Cristina Anllo, de Microprojets, dirixe Paseos polo Barrio, un proxecto de paisaxismo urbano que se desenvolve dentro de Música en Branco: memoria da Agra do Orzán. Da man dos recordos e experiencias dos habitantes da Agra e entendendo a paisaxe como un concepto-experiencia persoal, os participantes, nunha primeira parte do proxecto e a través dun obradoiro, deseñarán catro rutas a pé que percorrerán o barrio e a súa área de influencia. No obradoiro, Cristina Anllo trae catro propostas que serán puntos de partida para, entre todas as participantes, deseñar de novo as rutas.
Debido á localización na que se atopa, descubriremos a importancia que o barrio ten como vertebrador de diferentes zonas da cidade, así como a súa capacidade para constituírse en eixe de circulación dunha mobilidade peonil.
Na segunda parte do proxecto, coñeceremos a pé a periferia urbana da Coruña mediante o percorrido destas catro rutas deseñadas de forma colaborativa. Para iso convidaremos a catro especialistas na interpretación do medio físico que nos acompañarán en cada un dos percorridos.
Unha vez definidas as rutas, sinalízanse con materiais efémeros e biodegradables, conéctanse coa memoria colectiva xeolocalizando historias e sons vinculados ao barrio que se poden escoitar mediante audioguías e percórrense libremente durante todo o mes de outubro guiados polas experiencias e lembranzas sonoras dos participantes no seu deseño e no seu primeiro percorrido.
Para finalizar, o obradoiro de bombas de sementes, que será realizado durante o mes de outubro, permitirá intervir na biodiversidade dos bordes dos camiños dos roteiros deseñados. A traza deixada ao transitar polos roteiros é o elemento caracterizador destes espazos da periferia. As persoas participantes crearán unha segunda pegada que identifique a mobilidade peonil nesta zona de transición incrementando a biodiversidade dos bordes de camiños e reflectindo a capacidade que posee a concentración da poboación para intervir no mantemento e na conservación do espazo libre.
A actividade consta de dous obradoiros e catro rutas a pé. As actividades son independentes entre si, polo que se pode participar en todas ou en cada unha por separado.
QUE É MICROPROJETS?
Son un equipo de persoas especialistas en paisaxismo urbano que dende 2009 traballan en novos modelos de actuación no espazo urbano e na súa área de influencia.
A través de Yes I can-tree, xerador de proxectos de microurbanismo e micropaisaxismo, investigan o emprego de novos elementos para a construción da paisaxe urbana baixo as premisas de soft, slow and crowded.
Entenden a agricultura como o último elemento que se incorporou á forma de entender a cidade e empregan a mobilidade persoal pola súa capacidade aglutinadora do crecemento e desenvolvemento urbano.
Desenvolven a súa actividade mediante proxectos mixtos en colaboración con diferentes sectores baixo a fórmula Microprojets&Co baixo cuxa perspectiva rompen o proceso lineal de actuación.
CALENDARIO DE ACTIVIDADES
– Obradoiro de deseño colaborativo das rutas a pé. No Centro Ágora, o 25 de maio de 17 a 20 horas.
– Ruta dende O Ventorrillo até a praia de Riazor, pasando polo centro Ágora, San Pedro de Visma e San Roque. 9 de xuño de 10 a 14 horas. Punto de encontro: centro de saúde do Ventorrillo. Convidado: César López Varela, biólogo e experto en algas.
– Ruta dende o Parque de Santa Margarita até O Portiño, pasando polo Paseo das Pontes, o Parque do Observatorio e San Pedro de Visma. 16 de xuño, de 10 a 14h. Punto de encontro: entrada do parque polas oficinas do Museo da Ciencia. Convidado: Marco Antonio Rivas Nodas, aqueólogo municipal.
– Ruta dende a Estación de Autobuses até o Monte de San Pedro, pasando pola estación de tren, o Parque de Vioño, o Polígono da Grela, A Silva, o Parque de San Pedro e Os Rosais. 23 de xuño de 10 a 14h. Punto de encontro: entrada da estación. Convidado: Carlos Iglesias, técnico en industrias alimentarias e análise de solos.
– Ruta dende Meicende até o Estadio do Deportivo, pasando polo encoro de Meicende, a Estrada de Bens, a Terceira Rolda, Penamoa, o barrio dos Mariñeiros e a Cidade Xardín. 30 de xuño, de 11.15 a 17h con parada para comer. Punto de encontro: escaleiras de entrada ao paseo do encoro, a carón do centro de saúde. Convidado: Juan López Bedoya, xeomorfólogo, do equipo redactor do Plan de Ordenación do Litoral.
– Obradoiro de bombas de sementes para mediadores culturais, xeolocalización de recursos sonoros ligados á sinaléctica das rutas e préstamo das audioguías ao público. No mes de outubro.
PARA PARTICIPAR
Se queres participar nos obradoiros ou nas rutas de sendeirismo, envía un correo a [email protected]. Para o obradoiro temos 45 prazas e para as rutas de sendeirismo 25 prazas por ruta. As prazas serán adxudicadas por orde de inscrición a través do correo electrónico.
A actividade está recomendada para maiores de 8 anos e os menores que participen deberán ir acompañados dun adulto.
Recomendacións para as rutas a pé: levar calzado e roupa cómodos, algo de comer, auga e protección solar.
A ruta de Meicende será durante todo o día, comerase polo camiño, polo que cada quen deberá levar a súa propia comida.