Os medios ollan cara á Agra do Orzán

NOS MEDIOS   Cun autobús en marcha, arrodeado de viaxeiros e coa rutina abafante devecendo por chegar, non se presenta complicado realizar un programa de radio. Tampouco resulta fácil nesas circunstancias tirar fotografías, tomar notas ou gravar audio para escribir unha crónica. Ten as súas dificultades, mais o luns Xurxo Souto conseguiu o primeiro e os compañeiros xornalistas encargáronse do segundo. Dende ese día no que botou a andar no bus da liña 7 Música en Branco: memoria da Agra do Orzán, os medios miraron cara á Agra para contar como un barrio pode coñecer a súa historia a través da súa memoria musical e sonora.

No dixital Praza Pública, o xornalista Miguel Pardo publicou unha crónica baixo o título “A memoria musical do barrio máis ‘denso”. “Música en branco leva meses traballando. Primeiro na recolleita de información sobre a contorna, os veciños e a súa relación coa música entre o que se inclúe a consulta de fontes documentais e bibliográficas ou a realización de 60 entrevistas persoais. Agora, chega o momento de envorcar toda esa información en oito liñas de actuación que inclúen estas Barriografías de Xurxo Souto, un obradoiro de sendeirismo urbano ou as audioguías elaboradas polo colectivo Escoitar.org que permitirán percorrer o barrio ao son da súa memoria musical”, sinalaba o xornalista na súa información. O portal estatal eldiario.es tamén se fixo eco da iniciativa dende Madrid e publicou a noticia elaborada por Pardo.

Pola súa banda, Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio de Xornalistas de Galicia, tamén se animou a subir ao autobús para escribir sobre a memoria sonora da Agra do Orzán no diario El País. Na súa edición dixital, Pereiro proclamaba que “En la ciudad no todo es ruido“. Na súa crónica, acompañada por fotos de Gabriel Tizón, o xornalista contaba: “Memoria en branco: memoria da Agra do Orzán, a iniciativa que se presentou onte na Coruña, é unha intervención urbana que pretende investigar, documentar e explorar o patrimonio e a memoria musical deste denso barrio coruñés (un metro de espazo público por cada tres habitantes), o barrio emigrante por excelencia”. Pereiro, ademais, subliñou a relevancia dos sons e das músicas para a identidade histórica dunha comunidade. “Se, como citou Souto a Agustín Fernández Paz, “a cidade é un libro que se le camiñando”, Agra do Orzán será un barrio que se coñecerá escoitando”.

O xornal El Ideal Gallego tamén quixo contar o que se movía no barrio. “O proxecto ‘Musica en Branco’ fará unha radiografía sonora do Agra“, titulaba o rotativo. A información, de M.G.M.,  destacaba que “os organizadores das actividades convidaban aos 30.000 coruñeses con casa na Agra do Orzán a contar a súa vida sonora cos demais”. La Opinión, pola súa banda, retratou escuetamente as liñas principais do proxecto na noticia “Radiografía al Agra do Orzán”. Pola súa banda, La Voz de Galicia tamén publicou nas súas páxinas locais unha información ao respecto de Música en Branco.

O semanario Sermos Galiza, na súa edición na rede, titulou “Agra do Orzán, un barrio con banda sonora en construción”. “Ademais das Barriografías, o programa de radio itinerante de Xurxo Souto, ‘Música en branco’ inclúe paseos urbanos, da man do colectivo Microprojets de Cristina Anllo, e que establece catro rutas, a acción artística ‘Contenedor de feminismos’ con Carme Nogueira, Anxela Caramés e Uqui Permui ou ‘Notours’ que converte o barrio nun museo intelixente, coa elaboración de audioguías”, resume as actividades o semanario.

Culturagalega.org ofreceulles aos seus lectores unha nota informativa sobre o proxecto titulada “Un proxecto recupera a identidade sonora do barrio Agra do Orzán”. E até o portal Berenguela, destinado a turistas e peregrinos que visitan Galicia, interesouse pola iniciativa Música en Branco, destacando que este proxecto “recupera a memoria sonora do barrio coruñés Agra do Orzán“.

Como non podía ser doutro xeito, as radios centraron o pasado luns a súa atención na memoria sonora da Agra do Orzán. Dese xeito, o Diario Cultural da Radio Galega emitiu unha fonda reportaxe de Anxo Quintela na que se entrevistaba a Xurxo Souto, director dos programas de radio Barriografías, e a Julio Gómez, un dos coordinadores do proxecto. A Cadena Ser da Coruña subiuse ao autobús onde se celebrou a primeira destas Barriografías e emitiu fragmentos do mesmo na súa programación matina, para informar do que se ía escoitar a partir da agora no barrio. Onda Cero e tamén a Cadena Cope entrevistaron a Xurxo, quen destacou nas súas intervencións a importancia do patrimonio sonoro e musical na historai dun barrio, Agra do Orzán, que dende hai moitas décadas é a porta de entrada dos novos cidadáns da Coruña que chegan do exterior.

E esta pequena mostra do interese dos medios só é o principio, xa que outros medios xa amosaron o seu interese para contarlles aos seus públicos o que está pasando na Agra do Orzán. Como respira, como soa o que acontece nese barrio coruñés.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s