NÓS Xa toca. Hoxe facemos público un proxecto no que levamos a traballar case medio ano. Chámase Música en Branco: memoria da Agra do Orzán e agora, só agora, logo dun proceso de documentación, investigación e análise, está a piques de converterse nunha programación con oito liñas de actividades. Ímolo presentar en movemento.
A liña 7 do autobús urbano da Coruña comunica o barrio de Monte Alto co da Agra do Orzán. Precisamente por iso é aí onde se estrea hoxe mesmo, ás 11.15 horas, un programa de radio itinerante conducido e dirixido por Xurxo Souto. Barriografías, así se chama o artefacto, percorrerá nos vindeiros meses nove espazos da Agra con entrevistas, música ao vivo e un cento de historias arredor da música, a memoria e as xentes do distrito máis densamente habitado da cidade.
A radio faise para os pasaxeiros e as pasaxeiras do autobús e para quen a queira escoitar logo no podcast das Barriografías, pero os medios de comunicación están convidados tamén a facer con nós este primeiro traxecto. É abondo con que estean ás 11.10, puntuais, na parada do 7 no Campo da Leña (Praza de España, 24) e suban ao autobús en dirección Panaderas. Sendo así, mesmo chegarán a tempo para escoitar a sintonía do programa interpretada ao vivo.
Ao remate do programa, xa no centro Ágora, ás 12.00 horas, contaremos o resto nunha rolda de prensa na que intervirán, ademais do propio Xurxo Souto, a concelleira de Cultura da Coruña, Ana Fernández, e Julio Gómez, un dos coordinadores deste proxecto de Sinsalaudio para o Concello herculino. Comezamos!