ACTIVIDADES | PASEOS POLO BARRIO Alá onde rematan as liñas de autobús comezou a terceira camiñada dos Paseos polo Barrio. Na estación atopáronse uns quince participantes co equipo de Música en Branco e a coordinadora destas rutas de sendeirismo e paisaxismo urbano, Cristina Anllo, que leva todo o mes camiñando polas costuras da cidade. Nesta ocasión, o especialista que acompañou a marcha foi Carlos Iglesias, técnico de industrias alimentarias e experto en análise de solos. E grazas a el, os asistentes foron máis conscientes do chan que pisaban, da súa historia, dos seus cambios e do que, noutrora, ofreceu aos cidadáns da Coruña.
A primeira parada realizouse no parque de Vioño, ás portas do polígono industrial da Grela. Alí Carlos Iglesias comezou a desvelar as claves do solo que, noutro tempo, vivía entre cultivos. “Dende a rolda até o Ventorrillo, en tempos todo eran leiras destinadas ao cultivo de patacas ou cereais. Esta é unha zona protexida dos temporais máis fortes e por iso, en gran medida, o terreo destinábase aos cereais, que sofren moito cos ventos fortes. Esta zona atópase nun altiplano protexido”, explicou Iglesias, quen tamén furou nas interrogantes que adoitan acompañar ao nome do polígono industrial. “A toponimia da Grela, a súa orixe, non está moi clara. Pode que nalgún momento fose coñecido realmente como a Agra da Grela e que, por acurtar a frase, quedase como A Grela, sendo o “A” un falso artigo”, reflexionou Iglesias.
Precisamente, a seguinte explicación sobre o solo foi sobre o do polígono. “A parte alta da Grela era unha zona de brañas, con moitísima humidade e iso afectou as construcións actuais. E en Marineda pasaban moitos regatos e é por iso que agora teñen un sistema para evitar que se aneguen as partes baixas do centro comercial”, sinalou o experto. Pola súa banda, un dos participantes, Ricardo, lembrou tamén como na rúa Barcelona, en tempos, existía unha carballeira onde se celebraba a feira das cabras pero que, trala urbanización, esa feira se trasladou a onde agora está instalado o Mercadona. “Por iso unha das paradas do bus da zona agora lémbrase como a da Cabra”, engadiu Ricardo nun parque de Vioño que, pouco a pouco, foi quedando na retagarda.
A camiñada transcorreu daquela polo Polígono da Grela, nun día festivo e con apenas movemento. O deterioro urbano agromou en todos os recantos desta zona degradada da man de grandes edificios construídos, mais aínda desocupados como mostra dos tempos ruíns nos que andamos vivindo. E o contraste, unha vez máis, manifestouse entre paso e paso. Tras as naves industrias e os grandes inmobles, xurdían no horizonte casas familiares e tradicionais ao pé de estrada ao chegar á Fontenova. Alí, na compaña dalgunha veciña, os participantes tentaron localizar fisicamente o histórico Resplandor en el Abismo, un ateneo libertario que en tempos da II República se converteu nun punto de encontro e de ensinanza para as familias humildes da contorna. Así o lembraran xa os participantes da Barriografía de Xurxo Souto no Centro Cívico da Silva. Finalmente, non quedou moi claro cal era o seu emplazamento exacto, mais o arrecendo do ateneo zoaba no aire.
“A CIDADE ESTÁ NO BARRIO”
A partir de aí, comezou a ascensión por entre as casas da Silva. Neses lares, realizouse a segunda parada do traxecto, onde Carlos Iglesias –coa axuda de varias fotografías históricas– afondou na construción da cidade a través do conxunto de barrios que hoxe coñecemos. “O que lles dá vida ás cidades son os barrios”, proclamou Iglesias. Eses barrios, no seu momento e probabelmente aínda na actualidade, funcionaban dun xeito autónomo. “Eran como aldeas independentes, tiñan a súa propia vida, a súa identidade, a súa festa”, afirmou Carlos antes de engadir que todos estes lugares “sufriron cambios moi drásticos nos últimos 65 anos”.
Nesas seis décadas e media, A Coruña foi mudando a súa cara e a súa natureza con grandes alancadas e, sobre todo, aproveitando a súa orografía particular. Unha orografía que dotaba á cidade dun abeiro especial ante as inclemencias dos ventos atlánticos. “A orografía, realmente non sufriu grandes cambios, xa que se aproveitou unha zona moi benévola, aproveitando as zonas que eran máis favorables. Contouse sempre cunha sorte de cinto, de montañas, que protexían á cidade. A Coruña está abrigada por esas montañas, o cal permitía que, en tempos, houbese zonas moi fértiles para o terreo. Pero non eran realmente, como se podería pensar, o fondos dos vales, senón as zonas intermedias, nas ladeiras. E por que? Porque a gran cantidade de regatos facían que esas partes fosen, totalmente, brañas”, subliñou o técnico.
Nesa explicación, volveron agromar as brañas, a humidade, a gran relación da Coruña non só coa auga do mar, senón coa auga caída desas pequenas montañas que, ao tempo que afogaban os vales, servían de abeiro á cidade. Unha cidade que, nestas últimas décadas, cambiou determinantemente. “A Coruña viviu dous grandes momentos de expansión, de cremento desmedido. O primeiro deles produciuse nos anos cincuenta e xa, despois, nos setenta e comezos dos oitenta, viviuse outro máis agresivo”, concluíu.
POLO CINTO CARA Á SAN PEDRO
A marcha reanudouse polas zonas nas que a Coruña aínda segue a conservar o seu pasado rural. Lonxe da Rolda de Outeiro, entre leiras e prados, a camiñada transcorreu até o Monte de San Pedro seguindo as sendas abertas entre a vexetación. Bordeando a cidade, a Agra do Orzán saudaba na distancia, amosando toda a súa densidade de formigón e esgazando o ceo coas súas desmedidas alturas. Aló, dende a distancia, a Agra víase demasiado Agra. E, tamén, dende a distancia, enxergábase o Monte de San Pedro. A marcha, arredando o asfasto, comezou o ascenso ao mirador despois de sortear, baixo un túnel repleto das pintadas máis urbanas, os carrís da Terceira Ronda.
Antes de rematar con esta terceira camiñada, produciuse unha última parada, fronte ao Portiño, onde os cheiros e as memorias agromaron. “Esta zona, antes de estar como está agora, foi unha canteira que, pouco despois, transformouse nun gran vertedoiro. As autoridades non preveron que a cidade ía medrar tanto e tan rápido e que ese vertedoiro ía quedar desbordando, protagonizando os dramáticos acontecementos que todos coñecemos“, lembrou Iglesias, en referencia a aquel día de setembro de 1996, cando 200.000 toneladas de lixo caeron ladeira abaixo engulipándoo todo, incluíndo a vida dun veciño do Portiño.
E coas lembranzas desa catástrofe, os camiñantes enfrontáronse ao último tramo da camiñada. San Pedro recibiunos co ceo aberto mentres que o mar do Orzán batía con forza contra a praia, coa bravura propia dunha noite de San Xoán que, malia anunciar a entrada do verán, tremelicou de frío aos pés das lumeiradas. Dende o alto de San Pedro e coa Coruña deitada á beira do mar, o equipo de Música en Branco: memoria da Agra do Orzán xa comezou a pensar e a traballar na seguinte e última ruta, a que se celebrará o próximo domingo, entre Meicende e o Estado de Riazor. Mentalicen os pés e prepararen o caletre para esta derradeira etapa. As rutas comezan a chegar ao seu destino.