A Agra do Orzán, o barrio dos músicos

CONVOCATORIA PÚBLICA  Alá por finais dos setenta nada era coma hoxe é. Despois de corenta anos de oscuridade comeza a asomar a luz, o anceio de liberdade xa non era tan quimérico e os aires de cambio flotaban no ambiente. Esa nova esperanza, mesturada co temor aínda presente ao que acabábamos de deixar atrás e ao que estaba por vir, abrangueuno todo, e acadou a súa máxima forza no eido musical. Neses tempos, o barrio da Agra do Orzán converteuse nun dos polos principais dos novos estilos, manifestacións artísticas, propostas rompedoras e, sobre todo, da ilusión daqueles adolescentes que empezaban a abrirse camiño no mundo da música como un xeito de expresión, sen saber moi ben o que lles depararía o futuro.

A Agra do Orzán empezou a medrar como o caldo de cultivo de novas experiencias, como canteira de grupos e artistas que desde aí acadarían máis ou menos proxección, pero que formaron unha gran familia nos labirínticos locais de ensaio, nos bares que facían as veces de mecenas de barrio e escenarios improvisados, nas aventuras empresariais dun sector, a industria musical, que aínda estaba en cueiros… Algúns daqueles locais, bares e centros de reunión foron desaparecendo, pero outros evolucionaron espallando o seu abrigo aos novos grupos que foron xurdindo nos anos oitenta e noventa, e mesmo algúns seguen a existir na actualidade acollendo outras xeracións de músicos coa mesma ilusión e os mesmos atrancos para abrirse camiño.

No documental A Agra do Orzán, o Barrio dos Músicos, quixemos facer un percorrido no tempo e narrar, a través dalgúns dos seus principais protagonistas, aquela catarse de creatividade que se xerou na Agra do Orzán, e explicar os motivos polos que este barrio foi, no seu tempo, unha sorte de “Malasaña coruñesa”, como o define Nonito Pereira. El é un dos protagonistas desta peza audiovisual, un experto en todos os sentidos da palabra ao que os músicos da cidade consideran unha referencia e unha lenda viva como produtor, crítico e mesmo padriño de moitos dos bautismos artísticos que agromaron na Coruña ao longo destas tres décadas. O seu papel foi fundamental no nacemento da primeira compañía discográfica galega, Ruada, ubicada precisamente na Agra do Orzán, da que sairían grupos hoxe consagrados como Milladoiro. Tamén foi un gran apoio para o conxunto liderado por José Ángel Piñeiro, Colorado, que tamén participa nesta reportaxe, e que segue facendo música 25 anos despois de facerse coa súa primeira guitarra grazas ao seu primeiro soldo como mariñeiro no Gran Sol.

No podía faltar tampouco a senlleira figura de Pucho Boedo, a alma musical do barrio, que evoca como inspiración o líder de Diplomáticos de Monte Alto, Xurxo Souto. Malia o nome da banda, o barrio onde deu os seus primeiros pasos e creando temas que logo se converterían en himnos do movemento Bravú foi a Agra do Orzán. Como representantes dos pioneiros daqueles tempos de eclosión musical contamos con César Morán, líder do grupo Agra, unha referencia para os que logo tomarían o testemuño no seu inimitable estilo de rock sinfónico feito por catro irmáns, os Morán, que xunto ao benxamín, Afonso, comezarán a súa carreira musical neste barrio ao que hoxe continúan moi vencellados.

O mesmo caso é o de Arturo Kress, hoxe compositor e autor bandas sonoras para o cine, que era un cativo cando empezaba a dar os seus acordes nos locais da Agra do Orzán. Todos eles coñecen e manteñen unha gran amizade con outro dos grandes representantes do movemento musical da Agra. Joaquín, coñecido como “el zuecos”, non só é un brillante músico de jazz na actualidade. Tamén leva décadas vinculado ao barrio, onde comezou tocando en numerosos grupos e onde ten os seus locais de ensaio, que aínda seguen sendo canteira de moitas bandas da zona. Un barrio que, pola súa alta densidade de poboación, polo carácter dos seus habitantes, pola súa integración multicultural e polas iniciativas de locais como o Imagin, que é tanto bar como local de ensaio, centro de reunión e repichocas memorables e obradoiro de boa música, seguirá dando moito que falar no eido artístico.

O documental A Agra do Orzán, o barrio dos músicos foi unha das propostas seleccionadas no concurso de microproxectos do programa Música en Branco, dedicado a rescatar a memoria sonora deste barrio, e proxectarase o sábado, 16 de novembro, ás 19.00 horas no auditorio do Centro Ágora. Un acto ao que convidamos a todos os veciños, a todas as xeracións de músicos vinculados á Agra do Orzán tanto no pasado coma na actualidade, e mesmo a todos os aficionados á cultura, á arte e á memoria. Queremos contar, por suposto, cos protagonistas deste documental, nos que personalizamos esta homenaxe que se estende a moitos máis artistas, produtores, pequenos empresarios, hostaleiros e mesmo ás familias que apoiaron e seguen a apoiar a formación musical e a liberdade para voar dos seus fillos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Gravatar
Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. ( Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. ( Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. ( Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. ( Sair / Cambiar )

Cancelar

Conectando a %s