Unha Barriografía no horizonte do barrio, “onde a Agra é máis Orzán”

“Algúns dicían que a Agra do Orzán non tiña horizonte. Mais hoxe deunos o océano enteiro. Medre o mar!”. Con estas palabras, Xurxo Souto puña o punto e final o pasado sábado á súa sétima Barriografía. Unha de descuberta, de enxergar o Atlántico, de gañarlle a partida aos valados e mesmo de mirar, con superioridade e por riba do ombreiro, as toneladas ergueitas de formigón. Nesta sétima Barriografía, abriuse un gran ollo para o Atlántico, unha atalaia para os veciños, unha casa de luz para a cidade. Foi un programa único que, como proclamou Xurxo Souto, fíxose ao vivo dende alí “onde a Agra é máis Orzán”.

Ese lugar foi o Parque do Observatorio, o espazo de desexo por definición para a veciñanza. Un enclave privilexiado e case sempre pechado para a cidadanía. Dende alí, dende esa atalaia, a vista viaxa por riba dos edificios e énchese de mar. A Agra do Orzán, “o Hong Kong galego” como se canta na sintonía do programa, coñeceuse dende outra perspectiva e coa banda sonora de Música en Branco como pano de fondo. Xurxo Souto, na compaña do músico César Morán, o gaiteiro Xan Xove, a intérprete Lydia Botana e o pandeireteiro Davide Leira, convidou a todo o barrio a achegarse ao Observatorio grazas a un pasarrúas que rachou, unha vez máis, a rutina da rúa Barcelona. Xa o dicía Xosé Manuel Pereiro na súa crónica de El País de hai unhas semanas: En la ciudad no todo es ruído. Aquí podedes escoitar o programa completo:

http://www.ivoox.com/barriografia-7-parque-do-observatorio-22_md_2160674_1.mp3″ Ir a descargar

A HISTORIA DO OBSERVATORIO

O lanzamento do globo do Observatorio Meteorolóxico

O lanzamento do globo do Observatorio Meteorolóxico

Francisco Infante, director do Observatorio Meteorolóxico, foi o primeiro convidado de Souto e o encargado de explicar a historia do espazo. “Este é un edificio con historia, creado en 1930. Daquela, estaba só. Diante, unicamente aparecían algunhas casas da Cidade Xardín. E despois, co tempo, as casas dos Mariñeiros xurdían por detrás”, explicou Infante, quen lembrou que o traballo que se fai neste espazo, agora sede da delegación da Axencia Estatal de Meteoroloxía, resulta “impresicindible” para a flota. “Dende aquí fanse as previsións de como está o mar en toda a costa atlántica e tamén en altamar”, sinalou.

Os esforzos que se fan dende o observatorio constitúen, para Infante, unha “experiencia global”. Sobre todo, o lanzamento do globo meteorolóxico. “Soltámolo dúas veces ao día e en todas as partes do mundo vívese esta mesma experiencia. Ao mesmo tempo, envíanse estes artefactos en diversos puntos do planeta e todo para conseguir os datos meteoróloxicos da xornada”, explicou Infante. Ese globo, esa sorte de ovni que suca o ceo coruñés cada día, foi tamén un dos grandes protagonistas da Barriografía, cando os técnicos da axencia o enviaron ao firmamento na presenza dos veciños que acudiron ao convite de Música en Branco no interior deste parque pechado adoito polas tardes.

DO GRUPO AGRA A CUNQUEIRO

Acto seguido e grazas a César Morán, a música recuperou os micros das Barriografías. O intérprete coruñés tirou de memoria e contoulles aos oíntes os seus primeiros pasos na música, con arrecendo ao formigón dos setenta. Na segunda metade desa década, César Morán na compaña dos seus irmáns creou o grupo Agra, “unha cooperativa de músicos”. César encargábase dos teclados, Humberto da batería e Paulo da guitarra nunha formación que, nos seus comezos, tamén lle puxo música, dalgún xeito, aos primeiros pasos da profesionalización do teatro galego. “Agra actuou en directo nalgunhas montaxes de Troula, a compañía de Antonio F. Simón, cando arrincaba de verdade a escena galega. E despois, 25 anos despois, tamén formamos parte das homenaxes que se lle fixeran a eses comezos do teatro”, explicou Morán, en referencia á montaxe do CDG Daquel Abrente.

