Financiamos o teu microproxecto

O colectivo Sinsalaudio, a través do proxecto Música en branco: memoria da Agra do Orzán, xunto co Concello da Coruña, a través do proxecto URBANA-C, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), abren unha convocatoria para a presentación de microproxectos culturais a desenvolver no barrio da Agra do Orzán e a súa área de influencia co obxectivo de activar procesos de produción cultural colaborativos e en relación co contexto do barrio, a súa realidade e os seus habitantes.

Música en branco: memoria da Agra do Orzán é un proxecto desenvolvido en dúas fases: unha primeira de investigación na que recollemos, a través de entrevistas a diferentes axentes do barrio e da cidade, información relevante sobre a comunidade e a súa historia musical e sonora; e unha segunda na que seguimos, a través de diferentes actividades de investigación e produción cultural, ampliando as pesquisas e a recuperación da memoria a través de procesos colaborativos de produción e xestión de proxectos.

Neste intento de colaborar con outras persoas, colectivos, artistas, empresas, etc, abrimos o día 30 de maio esta convocatoria para microproxectos de produción cultural que operen co barrio e as súas xentes a través de propostas vinculadas á historia musical e sonora da Agra do Orzán.

DATOS RELEVANTES SOBRE O BARRIO

1. É un dos barrios máis densos do estado español, cun índice próximo aos 690 habitantes por hectárea, e cunha poboación algo superior aos 29.000 habitantes concentra o 12% da veciñanza da Coruña.

2. Construído na segunda metade do século XX, urbanisticamente é un barrio de rúas estreitas e sen apenas luz, atravesado por grandes vías que dificultan o tránsito peonil, con ausencia de espazos verdes e de lecer e un déficit histórico de programas culturais públicos.

3. Ten un elevado número de migrantes de diferentes procedencias: o rural galego, retornados da emigración a Europa e migrantes de África, Suramérica e Países do Leste.

No web do proxecto A Cidade dos Barrios podedes atopar información urbanística e demográfica, e no blog Suma Ágora tendes aos voso dispor datos e numerosas entrevistas a algúns dos seus veciños e as súas veciñas, ademais dun mapa de colectivos, asociacións, ONG, escolas, etc, que operan na Agra do Orzán e que vos poden axudar a contextualizar os proxectos e as ideas.

CONDICIÓNS DA CONVOCATORIA

Quen se pode presentar? Persoas físicas ou xurídicas. Asociacións culturais, veciñais, sociais, ONG, empresas culturais, artistas, pensadores, comisarias, xestoras, activistas, colectivos, etc, tanto do barrio da Agra do Orzán como de todo o territorio galego.

Cal debe ser a temática dos proxectos? Memoria sonora e musical do barrio da Agra do Orzán.

Cales son as condicións? As actividades deben autoproducirse coa dotación orzamentaria establecida.

En que contexto? Algúns temas relevantes que saíron nas entrevistas e que, se queredes, podedes ter en conta son:

1. Ausencia de espazos públicos no barrio.

2. Escasa relación entre asociacións e colectivos do barrio.

3. Alta densidade poboacional.

4. Poboación intercultural.

5. Barrio cunha poboación moi avellentada.

6. Pequeno comercio moi relevante para a vida económica e social do barrio pero enormemente afectado pola crise económica.

Que metodoloxía hai que empregar? Os proxectos deben implicar de forma activa as xentes do barrio nalgunha das súas fases.

Algún requisito de comunicación? Os e as beneficiarias deberán aplicar nas súas actuacións e na documentación dos seus procesos de traballo os protocolos de comunicación e publicidade de Urbana-C e facer constar, sempre, que se opera no marco dun proxecto cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Que espazos se poden utilizar? Os proxectos que se presenten poden adaptarse a estes espazos:

-Comercios e espazos públicos ou comúns vinculados ás áreas comerciais.

-Escolas e centros de formación.

-Locais ou espazos compartidos polas asociacións de veciños, comunidades de veciños, ONG e outros colectivos do barrio.

-Bares e baixos comerciais.

-Espazos públicos.

-Centro Ágora.

(*) No caso de propoñer outros espazos, estes deberán ser contrastados coa organización.

Cal sería a duración mínima e máxima das actividades?  Mínima dun día e máxima dun mes. As actividades deben realizarse durante o mes de outubro de 2013.

Que dotación económica tería cada proxecto? Entre 2.000 e 3.000 euros –impostos incluídos– como máximo que serán aboados ao finalizar a actividade tras presentar a memoria da mesma –a memoria pode ser escrita, rexistro de vídeo, audio ou outro formato acordado coa organización– e as facturas que xustifiquen a totalidade da axuda. Con esta dotación económica debe autoproducirse a actividade.

Solicitudes: para enviar unha proposta de proxecto é preciso encher a ficha de solicitude que atoparedes máis abaixo e acompañar a mesma dun CV de non máis de tres folios.

Data límite de recepción de solicitudes: 30 de xuño de 2013.

Selección dos proxectos: os proxectos serán seleccionados polo equipo de traballo de Música en Branco e e faranse públicos no web do proxecto e no blog de Suma Ágora durante o mes de xullo de 2013.

PRESENTA AQUÍ MESMO A TÚA PROPOSTA

2 thoughts on “Financiamos o teu microproxecto

  1. Pingback: “Música en Branco” financia tu microproyecto cultural

  2. Pingback: Últimos días de la convocatoria de microproyectos de “Música en Branco”

Os comentarios están pechados.