentan a historia pública e privada das persoas, a súa identidade individual e colectiva.
Preguntar pola música é preguntar polo arquivo emocional dunha comunidade, polos seus hábitos, a súa procedencia, a súa percepción do mundo, a súa formación e extracción sociolaboral, polo que hai de común e de diferente en nós. De aí o interese pola música, non unicamente dende a perspectiva da historia social ou a etnomusicoloxía, senón como ferramenta sociocultural.
O PROGRAMA URBANA-C
Música en Branco insírese en Urbana-C, un Programa Integral de Rexeneración Urbana que se desenvolve entre os anos 2007 e 2013 cun orzamento de 11,4 millóns de euros. Financiado con fondos Feder da Unión Europea e do propio Concello da Coruña, ten o seu ámbito de intervención no barrio da Agra do Orzán, cunha poboación de 29.139 habitantes –o 11,9% de toda a cidade–, segundo datos tirados do estudo A Cidade dos Barrios (2011). Un espazo urbano vivo, mais con déficits importantes, desenvolvido principalmente na década dos anos 70.
A de Urbana-C é unha estratexia de intervención “integral” que trata de incidir de forma coordinada en aspectos económicos, ambientais e sociais. Pretende potenciar a imaxe do barrio, incrementar os seus servizos e animar a súa actividade económica. Ten como obxectivo mellorar a calidade de vida atendendo criterios humanizadores e promovendo, entre outras iniciativas, a creación de empresas, a implicación da veciñanza e a actividade do pequeno comercio. No eido social, busca impulsar a incorporación da muller ao mercado laboral, consolidar a integración da poboación migrante e mellorar a atención aos maiores e a infancia.
Os espazos públicos, unhas das principais demandas da cidadanía na Agra do Orzán, tamén constan nas prioridades deste programa, que se propón ampliar a superficie de parques e zonas verdes e modernizar contextos de convivencia. A nivel cultural, Urbana-C pretende acadar unha maior implicación dos veciños na programación cultural. É aí, nese campo particular deste amplo programa de carácter transversal, no que se atopa o proxecto Musica en Branco.
O BARRIO QUE VES E O BARRIO IMAXINADO
O barrio da Agra do Orzán, con 688,9 habitantes por hectárea, é o máis denso da Coruña. A súa poboación distribúese, como describen os autores d’A Cidade dos Barrios, nun monllo de mazás compactas marcado, dunha banda, pola rede de camiños rurais que precederon a actual configuración da zona, e da outra, polas roldas que o arrodean, a de Nelle e a de Outeiro. A historia explícao. Das vivendas baixas e os chamados ranchos, aquelas vivendas unifamiliares con horta das xentes chegadas dende o rural nos anos posteriores á Guerra Civil, sobre todo da comarca de Bergantiños, o barrio pasou en moi pouco tempo, na década dos setenta, como o dos Mallos, a ser un dos de maior crecemento da cidade. Esas medras espontáneas e en altura, e máis tarde a especulación, axudaron a deterioralo progresivamente e darlle o aspecto que hoxe ten.
E malia a todo, a Agra do Orzán segue a exercer a función que tiña daquela como porta de entrada e ámbito de acollida para a veciñanza chegada de lonxe. África e América colleron o testemuño do rural galego, pero o barrio segue a construír a súa identidade a partir do encontro e a mestura. Hai, iso si, outras pegadas menos fértiles da súa historia urbanística, como a carencia de espazo público. A Praza das Conchiñas, con 3.000 metros cadrados, e a rúa Barcelona, hoxe peonil, con 8.500, son os únicos espazos de convivencia dos case 30.000 habitantes do barrio. Un metro cadrado de espazo público, calculan en A Cidade dos Barrios, por cada tres habitantes.
Os elementos derivados da peculiar configuración urbanística e sociocultural do barrio, positivos ou negativos, son tamén o punto de partida de Música en Branco. Os problemas de mobilidade, a falta de autoestima colectiva, os déficits en equipamentos e zonas verdes, a crise do pequeno comercio ou a potencia da interculturalidade, por exemplo, foron emerxendo na fase de investigación ao tempo que se reunían cancións, anécdotas, lugares, grupos ou personaxes da vida musical da Agra do Orzán. Ambos vectores, o da historia e o do desexo, delimitan o marco de actuación deste proxecto. Por iso, aos límites administrativos do barrio se superpoñen, á hora de programar e situar as actividades, os imaxinarios. Os que cada una das 60 persoas entrevistas definiron como seus. A Rolda de Outeiro, a Avenida de Fisterra, a Rolda de Nelle e O Peruleiro, por suposto, pero tamén máis alá, até San Pedro de Visma, Os Mariñeiros, O Ventorrillo ou A Silva.