Morán, ademais, tamén rememorou a música que se facía na Coruña nos anos setenta. “Estaban os grupos que facían rock, con versións dos Rolling e doutras bandas. Por outra lado, tiñamos os que comezaban a andar coa música folk, por dicilo dalgún xeito, dende Milladoiro a Berrogüetto. Despois, estaba a canción de autor e, por último, nós que pensabamos que faciamos algo orixinal”, explicaba Morán entre canción e canción de Agra. Cancións que, neste grupo e dentro da súa buscada orixinalidade, posuían títulos tan longos coma unha Rolda de Outeiro cos semáforos en vermello. E para mostra deses nomes, un dos temas que se escoitou na Barriografía: E foi que as teclas do piano bailaban e bailaban mentres eu andaba a fritir as patacas.

Ademais de regalarnos gravacións do grupo Agra, Morán tamén actuou en directo coa súa guitarra no brazo e con Cunqueiro no bico. Autor do libro-disco Haberá Primavera (Galaxia, 2011), César interpretou dous poemas musicados do autor de Cantiga nova que se chama Riveira: Ela, poema 4 Deica Abril. 

CON LYDIA BOTANA ATÉ AUSTRALIA

Tras a voz melódica de César Morán, un estilo moi diferente instalouse na Barriografía do pasado sábado. Lydia Botana, coa súa guitarra e o seu acordeón, achegouse ao Parque do Observatorio para lembrar a súa traxectoria ao longo dos anos… e tamén da xeografía mundial. Da Coruña a Boloña, de Boloña a Australia, Lydia converteu as rúas de medio mundo no seu escenario particular. “A cultura está na rúa. A rúa é o gran escaparate, polo que todos os artistas temos que pasar por ela”, subliñou a intérprete, implicada en mil e un proxectos diferentes, como Fura Fura, banda de homenaxe ao Zeca Afonso; Labregos do Tempo dos Sputniks, xunto ao Leo e García; ou colaboracións con Zënzar, ademais, claro está, da súa carreira baixo o nome de Bolboreta.

Lydia Botana, en plena interpretación

Lydia Botana, en plena interpretación

Tanto Lydia como Xan Xove reviviron ao unísono as anécdotas que viviron ao tocar na música. Entrelazaron lembranzas nunha especie de regueifa de memoria, na que Lydia Bolboreta recuperou o seu paso polo Liverpool dos Beatles e das súas actuacións no mítico Cavern Club antes de cantar algúns dos seus temas en directo.

AS MOTOSERRAS NAS CONCHIÑAS E O GLOBO NO CEO

E aínda que nas cidades non todo é ruído, si que hai moito balbordo e, moitas veces, o rinchar ecoa demasiado. Un deses casos viviuse a semana pasada no barrio, cando as motoserras resgaron o pouco verde dun barrio feito de cemento grisallo. As obras comezaron na Praza das Conchiñas e os operarios cortaron todas as árbores. O seu son, o renxer das árbores sucumbindo baixo o frío metal, escoitouse nesta Barriografía, da man de Zezilia Meléndrez, a quen Xurxo Souto presentou primeiro como a “nena do muíño da Gramela” e, despois, como “actriz total”. “Todo o teatro faime vibrar, o mundo da educación e da escena tíranme moito”, explicou Zezilia, quen tamén lembrou a súa infancia ao abeiro dese muíño. “Eu, a infancia, lémbroa xogando na rúa. Lembro que sempre andamos buscando a parte da natureza que hai neste cemento duro que temos na Agra”, proclamou.

E das motoserras no chan ao globo no ceo. Cara ás 13.15, os asistentes á Barriografía tiveron a oportunidade de ver o lanzamento do globo meteorolóxico, que se perdeu no horizonte. “Espectacular, nin o de Betanzos. É a primeira vez que vexo algo así e, posiblemente, a última”, explicou entre risos Davide Leira, pandereiteiro do grupo Maghúa. “Somos un grupo aberto, un grupo de amigos. Como curiosidade, somos todos rapaces, cando o normal neste tipo de formacións con pandereita é que prime a voz das mulleres. Nós o que buscamos é recuperar a música dos nosos vellos”, resumiu Leira antes de partillar, para recuperar memorias, unha conversa final con Xan Xove. Entre as súas lembranzas, agromaron as historias de Eva Castiñeiras, “alma máter” da pandeireta, ou do Gaiteiro do Poso, mítico músico dos Ancares.

Davide Leira, de Maghúa

Davide Leira, de Maghúa

E con esas lembranzas, cos ancestros da música e o globo meteorolóxico sucando os ceos coruñeses, a sétima Barriografía botou o peche mirando, por unha vez, por riba de todo o formigón da Agra. “Algúns pensaban que non había horizonte na Agra e hoxe regalounos o mar enteiro”, reflexiounou Xurxo Souto unha vez máis antes de pedir, de novo, que todos berrasen, ao unísono e dende a atalaia devecida aquilo de… “MEDRE O MAR!”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Gravatar
Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. ( Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. ( Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. ( Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. ( Sair / Cambiar )

Cancelar

Conectando a %s