Música en Branco inaugura a súa mostra sonora no Centro Ágora

DSCN1995

Música en Branco: memoria da Agra do Orzán inaugurou a semana pasada no Centro Ágora unha exposición conclusiva na que conflúen todas as liñas de actuación desenvolvidas por este proxecto ao redor do patrimonio sonoro deste barrio herculino. Trátase dunha mostra fundamentalmente sonora articulada arredor de caixas de cartón rotuladas polos colectivos que participaron no proxecto con palabras relevantes para a súa memoria e que conteñen no seu interior fragmentos da banda sonora do barrio que se foi construíndo ao longo dos meses: testemuños, cancións, paisaxes sonoras, etc. A exposición, que estará aberta até o 24 de novembro, desprega e dálle sentido a toda a documentación colleitada ao longo de todo o proceso de Música en Branco, proxecto da Concellaría de Cultura da Coruña cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa Urbana-C.

SEIS PEANAS SONORAS

Durante a inauguración, a concelleira de Cultura, Ana Fernández, destacou do conxunto do proxecto a súa natureza de “intervención urbana” que culmina agora con esta exposición que, ao seu xeito, recolle “banda sonora do barrio” e resume a “personalidade do barrio”. Pola súa banda, Natalia Balseiro centrouse en lembrar o traballo de investigación desenvolvido ao longo do ano polo equipo de Música en Branco mediante a documentación e tamén as entrevistas desenvolvidas. Finalmente Julio Gómez, destacou que a exposición incluía un tota de seis peanas desenvolvidas polo alumnado de diversos colexios do barrio. Os alumnos e as alumnas encargáronse de decorar as peanas coas máis de “1.200 palabras clave” que xurdiron ao longo do proceso de investigación. “Recollemos ao longo das entrevistas nomes de mares da Coruña, de boxeadores, de mariñeiros, de camiños”, enumerou Gómez. Todas esas palabras decoran as peanas que serven de “altofalantes” da personalidade do barrio.

Ao tempo que se celebrou a inauguración da exposición de Música en Branco, o Centro Ágora acolleu a derradeira das Barriografías, programas de radio itinerantes dirixidos por Xurxo Souto que durante os meses de maio e xuño levaron a súa fórmula radiofónica a lugares como o CEIP San Pedro de Visma, o Mercado das Conchiñas, o Parque do Observatorio ou o Club de Chave dos Mariñeiros. O vestíbulo do Centro Ágora foi o escenario escollido para a despedida das Barriografías.

ÚLTIMAS ACTIVIDADES

A exposición de Música en Branco será o punto de referencia do treito final da programación deste proxecto, mais neste mes de novembro aínda se celebrarán un feixe de actividades. Deste xeito, celebrarase este sábado entre ás 17.00 e as 19.00 horas un obradoiro de bombas de sementes, que será o colofón dos Paseos polo Barrio dirixidos por Cristina Anllo para Música en Branco. O obradoiro aproveita o estado de desenvolvemento –rematada a floración, producen sementes– das plantas silvestres que se atopan nos bordos das sendas e camiños que discorren polo barrio. Se a meteoroloxía o permite, os participantes sairán recoller estas sementes para logo elaborar bombas e lanzalas, favorecendo a propagación destas especies na contorna. Con esta acción de intervención paisaxística, conséguese incrementar a biodiversidade da zona, tanto no que respecta á flora como á fauna e, por extensión, a biodiversidade sonora. A participación é de balde, con inscrición en .

Outra das actividades finais que xa se está a desenvolver é o proxecto de NoTours, consistente na elaboración de audioguías xeolocalizando elementos sonoros no espazo físico do barrio, de maneira que calquera usuario cun dispositivo con capacidade GPS, como un teléfono móbil, pode percorrer o barrio e acceder á información incluída nesas rutas. O traballo comezou o pasado 15 de outubro con alumnas e alumnos do IES Agra do Orzán e continuará o 19 de decembro con outra sesión, aberta ao público, nas instalacións do Centro Ágora.

 TRES PROXECTOS FINANCIADOS NO CONCURSO

Música en Branco abriu o pasado maio un concurso para o financiamento de microproxectos ao redor do patrimonio sonoro. Das 16 iniciativas presentadas, o equipo organizador escolleu tres que se celebrarán nas vindeiras semanas. Un deles é o documental Agra do Orzán, barrio dos músicos, de Tres Laboratorio. A fita quere ser un percorrido no tempo e un relato, a través dalgúns dos seus principais protagonistas, da catarse de creatividade que se xerou na Agra do Orzán a partir dos anos setenta. A película proxectarase o sábado 16 de novembro ás 19.00 horas no auditorio do Centro Ágora

A segunda das actividades será a Feira Artesá, que se celebrará o 23 de novembro no Mercado das Conchiñas. Organizado polo colectivo TANK(Territorio Animado Kolectivo), a feira ten como meta poñer en valor e difundir o comercio de proximidade da Agra do Orzán cun atlas sonoro do comercio do barrio. Nesta Feira Artesá os comerciantes e artesáns abrirán as portas dos seus obradoiros e dende o Mercado das Conchiñas amosarán e compartirán os seus oficios.

Por último, celebrarase Non te cortes coa ópera, un proxecto de Mónica de Nut seleccionado na convocatoria de microproxectos. Desprégase en catro intervencións noutros tantos lugares de fronteira entre o público e o privado: a soprano cántache ópera mentres che corta as puntas do cabelo nunha praza de aparcamento (7 de novembro ás 17.00 horas), chama no teu interfono para adobiarche a mañá cunha peza lírica (17 de novembro ás 12.00 horas), substitúe o teu perruqueiro ou a túa perruqueira habitual (23 de novembro ás 12.00 horas) e convídate a participar nunha microópera ao vivo, sexa coa túa voz, sexa tocando o obxecto doméstico que máis che guste (24 de novembro ás 12.00 horas) na porta do centro Ágora.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Gravatar
Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. ( Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. ( Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. ( Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. ( Sair / Cambiar )

Cancelar

Conectando a %s