“A música tradicional fala da vida mesma”

O primeiro ciclo de actividades de Música en Branco: memoria da Agra do Orzán chegou ao seu final o pasado mércores co Contedor de Feminismos, un proxecto de arquivo móbil deseñado para o espazo público que xurde a partir dunha idea de Uqui Permui. Ten como obxectivo recuperar, documentar e mostrar as historias das mulleres, o feminismo e as loitas de liberación sexual dos últimos trinta anos en Galicia. Foi creado para recoller o material, para amosalo e difundilo dunha maneira non xerárquica e con desexo de crear redes.

O dispositivo de exhibición foi deseñado por Carme Nogueira e producido para as xornadas Contra vento e marea. Verbas e pegadas dos feminismos, organizadas por Anxela Caramés na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán da Coruña, en setembro de 2009. E o pasado mércores, este Contedor de Feminismos adaptouse ás singularidades de Música en Branco para furar na memoria musical das mulleres de barrios. Unha ducia de persoas acudiron ao convite e lembraron, entre melodías e memoria, as letras de cancións propias e colectivas.

O punto de partida foi a música tradicional, a música de dous pobos. Por unha banda, o galego. Pola outra, o senegalés. “Todo pobo ten a súa música, ten as súas cantigas e todo entra dentro da cultura propia”, explicou Noa Seixo, que insistiu ao longo da conversa na necesidade de conservar a tradición musical. Necesidade que tamén reivindicou Elizabeth, veciña da Agra procedente de Senegal. “Nós tamén temos música tradicional, música senegalesa, que temos que conservar”, explicou Elizabeth, antes de destacar que  “as mullerers son as que compoñen, as que canten” no seu país. “As mulleres seguen a manter as cancións populares”, sinalou.

A MÚSICA TRADICIONAL NO ENSINO

Un dos primeiros debates que xurdiu xirou ao redor do ensino e os seus vencellos coa educación. “No colexio ninguén nos ensina cancións populares nin música tradicional nin danza. Todo iso pérdese. Eu, cando era cativa, ía a danza e a música tradicional porque me educaron no amor ao tradicional. Era das únicas. Hai un problema coa música nosa: tes que ir buscala ti, non se achega a ti. Iso hai que mudala dende o ensino”, lamentou Noa. Non obstante, Rosa Pereira amosou unha experiencia diferente, botando a vista atrás na súa propia vida. “En Rolda de Nelle, onde estudei eu, dábannos clase de música, de danza. En Santa Margarita facíanse mostra tradicionais na romaría que se facía. E cantabamos moitas cancións populares que nos ensinaban. Iso era así e tamén faciamos teatro en galego, o cal era moitísimo máis raro naquela época”, rememorou.

Outra das participantes tamén quixo destacar a importancia de conservar a música de noso dende as súas orixes. Ramona, do Coro da Silva, mallou nese sentido. “Interésanos as raíces da música galega. Buscamos cada día cancións que xa non se escoitan”, sinalou.

“A MÚSICA POPULAR É A VIDA MESMA”

De que fala a música popular? A que olla para crear as súas letras? Que significan para un pobo? “A música tradicional é a vida mesma. Nela está o que a xente vivía na súa vida”, sentenciou Ramona. Como a vida mesma. Nin máis nin menos. Talvez, esa foi a idea máis repetida e apoiada por todas ao longo da conversa. Tanto dende o punto de vista de acó, como o de máis aló. “As cancións tradicionais son sobre cousas que pasaron, que vivimos. No meu país, sobre todo, falan do que lles aconteceu ás mulleres que loitaron moito. Porque no meu pais, a música sempre cantaba moito á xente. Á xente que fixo cousas, que había que lembrar. Agora, quizais, cántase só a xente que ten cartos”, concluíu Elizabeth.

Cántase, polo tanto, á vida mesmo. E os acontecementos que vive a xente. E alí, ás portas do Ágora, Araceli e a súa nai, Sara, lembraron unha época familiar cargada de cancións. Cancións que acaban lembrando cada pouco tempo e cantando nas súas xuntanzas familiares. “Temos unha canción que escribira meu avó, o pai da miña nai que era anarquista, que é coma un himno para nós”, explicou Araceli antes de entoar, xunto a Sara, a letra desta canción titulada Anarquía redentora. “Anarquía redentora, sublime bello ideal / Con su influjo, el capital /vive su última hora. Viva la Fai y su hermana CNT, otra no hay que luche con tanta fe“, comezaron a cantar Araceli e Sara.

