CONVOCATORIA PÚBLICA Xa temos fallo para o concurso de microproxectos que abrimos en Música en Branco o pasado mes de xuño. Seleccionáronse, tras un mes de avaliación, 3 das 16 iniciativas presentadas por colectivos, asociacións culturais, produtoras audiovisuais e artistas individuais ao concurso aberto: Hortas de ladrillo e casas de perexil, Feira Artesá e O barrio dos músicos, un documental sobre os locais de ensaio da zona. As tres escollidas desenvolveranse á volta do verán, coincidindo co peche deste proxecto da Concellaría de Cultura da Coruña cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa Urbana-C.
CANTO LÍRICO ARRAIANO
Hortas de ladrillo e casas de perexil é unha das propostas seleccionadas. Trátase dun proxecto con múltiples liñas de actuación nas que a ferramenta principal é o canto lírico. Busca producir diálogos arraianos, aqueles que se dan entre partes enfrontadas promocionando a mestura e a diversidade que se produce normalmente nos marcos fronteirizos: zona verde-zona urbanizada, espazo íntimo-espazo público, o previsible e o inesperado ou diversidade fronte homoxeneidade. En concreto, desenvolveranse catro accións diferentes ao longo de mes e medio.
As actividades coñécense baixo o nome de “intersticios de demanda”, sendo intersticio o espazo baleiro entre átomos, tecidos ou células. É dicir, auténticas fendas que este proxecto pretende encher coas demandas sociais que se viven no barrio. O primeiro deles titularase Intersticio de demanda de máis espazos para o goce das persoas e consistirá en ocupar unha praza de aparcamento de zona ORA, pagar o importe e ofrecerlles aos viandantes a posibilidade de cortar as puntas do cabelo ou a barba a cambio de escoitar durante o proceso fragmentos de arias. Posteriormente iniciarase un diálogo no que as persoas participantes canten cancións que tivesen importancia nas distintas etapas da súa vida.
O segundo intersticio furará na importancia no barrio do pequeno comercio e nel escolleranse dous salóns de peiteado e ofreceráselles aos seus clientes a posibilidade de cortar o cabelo mentres se lles canta ópera. Nunha terceira fase, a ópera entrará nas casas dos veciños a través dos telefonillos. Os responsábeis destas actividades chamarán os veciños ao azar e cantaráselles ópera para ver a súa reacción nun exercicio ao redor das importancia do espazo íntimo sobre o público. Finalmente, no último intersticio xirará ao redor dunha micro-ópera colectiva urbana nun espazo público cuxo obxectivo será reflexionar sobre o aproveitamento social e ambiental da diversidade.
Este proxecto seleccionado corre a cargo de Pista Catro Produtora de Soños e Mónica de Nut e todas as actividades serán rexistradas en vídeo e fotografía.
CARTOGRAFÍA SONORA DO PEQUENO COMERCIO
Feira Artesá é o segundo proxecto seleccionado, proposto por TANKollectif e Niquelarte. Esta iniciativa busca elaborar un diagnóstico participativo do estado emocional e sensitivo do patrimonio comercial da Agra do Orzán, co gallo de intervir, a partir da diagnose realizada, na súa posta en valor e na activación do comercio de proximidade como forma sustentábel dun xeito activo e común. Deste xeito, os seus obxectivos pasan pola creación dunha cartografía sonora e dun atlas do comercio do barrio, a transformación do espazo urbano ou a fusión e o entendemento cultural.
Para acadar estas metas, trazarase un itinerario que aglutine unha boa mostra de talleres e pequenos comercios, puntos significativos do patrimonio identitario da Agra do Orzán. Participarán mais ou menos a partes iguais comercios e artesáns “locais” –aqueles chegados á Agra nas primeiras migracións do rural e as segundas ou terceiras xeracións das mesmas– e ”foráneos” –aqueles vinculados ás recentes migracións de carácter “mundial”–. O itinerario elixido –pode variar se os propios comerciantes o desexan– será Agra do Orzán, rúa Barcelona e Vila de Negreira, que de forma xenérica aglutina ambos tipos de locais.
Durante dous días os comerciantes interesados sacarán o comercio á rúa, desenvolvendo as súas actividades comerciais ou artesás no espazo público. A organización facilitaralles materiais de apoio para realizaren as súas actividades, así como mobiliario para facer seu o espazo público vinculado ao seu establecemento, favoreceranse así lugares de encontro entre os comerciantes-artesáns e os clientes usuarios, que poderán realizar talleres ou reparacións explicativas da súa profesión nos que a veciñanza poderá participar dun xeito activo e colaborativo.
O proxecto desenvolverase en catro fases. Nunha primeira, os responsábeis buscarán os artesáns e comerciantes interesados en participar e crear o atlas. A segunda centrarase na fabricación de postos que se empregarán na feira. A terceira parte, a central, será a celebración da feira. A última será a elaboración do atlás e a súa presentación aberta no barrio.
MEMORIA DO UNDERGROUND
Agra do Orzán, o barrio dos músicos, proxecto de Tres Laboratorio de Ideas e Comunicación, é a terceira proposta escollida pola organización de Música en Branco. A súa intención é dar a coñecer o papel que historicamente tivo e segue a ter o barrio da Agra do Orzán no desenvolvemento da música en Galicia e máis concretamente na Coruña. Nas súas rúas instaláronse multitude de locais de ensaio e mesmo estudos de gravación que foron unha auténtica referencia nos anos oitenta e noventa. Un lote de bandas naceron e deron os seus primeiros pasos na Agra do Orzán. Grupos como Milladoiro gravaron o seu primeiro álbum dende este barrio da man do selo Ruada. Ou Os Diplomáticos de Montealto, que puxeron en marcha a xeración bravú nos locais de ensaio da Agra, un barrio considerado o berce dos grupos coruñeses dos oitenta e noventa, Cacahué, Los Dramáticos, Papaqueixos ou Xudef Klass medraron musicalmente na Agra.
Partindo desta realidade, este proxecto elaborará un documental para buscar as orixes destes locais de ensaio e estudos de gravación, realizando así un percorrido pola historia musical da cidade. A peza audiovisual combinará entrevistas con fondos musicais e imaxes de arquivo dos ensaios e as actuacións daqueles grupos, e tamén amosará o presente destes locais.
O resultado final coñecerase nun acto público no que se proxectará a fita, cuxo proceso de realización se estenderá ao longo de dous meses. Á volta do verán comezará a documentación e a proxección aberta celebrarase ao final de outubro.