Xa podes escoitar a Barriografía da Silva

ACTIVIDADES | BARRIOGRAFÍAS   Estreamos as Barriografías a bordo dun autobús, na liña 7, no traxecto de Monte Alto a Rolda de Outeiro, entre a pasaxe habitual e os medios de comunicación que viñeron descubrir con nós esta viaxe comandada por Xurxo Souto polos sons, as músicas e as memorias da xente da Agra do Orzán. Desprazámonos logo ao colexio de San Pedro de Visma para recoller, non había nada que inventar, todo o talento que cada mañá no tempo do recreo enche a grella de Radio SPV, a radio libre das alumnas e os alumnos, que eles chaman tamén Radio Patio e Radio Tuku-Taka.

Para a terceira etapa, o equipo da radio itinerante subiu barrio arriba até o antigo couto da Coruña, A Silva, onde se daban, dicía Xurxo Souto con fachenda, coma se fose mesmo da zona, os mellores repolos, o mellor trigo e o mellor millo da volta, o cereal que logo ía dereito aos antigos muíños da Agra do Orzán. Máis de medio cento de persoas responderon a chamada das Barriografías nos exteriores do Centro Cívico da Silva. Ambientazo.

Últimas instrucións antes de empezar: aínda habería que engadir cadeiras até tres veces

Últimas instrucións antes de empezar: aínda habería que engadir cadeiras até tres veces

Cantas cousas caben en oitenta minutos de radio ao vivo, entre sintonía e sintonía. Cantas músicas e cantas historias. Abriron o programa as mulleres –maioría esmagadora– e os homes do club de canción popular do Centro Cívico da Silva, un grupo que argallou Cristina, factótum do centro e cómplice imprescindíbel na organización desta Barriografía, e dirixe Ramona del Prisco, unha toledana de Consuegra que se afeccionou á música galega coas melodías de Andrés Dobarro e Pucho Boedo. Xuntas interpretaron varias cancións do seu repertorio.

Non había máis que botar a cantar Morriña, por exemplo, aquela canción que popularizara Pucho Boedo con Los Tamara, para que entre o público alguén erguese a man para completar coas miudezas que decote esquecen as crónicas oficiais a intrahistoria desas músicas, circunstancia que aproveitou Xurxo Souto para lembrar as festas populares da Silva e os combates entre Los Trovadores e a orquestra Los Satélites, ou o que é o mesmo, a competencia festiva entre A Silva de arriba e A Silva de abaixo. O resto viña de seu: poñer a xirar o tocadiscos con aquilo de “Así fue que empezaron papá y mamá / tirándose piedritas en la quebrá” e empezar a bailar.

O club de canción popular da Silva

O club de canción popular da Silva

Pucho Boedo, o rapaz que naceu na Venela e se criou na Ramalleira, tiña que ser un dos protagonistas do programa, por suposto, mais tamén había un oco, e xeneroso, reservado para outro heroe da música popular coruñesa: o Queleré da Silva, autor de ducias de cantareas de Entroido. Para iso arrodeaban a Xurxo Souto varias mulleres da zona, como Locha, Luísa –prodixiosa memoria– e Maruxa a Fogueteira, quen fora compañeira de vida do Queleré, que axiña se converteu na voz cantante, literalmente e no sentido figurado, da festa radiofónica de Música en Branco.

Luísa lembrou verso a verso algunhas das máis populares cantareas do Queleré, como aquela sobre os cobradores da Fenosa que deixaban en sombra os obreiros, aqueloutra sobre o anxiño cativo na Ponte da Pedra ou a longuísima historia do caso da xitana de Terranova de Eirís, un popular timo da época. Con Maruxa aprendemos outra toponimia para estas terras altas da Coruña, dende a Agra Vella até a Gandería, e rimos a cachón con todo ese anecdotario do Entroido e a súa retranqueira autobiografía. Até que choramos, claro. Porque tamén choramos.

Maruxa a Fogueteira, coa súa filla, Xurxo Souto e Luísa, prodixiosa memoria das cantareas do Queleré da Silva

Maruxa a Fogueteira, coa súa filla, Xurxo Souto e Luísa, prodixiosa memoria das cantareas do Queleré da Silva

Coa historia de Caryl Chessman, executado a comezos dos anos 60 nos Estados Unidos, a quen Pucho Boedo cantaba naquel tango estarrecedor, Chessman, o programa entrou con Xurxo e Maruxa nos estrondosos “silencios da Silva”. Na memoria do movemento obreiro no barrio e a feroz represión posterior dos golpistas, que levaron por diante ducias de vidas, como a do bibliotecario de El Resplandor en el Abismo, o centro social da CNT, un rapazolo de 16 ou 17 anos de Cances que case nin sabía ler e escribir, relatou Maruxa coa emoción a ortigar a caluga da audiencia.

“Non se podía contar nada disto. A miña nai dicíame que había que calar, que até as paredes escoitaban”, lembraba Maruxa. Eses eran os silencios da Silva. O terror que tragou durante décadas tantas historias de dignidade, resistencia e barbarie, como a da propia familia de Pucho Boedo, arrasada pola represión de parte a parte. Ou a da propia Maruxa, que pasaba fame de cativa por non ir comer das lentellas que repartían os fascistas. “Polo carallo”, espetoulle a Xurxo Souto, cun exemplar da Memoria de ferro de Antón Patiño Regueira na man. “Como dicía a miña nai: non lles vou deixar que me manteñan uns fillos para que me maten outros”.

E para rematar, a coro, O gato, aquela canción da Roda secretamente ligada á Silva, porque conta a historia dun gato que entraba nunha casa de Vilariño, no Morrazo, na que vivía un rapaz que logo medrou, Chema Hermelo, e acabou traballando a poucos metros de onde se gravou esta Barriografía: a refinaría da Coruña.

Unha tarde marabillosa, inesquecíbel, na Silva. Oitenta minutos de radio e memoria que podes escoitar aquí:

http://www.ivoox.com/barriografia-3-centro-civico-da-silva_md_2079027_1.mp3″ Ir a descargar

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s