O Contedor de Feminismos é un proxecto de arquivo móbil deseñado para o espazo público que xurde a partir dunha idea de Uqui Permui. Ten como obxectivo recuperar, documentar e mostrar as historias das mulleres, o feminismo e as loitas de liberación sexual dos últimos trinta anos en Galicia. Foi creado para recoller o material, para amosalo e difundilo dunha maneira non xerárquica e con desexo de crear redes.
O dispositivo de exhibición foi deseñado por Carme Nogueira e producido para as xornadas Contra vento e marea. Verbas e pegadas dos feminismos, organizadas por Anxela Caramés na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán da Coruña, en setembro de 2009.
O contedor e a docu-acción están pensados para poder adaptarse tanto ao contexto, neste caso o barrio da Agra do Orzán, como ao relato a documentar, neste caso a memoria sonora e musical das mulleres migrantes do barrio, grazas aos andeis e a táboa que se desprega no interior e a través da pizarra do exterior.
A través desta proposta as tres artistas queren falar sobre o lugar intermedio entre o público e o privado, recuperando as persoas que están detrás dos procesos colectivos, para rescatar esoutra memoria.
Despois de ter percorrido espazos e historias en Vilaxoán (2009), A Coruña (2009) e León (2013), para o proxecto Música en Branco propoñemos traballar coas memorias musicais e sonoras das mulleres migrantes, tanto galegas como estranxeiras, que foron chegando ao barrio da Agra do Orzán desde os anos sesenta.
COMO PARTICIPAR
As persoas que desexen participar neste proxecto poden inscribirse a través do correo electrónico [email protected]. As formas de participación son dúas: por un lado pódese participar na fase de investigación que será desenvolvida entre o mes de maio e o 25 de xuño, tempo no que as artistas entrevistaránse e falaran coas persoas participantes dun xeito interno. Ou ben pódese participar directamente achegándose ao Contedor de Feminismos o día 3 de xullo, día no que o artecfacto estará instalado no espazo público frente ao Ágora.
O perfil das persoas para participar é o seguinte: mulleres migrantes tanto galegas como doutros países chegadas ao barrio da Agra do Orzán dende os anos 60. Ou ben mulleres que poidan informar sobre a memoria musical e sonora do barrio.