As dúas lembraron outras cancións vidas do pasado. Unha delas pertencía a Miguel Sobrado, o fillo menor dos donos do vello comercio Tejidos Barcelona. “El non a vivira , pero fixera cancións sobre a Guerra Civil”, explicou Araceli antes de cantar, outra vez coa nai, unha letra sobre a historia dunha persoa que, con conciencia, nunca quixo matar. “E contan, amiguiño, a historia que xa ninguén pode contar/ Foi naquel tempo do que xa ninguén que falar/ Pepe araba, dichoso, na súa terra/ viñeron a por el para que aprendese matar / Teño ollos para ver /mar para falae, teño razón para saber/ díxolles aos que lle viñeron buscar

OS OFICIOS DA MULLER NAS CANCIÓNS

“As cancións servían para comunicarse. As mulleres, cando andaban a traballar, cantaban para comunicarse entre eles”, explicou Noa, antes de coller a letra dunha canción na que se amosaba o traballo feminino na época: “Manuela, miña Manuela / manoxillo de nabizas/ Aínda que naciches na Grela esa gracia que tes ao pisar/ non a ten ninguén na terra”, cantou Noa, quen reivindicou unha vez máis a importancia de conservar todas estas cancións populares, de realizar un rexistro serio para a súa conservación, cousa que moitos xa están a facer. “Se non fose por xente como Quique Peón e outros moitos e outras moitas que as están a recoller, eu non podería cantalas nin sabelas”, reivindicou Noa.

A partir de aí, a conversa entrou no papel da muller como sustento da familia e da sociedade. Unha constante, tanto nunha parte do mundo como da outra. “As cousas da familia eran da nai. Nós, estando fóra, cando mandabamos cartos á familia a Senegal, sempre os mandabamos á nai. Miña nai encargábase de distribuir os recursos. A muller é o máis importante da familia. No meu país e en todos, o pai pode ser pai de moitos, a nai é só túa”, explicou Elizabeth entre risos das participantes. Pola súa banda, Rosa insistiu nesa mesma idea de que “as mulleres levan o peso da casa”. E tamén, durante xeracións, a memoria das familias, conservando as tradicións e a música tradicional. “Por exemplo, as cancións infantís, esas que lles cantamos aos rapaces para durmir, foron de xeración en xeración mediante as mulleres. Cantábanas as nais”, explicou antes de concluír cun rotundo “sempre nos educaron para coidar dos demais”.

“DARLLE VOLTA ÁS LETRAS” 

E da educación e a vida familiar, regresouse a música a través, primeiro das cancións infantís, e despois coas voces de grandes divas. A primeira en xurdir foi Sara Montiel, que, segundo Araceli era moi “folclórica, pero chapó para ela”. Referíase as letras que cantaba, entre últimos cuplés, e que daban unha visión diferente das mulleres en tempos nas que as mulleres case nin podían ver. Con esa idea como pano de fondo, cantaron Agua que no has de beber. “No se porque andas diciendo que soy mala/ Que el alma tengo negra muy negra /Que soy interesada y pretenciosa /Que de orgullosa no cabe más/ No te ocupes de mí /No he de ser para ti / No te canses déjame ya / Agua que no has de beber déjala correr / Déjala, déjala“. E de Sara Montiel, pasaron a lembrar a outra cantante, neste caso mexicana. Paquita la del Barrio. “Dáballe a volta ás cancións, cambiaba o masculino do feminino nos corridos mexicanso, dáballe outra dimensións as cancións”, lembrou Uqui Permui.

E despois das divas, volveuse á musica tradicional e a importancia da súa conservacións. “A música tradicional fala de nós, da vida mesma. Por iso hai que conservala, por iso debemos facer un arquivo, oficialiazala e visibilizala”, sentenciou Noa aputando os últimos momentos dun Contedor que xa estaba a piques de pechar. Con esa idea no caletre de todas, remataba o tempo dunha conversa que viaxou polos pentagramas da memoria.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Gravatar
Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. ( Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. ( Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. ( Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. ( Sair / Cambiar )

Cancelar

Conectando a %s