Música en Branco consta de dúas fases. A primeira, entre decembro de 2012 e marzo de 2013, dedicouse a recompilar información sobre a contorna, a súa veciñanza e a súa relación coa música e o son, dende que existe memoria da Agra do Orzán até a actualidade: quen e como vive no barrio, de que maneira se organiza, cal é a súa percepción do lugar que o arrodea, como lle gustaría que fose e que música fai ou escoita, por expresalo en poucas palabras.
Ao longo dos primeiros meses cruzáronse fontes bibliográficas e documentais cunha serie de entrevistas persoais, arredor de 60, con colectivos e entidades que operan na Agra do Orzán –a partir dun mapa elaborado previamente pola equipa da Biblioteca do Ágora– e persoas que podían ser relevantes para a reconstrución da memoria musical e sonora do barrio. Estas entrevistas, cun cuestionario aberto e entre 45 minutos e dúas horas de duración, atendían fundamentalmente catro focos de interese: a historias de vida de cada un e a súa ligazón ao barrio; a súa percepción do espazo e a comunidade na que vive; o que coñece e recorda da vida musical da Agra do Orzán; e a súa propia relación coa música, dende a infancia até a actualidade.
A análise das gravacións e transcricións desas entrevistas fornece información en varios campos. Por unha banda, caracteriza o barrio, tanto positiva como negativamente, e axuda a detectar carencias e necesidades tal e como se ven a pé de rúa. Por outra, permite localizar espazos de convivencia, susceptibles de acoller actividades culturais, e esoutros espazos do desexo, que poderían selo pero non o son aínda. Por último, emerxen fíos dos que tirar para a elaboración de microhistorias da música no barrio: grupos, músicos, lugares, desaparecidos ou non, gravados da memoria colectiva da xente e inzados de vivencias e recordos.
Sobre a base de toda esa información proponse un programa participativo de actividades que desprega, ao longo de varios meses, oito liñas de actuación paralelas dirixidas a públicos distintos e con aproximacións diversas.
1. BARRIOGRAFÍAS. Un programa de radio itinerante conducido polo músico e comunicador Xurxo Souto, ex compoñente dos Diplomáticos de Monte Alto, en nove espazos do barrio.
2. PASEOS POLO BARRIO. Cristina Anllo, de Microprojects, dirixe este programa de sendeirismo urbano ligado á memoria do barrio, con dous obradoiros e catro rutas a pé.
3. CONTEDOR DE FEMINISMOS. Carme Nogueira, Anxela Caramés e Uqui Permui trasladan ao barrio o seu proxecto de microinvestigación historiográfica e produción artística arredor do feminismo e a historia das mulleres en relación á música e o son.
4. AUDIOGUÍAS. Un proxecto do colectivo Escoitar.org que converte o barrio nun museo intelixente mediante o que denominan, nun xogo de palabras, “auralidade aumentada”.
5. CONVOCATORIA PÚBLICA DE MICROPROXECTOS DE INTERVENCIÓN CULTURAL. Para colectivos, artistas, empresas ou operadores culturais locais ou do resto do territorio galego coa fin de desenvolver dúas ou tres actividades máis, como máximo, arredor do proxecto Música en Branco.
6. INTERVENCIÓN NAS AULAS. Dúas liñas de actividades para implicar a comunidade educativa do barrio na investigación e posta en valor da memoria sonora e musical.
7. MAPA SONORO E MUSICAL DO BARRIO. Este web será a ferramenta aglutinadora de todas as actividades, funcionará como arquivo dos materiais producidos durante as dúas fases do proxecto e permitirá ademais dar continuidade ás microhistorias da música que foron aparecendo durante o proceso de entrevistas.
8. EXPOSICIÓN SONORA. Unha mostra arredor do son, a música e a memoria construída a partir de todo o recollido durante as fases de investigación e produción do proxecto Música en Branco.