O TEMPO DA INVESTIGACIÓN E O TEMPO DAS PROPOSTAS
Música en Branco consta de dúas fases. A primeira, entre decembro de 2012 e marzo de 2013, dedicouse a recompilar información sobre a contorna, a súa veciñanza e a súa relación coa música e o son, dende que existe memoria da Agra do Orzán até a actualidade: quen e como vive no barrio, de que maneira se organiza, cal é a súa percepción do lugar que o arrodea, como lle gustaría que fose e que música fai ou escoita, por expresalo en poucas palabras.
Ao longo dos primeiros meses cruzáronse fontes bibliográficas e documentais cunha serie de entrevistas persoais, arredor de 60, con colectivos e entidades que operan na Agra do Orzán –a partir dun mapa elaborado previamente pola equipa da Biblioteca do Ágora– e persoas que podían ser relevantes para a reconstrución da memoria musical e sonora do barrio. Estas entrevistas, cun cuestionario aberto e entre 45 minutos e dúas horas de duración, atendían fundamentalmente catro focos de interese: a historias de vida de cada un e a súa ligazón ao barrio; a súa percepción do espazo e a comunidade na que vive; o que coñece e recorda da vida musical da Agra do Orzán; e a súa propia relación coa música, dende a infancia até a actualidade.
A análise das gravacións e transcricións desas entrevistas fornece información en varios campos. Por unha banda, caracteriza o barrio, tanto positiva como negativamente, e axuda a detectar carencias e necesidades tal e como se ven a pé de rúa. Por outra, permite localizar espazos de convivencia, susceptibles de acoller actividades culturais, e esoutros espazos do desexo, que poderían selo pero non o son aínda. Por último, emerxen fíos dos que tirar para a elaboración de microhistorias da música no barrio: grupos, músicos, lugares, desaparecidos ou non, gravados da memoria colectiva da xente e inzados de vivencias e recordos.
Sobre a base de toda esa información proponse un programa participativo de actividades que desprega, ao longo de varios meses, oito liñas de actuación paralelas dirixidas a públicos distintos e con aproximacións diversas.
1. BARRIOGRAFÍAS. Un programa de radio itinerante conducido polo músico e comunicador Xurxo Souto, ex compoñente dos Diplomáticos de Monte Alto, en nove espazos do barrio.
2. PASEOS POLO BARRIO. Cristina Anllo, de Microprojects, dirixe este programa de sendeirismo urbano ligado á memoria do barrio, con dous obradoiros e catro rutas a pé.
3. CONTEDOR DE FEMINISMOS. Carme Nogueira, Anxela Caramés e Uqui Permui trasladan ao barrio o seu proxecto de microinvestigación historiográfica e produción artística arredor do feminismo e a historia das mulleres en relación á música e o son.
4. AUDIOGUÍAS. Un proxecto do colectivo Escoitar.org que converte o barrio nun museo intelixente mediante o que denominan, nun xogo de palabras, “auralidade aumentada”.
5. CONVOCATORIA PÚBLICA DE MICROPROXECTOS DE INTERVENCIÓN CULTURAL. Para colectivos, artistas, empresas ou operadores culturais locais ou do resto do territorio galego coa fin de desenvolver dúas ou tres actividades máis, como máximo, arredor do proxecto Música en Branco.
6. INTERVENCIÓN NAS AULAS. Dúas liñas de actividades para implicar a comunidade educativa do barrio na investigación e posta en valor da memoria sonora e musical.
7. MAPA SONORO E MUSICAL DO BARRIO. Este web será a ferramenta aglutinadora de todas as actividades, funcionará como arquivo dos materiais producidos durante as dúas fases do proxecto e permitirá ademais dar continuidade ás microhistorias da música que foron aparecendo durante o proceso de entrevistas.
8. EXPOSICIÓN SONORA. Unha mostra arredor do son, a música e a memoria construída a partir de todo o recollido durante as fases de investigación e produción do proxecto Música en Branco.